admin

RECLÁMANSE MEDIDAS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE VIDA DOS NOSOS MAIORES.

A asociación veciñal ven de solicitar ó Alcalde e ó partido da oposición que sexa tratado no próximo Pleno dúas medidas para mellorar as condicións de vida dos veciños mais maiores.

O municipio do Saviñao é o único da comarca que carece de residencia pública de maiores e de centro de Día pois a figura dos apartamentos tutelados da praza Maior , privatizada e con contadas e concedidas prazas concertadas, non da cuberto as necesidades  reais por contar con poucas plazas e ser inalcanzable para a maioría das pensións que cobran os maiores do Saviñao, convertíndose en inacesible. A residencia conveniada coa Deputación no 2011 xa está descartada e a outra posibilidade, a dunha residencia xestionada pola Xunta, parece non despertar interese na representación política e nin se intenta. Esta é a carencia mais grave que padece a día de hoxe o noso municipio, motivo polo que propoñemos estas dúas medidas de necesidade inmediata.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao e á Corporación Municipal coa intención de conseguir os servizos necesarios para mellorar as condicións de vida das persoas  maiores do noso concello.

 

  • SOLICITAR O SERVIZO “XANTAR NA CASA “.

Dende hai dez anos a Xunta de Galiza ofrece este servizo, que consiste en levar a comida aos domicilios das persoas maiores a un prezo económico. Non entendemos como a estas alturas o noso concello é dos poucos da comarca que non o solicitou e nin sequera informou del, polo que a veciñanza descoñece que existe.

Solicitamos que a Corporación Municipal se decida a reclamar este servizo, previa valoración da demanda dende Axuda no fogar, e que inclúa os custos que orixine nos presupostos do presente ano.

 

  • CREACIÓN DUN CENTRO DE DÍA.

A carencia máis grave que arrastra o noso municipio é a falta dunha residencia pública de maiores e dun centro de día, o que obriga ás familias a buscar centros para os nosos maiores noutros concellos. A indesexable consecuencia desta situación é a deslocalización das persoas na idade máis vulnerable da vida.

Aproveitando que este ano vai abrir o novo centro de saúde, propoñemos que se aproveite o edificio do actual ambulatorio, tras as  reformas necesarias, como centro de día.

Dende a Asociación reclamamos que a nosa veciñanza reciba todos os servizos que a administración galega lle ofrece ao conxunto da comunidade. A súa carencia repercute negativamente no segmento de poboación de maior idade e supón unha discriminación para O Saviñao que se debe só á falta de iniciativa da Corporación local.

Solicitando que se trate nun Pleno a conveniencia destes dous servizos esenciais para o noso municipio, despídese atentamente a presidenta da Asociación. Escairón a 14 de xaneiro do 2021.

 

UN MIRADOIRO NA COSTA DE STº ANTÓN DINAMIZARÌA O NORTE DO MUNICIPIO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese á Alcaldía do Saviñao e á oposición coa intención de propoñer a creación dun miradoiro na cima do monte de Santo Antón na parroquia de Piñeiró.

A Costa de Stº Antón representa unha elevación considerable respecto do altiplano do Saviñao situándose a 680 metros de altitude, tan só superada  pola serra da Parrocha xa no concello de Paradela a 837 m..

No cumio da Costa, onde estan os depositos da auga da traída, está ubicado o punto xeodésico 15567 e ó seu carón hai construído un refuxo de cazadores, de planta baixa e cuberta plana.

Dende a parte superior da cuberta da caseta gózase dunha privelexada panorámica de 360º, obtendo con precision unha vista dos límites xeográficos da Ribeira Sacra: a nacente os montes de Samos e avistando detras a serra do Caurel, ó sur Cabeza da Meda e a serra de Manzaneda, a poñente a serra do Faro e ó norte os montes de Portomarín e Paradela.

Sigue leyendo

UNHA NOVA PLANTACIÓN DE EUCALIPTO ABRE A AMEAZA DESTA ESPECIE E DO BOSQUE CADUCIFOLIO QUE CARACTERIZA Ó NOSO TERRITORIO.

Tal e como está recollido nos principios estatutarios, a defensa da natureza e o medio ambiente no territorio do Saviñao é un obxetivo prioritario da asociación e o eucalipto é rexeitado por tratarse dunha especie invasora, pirófita e degradadora da terra e dos acuíferos soterrados. Por iso xa hai úns anos a asociación veciñal integrárase na Plataforma Comarcal contra o eucalipto e no pasado ano solicitábase da Corporación municipal a creación dunha ordenanza que proibira esta especie no territorio municipal.

Consideramos que hai moitas outras alternativas arboreas produtivas e respetuosas coa vexetación imperante no noso territorio. A intención é poñer freo a esta especie para protexer o bosque caducifolio e autóctono que abonda por toda a comarca e o sur de Lugo. Comprobada a nova plantación, diriximos pregunta á Consellería de Montes.

     A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor con DNI 33.812.714 T, diríxese á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal para preguntar pola idoneidade e permiso para unha plantación de eucaliptos realizada na parroquia de Piñeiró no concello do Saviñao.

     A asociación veciñal confirma a plantación de eucaliptos nunha parcela  de mais de 5 hectáreas situada entre San Saturniño e Vilamor na parroquia de Piñeiró no concello do Saviñao. A parcela en cuestión é a número 30 no polígono 117 con referencia catastral 2705A117000300000UI. Trátase dunha plantación duns 3 anos de antiguidade realizada nun entorno de bosque caducifolio e ubicada na área forestall VIII onde non se recomenda a plantación de eucalipto.

     Analizada a plantación en cuestión, atopamos datos suficientes para rexeitar este tipo de plantacións invasivas e adulteradoras da terra, nunha xeografía cuberta por unha flora autóctona ou espontanea de caducifolias e frondosas. Aportamos as observacións seguintes documentadas con imaxes:

Sigue leyendo

TRASMÍTESE QUEIXA POLA OBRIGADA ESPERA NO EXTERIOR DO AMBULATORIO DE ESCAIRÓN.

A  asociación veciñal diríxese á Comisión municipal de seguemento da Covid-19 para transmitir as queixas da veciñanza polas condicións de espera no exterior do ambulatorio de Escairón para acceder aos servizos sanitarios.

O feito de ter que agardar fóra do ambulatorio, unha medida adoptada como transitoria, parécenos insalubre e contraproducente para os pacientes, especialmente para os maiores, que teñen que permanecer de pé sometidos a condicións climáticas a veces extremas. Ademais, esta medida non evita o contacto e, polo tanto, o risco de contaxio.

Esta situación, que podería entenderse ao inicio da pandemia, seméllanos a estas alturas ineficaz e moi incómoda para a veciñanza. Ademais, non figura nos protocolos da Consellería de Sanidade e non se adoptou noutros concellos da comarca.

Por estas razóns solicitamoslle á Comisión que acabe con esta limitación e que se volva á normalidade, respectando as medidas de prevención e desinfección no interior do edificio, sinalando os asentos dispoñibles e as distancias que se deben manter.

Ao mesmo tempo, débeselles pedir ás persoas usuarias que cumpran escrupulosamente os horarios das citas para evitar aglomeracións.

Por outra parte, solicitamos que se retomen na medida do posible, as consultas presenciais, como se esta a facer noutros centros próximos ao noso concello.

Na procura dunha asistencia sanitaria digna e respectuosa coa poboación, transmítese esta queixa que cremos fundada.

En Escairón, a 14 de setembro de 2020

PROPOSTA PARA A COMPRA POR PARTE DO CONCELLO DO EDIFICