FREAR A ENTRADA DO EUCALIPTO NO NOSO TERRITORIO. DENUNCIA DE DÚAS PRANTACIÓNS DE EUCALIPTOS NO SAVIÑAO.
A Asociación Veciñal do Saviñao ven de denunciar á Dirección Xeral de Xestión Forestal da Consellería de Medio Rural dúas prantacións recentes de eucalipto no municipio do Saviñao.
Trátase de dous núcleos, un próximo a Curveixe na parroquia de Santa Mariña de Rosende de 2,118 Has., e outro na Albariza e A Armada na parroquia da Broza de 7,985 Has.
Denúnciase que ditas prantacións teñen un e dous anos, polo que foron realizadas despois da moratoria aprobada pola Xunta contra a proliferación do eucalipto na comunidade.
Dada a proliferación de prantacións ilegais de eucalipto nos concellos do sur de Lugo, maila pertencer á VIII área forestal onde non está recomendada esta especie por Decreto da Xunta de decembro do 2016, a asociación veciñal, amparándose nun dos fins estatutarios básicos como é a protección do medio ambiente, manifesta a clara oposición á proliferación desta especie.
Os argumentos que avalan o rexeite do eucalipto, ó noso entender, son:
1- Tratarse dunha especie foránea que traería en consecuencia a modificación da paisaxe e da natureza, destrozando os nichos biolóxicos de flora e fauna e alterando os cultivos forestais tradicionais.
2- Ser una especie invasora de moi rápida expansión e colonización do territorio.
3- Tratarse dunha especie pirófita que acelera a extensión dos incendios.
4- Contribúe a desecación do chan e das augas soterradas, causando o empobrezemento acelerado do solo e contribuíndo á aceleración do cambio climático.
Consideramos que na zona sur de Lugo existen moitas especies de árbores autóctonas e tradicionais que deberían potenciarse dada a súa adaptación e integración, e tamén pola maior rendibilidade económica potencial: carballo, castiñeiro, nogueira, bidueiro, abelaira, frutais ( mazaira, pereira, membrilleira, érbedeira, etc ).
Con estes argumentos a asociación continuará denunciando este tipo de prantacións no municipio por considerar que o benestar xeral e o interese medio ambiental da sociedade do Saviñao debe prevalecer sobre o beneficio económico dos intereses paticulares.
Texto da denuncia
FOTOS DA PRANTACIÓN DA ALBARIZA:
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
A ASOCIACIÓN VECIÑAL COLABORA ECOMICAMENTE PARA QUE NURIA LÓPEZ COMPRE UNHA CADEIRA DE RODAS COMPETITIVA.
A atleta máis premiada do Saviñao corre nunha cadeira de rodas. Nuria López vive, traballa e entrena na casa familiar de Licín, sen axudas nin apoio da federación de atletismo, a pesar de ter gañado 30 campionatos de España e outros títulos en copas do mundo, como a de París, na que conseguiu tres podios hai uns meses. Nesta competición, segundo nos contou ela mesma, os medios de comunicación dicían: “Gañou a atleta española”, pero en realidade Nuria non representaba a España, senón que foi a título persoal porque non fora seleccionada pola federación. Isto significa que ademais ten que pagar ela os desprazamentos ás carreiras.
Nestas condicións, e contando só coas pequenas aportaciónsque recibe, fáiselle imposible asumir a compra dunha cadeira de rodas adaptada, que custa 6000€. Agora ten unha de terceira man, moito mellor que a outra que tivo, de quinta man.
Sabendo destas dificultades, a Asociación veciñal do Saviñao decidiu en asemblea facer unha doazón humilde de 500 € para axudala a conseguir os seus obxectivos. Cando a visitamos e coñecemos as súas circunstancias, quedamos impresionados pola valentía, a vontade e a forza que demostra, tendo en conta as dificultades que ten que afrontar. Malia todo, ela segue adiante á súa maneira, porque lle gusta correr e tomar decisións. Desexámoslle moita forza e moitos éxitos.
ALEGACIÓNS Á CONSTRUCIÓN DUN SEGUNDO PARQUE EÓLICO EN PARADELA
Unha vez que saíu á información pública a construción dun novo parque eólico no municipio limítrofe de Paradela e como queira que afecta á zona norte do Saviñao, concretamente ós lugares de Valdorraca, Orxaínza, Agra e Souceda, a asociación considera excesiva a proliferación destas infraestruturas, polo que asume as alegacións propostas pola plataforma rural Interior Galego Vivo, á que estamos adheridos.
Na data do 4 de maio rexistramos ditas alegacións no portelo único do Concello dirixidas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para que sexan tidas en conta tanto no estudio de impacto ambiental como no proxecto sectorial.
CHARLA INFORMATIVA SOBRE A LECTURA DO RECIBO DA LUZ.
O venres 25 de marzo a asociación de consumidores ADICAE impartíu por videoconferencia unha sesión formativa na que informaron cómo funciona o sistema eléctrico, qué información conten a nosa factura da luz, o funcionamento da nova tarifa, as vías de reclamación e os hábitos que podemos adoptar para un consumo máis sostible.
O acto organizado pola Asociación Veciñal do Saviñao celebrouse no Auditorio de Escairón e acudiron 20 persoas.
![]() |
![]() |
SÁE Á POXA A ANTIGA CASA SINDICAL, PÍDESE Ó CONCELLO A SÚA ADQUISICIÓN PARA USO SOCIAL.
A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese á Alcaldía do Saviñao coa intención de solicitar a adquisición da Casa Sindical da rúa Mendez Nuñez.
O 3 de febreiro saíu publicado no D.O.G. a poxa pola Consellería de Facenda e Administración Pública do edificio dos antigos sindicatos, dita poxa terá lugar no Edificio Administrativo da Xunta na Ronda da Muralla en Lugo o próximo 17 de marzo. A poxa pública parte dun primeiro valor de 103.000 €, en segunda 88.000 € e 72.500 en terceira.
O edificio dos antigos sindicatos, denominado Lanca ou Campo da Virxe é unha construción de cantería de principios do século XX, ubicado nas proximidades da Devesa de Escairón, co que a súa adquisición por parte do Concello garantiría que nese solar non se constrúa en altura, aportando consenso urbanístico a esa zona de ocio. Dita construción está catalogada como patrimonio civil no PXOUM coa ficha AC-212 e a súa adquisición suporía un interesante incremento do patrimonio municipal.
O edificio actual de dúas prantas e 750 metros cuadrados por pranta ten capacidade suficiente para albergar no seu interior diversas salas e variadas actividades, polo que a asociación considera distintas posibilidades de uso no caso de ser municipalizado:
- A planta baixa podería adicarse a Local da Xoventude, unha vella reivindicación que nunca tivo resolución e que trouxo como consecuencia a deambulación das múltiples xeneracións de xóvenes polos bares ou á intemperie por non contar cun lugar de reunión ou a súa marcha a Monforte ou Chantada, causando desarraigo e fuga da xoventude..
- Poderíase asemesmo baraxar a posibilidade de ubicar nesa ampla planta baixa un Centro de Día para uso e desfrute dos nosos maiores, outra importante carencia de servizos do noso concello. Aínda que para esta actividade a asociación contempla mais idónea a remodelación do edificio de enfronte do antigo ambulatorio.
- A pranta superior podería distribuirse en varios locais para cesión ó diverso tecido asociativo do municipio para a realización das súas actividades, xa que a día de hoxe non hai posibilidade física de facilitar este dereito recollido no ROF e na LRBRL. Son varias as asociacións que non dispoñen dun local : os cazadores, a Asociación do Cabalo, as mulleres rurais, ou mesmo a nosa Asociación Veciñal do Saviñao .
Dada a inmediatez da poxa e o risco de que este edificio sexa adquirido por un titular privado e particular e considerando esta cifra perfectamente asumible para as arcas municipais, é a última oportunidade que terá o Concello de adquirir este ben patrimonial.
Por todos estes argumentos SOLICÍTASE da Alcaldía a participación na poxa para a adquisición deste inmoble para uso do conxunto da sociedade do Saviñao e dos diversos colectivos asociativos.
Na procura de que se actúe con responsabilidade e sentido de xestión da nosa colectividade, despédese de Vdes. A presidenta da asociación. Escairón a 7 de marzo do 2022.
Unha vez celebrada a poxa, coñecemos que non se presentou ningunha solicitude por este edificio. Aínda hai tempo para que o noso Alcalde recapacite.
DÍANTE DA ACTITUDE ABUSIVA DAS ENTIDADES BANCARIAS, A ASOCIACIÓN VECIÑAL SOLICITA DA CAIXA RURAL A APERTURA DUNHA OFICINA EN ESCAIRÓN.
A Asociación Veciñal do Saviñao, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Dirección Comercial de Caixa Rural coa intención de solicitar a ubicación dunha oficina no Concello do Saviñao.
Díante das desorbitadas comisións de mantemento que as distintas entidades estan impoñendo ás contas bancarias, a asociación trasmite a demanda dun bó número de veciños de solicitar á Caixa Rural a apertura dunha oficina en Escairón, capitalidade do Concello de O Saviñao.
A día de hoxe neste municipio de 3.550 habitantes tan só operan dous bancos cando ata hai pouco había catro. Comentar que as oficinas operativas estan colapsadas case que a diario con longas esperas no exterior do edificio e horarios de atención ó público moi limitados que xeran descontento nos depositarios, polo que hai moitos veciños dispostos a cambiar a unha entidade bancaria mais racional e próxima á xente.
Por elo solicitamos que valoren a idoneidade da apertura dunha oficina no noso concello.
Na espera da súa resposta, despédese de Vde. a Presidenta da asociación. Escairón a 9 de decembro do 2021.
Na data do 28 de decembro recíbese resposta da entidade no sentido de que debido á gran cantidade de solicitudes que recibiron, non poden respostar satisfatoriamente nun prazo medio e curto.
A A.V. DO SAVIÑAO INSISTE NA NECESIDADE DUN PUNTO LIMPO NO MUNICIPIO.
A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no Rexistro Provincial de Asociacións e co nº 14 no Rexistro Municipal, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía e partidos da Corporación Municipal coa finalidade de solicitar a ubicación dun punto limpo no municipìo.
O longo destes dous últimos meses comprobamos como na área adicada a recría, entre o vello campo da Lama e o novo campo de futbol, ía medrando unha extensa área de escombreira, composta de material de obra, mobiliario vello, rodas e outros restos. Como queira que o territorio é de titularidade municipal, consideramos que este novo e amplo punto de verquidos conta co permiso do Concello.
Recentemente víuse como a maigrande parte daqueles materiais foi retirada pero volve a medrar día a día.
Dende a asociación veciñal preguntamos á Corporación municipal si esta escombreira vai ser permitida e si a dinámica vai ser a de continuar acumulando materiais e periodicamente proceder a súa retirada.
Asemesmo SOLICITAMOS, como xa o fixéramos no ano 2016, a dotación dun Punto Limpo oficial e homologado de depósito de todo tipo de materiais de escombros non orgánicos , xa que é unha das carencias básicas dun municipio do tamaño e características do Saviñao e o actual, coa apertura tan só os sábados pola mañán, é a todas luces escaso e ineficaz. Dito punto limpo debería estar aberto dunha maneira continuada para a súa eficacia e servizo, ben coa presenza dun operario ou cunha previa chamada á un responsable do Concello.
Dende a asociación solicitamos da Corporación Municipal un debate sobre esta carencia e solución a unha problemática que está ocasionando múltiples pequenos verquidos de escombro en distintos puntos do municipio.
Coa finalidade de ser escoitada esta proposta, despédese atentamente de Vde. A presidenta da asociación. Escairón a 9 de decembro do 2021.
NOVAS SOBRE A S SOLUCIÓNS ADOPTADAS PARA ACABAR COA CONTAMINACIÓN DO RÍO PESQUEIRAS
O advogado colaborador e denunciante persoal da contaminación do río por ser afectado, Jose Manuel López Iglesias, recibe un auto do xuíz preguntándolle que quere facer coa empresa CELEGA á que ven denunciando e pídenos que nos pronunciemos e aportemos o que condideremos.
Dende a asociación temos claro que o obxetivo final desta longa loita é conseguir unha condicións do leito do río correctas e compatibles coa vida animal e vexetal. Enviáramos hai mais de dous anos solicitude a CHMS da verificación analítica da calidade das augas do río unha vez construidas as depuradoras, pero este organismo non considerou respondernos.
Acórdase aportarlle as seguintes accións :
- Analise completo da auga do cauce unha vez o río atravesa a planta.
- Reposición e limpeza do leito do río que continúa sen biótica.
- Sistemas de control de posibles verquidos.
A ASOCIACIÓN VECIÑAL SOLICITA A HUMANIZACIÓN E CONVERSIÓN EN PRAZA DO ESPAZO ENTRE A BIBLIOTECA E O AUDITORIO EN ESCAIRÓN.
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía e partidos da Corporación Municipal para propoñer a humanización e posta en valor do espazo do patio entre a Biblioteca e o Auditorio municipais.
Este espazo público, considerado como patio, está na actualidade infrautizado e case que abandoado maila estar ubicado no centro de Escairón. Dende a asociación propoñemos darlle algunha utilidade e humanizalo para que poida ser aproveitado como área de reunión e estancia das/os veciñas.
Recentemente vimos como se enchía de público na actuación dos Contacontos “ Furafollas”, confirmando a aptitude deste espazo para actividades culturais e escenográficas na tempada de verán.
Dende a asociación propoñemos algunha medidas para que este espazo sexa aproveitado e utilizado a diario pola veciñanza:
- Eliminación do peche e da valla e conversión deste lugar nunha praza.
- Retirada do panel exterior para pegada de publicidade.
- Colocación duns bancos e mesas para uso social.
- Colocación de dous puntos de luz.
- Sustitución ou arranxo das pérgolas do Auditorio que presentan un avanzado deterioro.
- Adecentamento da caldeira da calefación e pintura dun mural para disimular esta instalación.
Coa finalidade de gañar un espazo público que a día de hoxe non ten utilidade, solicitamos da Alcaldía e partido da oposición sexan tratadas estas medidas e valoradas nunha sesión plenaria.
Escairón a 11 de outubro do 20121.
SOLICÍTASE DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL O ARRANXO URXENTE DE DÚAS ESTRADAS DO MUNICIPIO.
O estado de conservación das estradas do concello é lamentable ó longo de todo o territorio municipal. As distintas administración presumen nos medios de comunicación cando arranxan unha estrada da súa titularidade, pero as actuacións son puntuais e escasas, deixando a maigrande parte das vías de comunicación case inservibles e ocasionado averías nos vehículos dos veciños que a diario transitan por elas.
Na derradeira reunión da xunta directiva propúxose solicitar un arranxo de emerxencia en dúas de titularidade da Deputación Provincial, recoñecendo que hai outras moitas que tamén o precisan. Iremos ocupándonos das restantes sen olvidar ningunha, pero para non pecar de pedigueños e alarmistas imos pouco a pouco.
Na data do 4 de outubro do 2021 diriximonos á Deputación:
A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións, con NIF G 27401157, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Delegación de Vías e Obras Públicas da Área de Xestión Territorial da Deputación de Lugo , para solicitar traballos de rebacheo de mantemento en dúas estradas da rede viaria da Deputación no territorio do Saviñao.
Notifícase do lamentable estado que presentan na actualidade as estradas 4112 Rendal ( Fión, O Saviñao ) – O Reguengo ( Pantón ) e a 5811 Torno – O Gorgozo, presentando un alarmante deterioro en moitos puntos.
A estrada 4112 presenta importantes fochancas en tres tramos: entre Rendal e A Barxa, en Galegos e no Reguengo.
A estrada 5811 concentra gran número de profundas fochancas que fai totalmente imposible a evitación das mesmas. Trátase dunha situación de emerxencia, xa que afecta á comunicación coa zona norte do concello. A zona que precisa atención é un tramo entre o inicio desta estrada 5811 no lugar de Torno e o lugar de Santa Cruz da parroquia de Vilelos, entre os puntos quilométricos 0.400 e 0.800. A asociación veciñal trasmite as queixas veciñais e reclama unha intervención inmediata de rebacheo para facilitar o tránsito e a comunicación. Deberíase executar o afianzamento da base da calzada e a reposición da capa asfáltica xa que todos os anos vemos como se abren fondas fochancas no mesmo tramo.
Na espera dunha pronta actuación por parte dese Departamento de Xestión Territorial que satisfaga as lóxicas reclamacións dos veciños, despédese atentamente de Vde. a Presidenta da asociación. Escairón a 4 de outubro do 2021.
O 25 de decembro faise pública a contratación da obra de reparación da estrada entre Torno e O Gorgozo nos seus 4 primeiros quilómetros próximos á Santa Cruz, os mais deteriorados.
No mes de xuño do 2022 rebachean as fochancas dende Rendal ó Reguengo e no mes de agosto do mesmo ano aplican unha espesa capa de aglomerado en quente no deteriorado tramo dende Torno ata a igrexa de Vilelos. Os nosos agradecementos á Deputación pola execución desas necesarias reparacións.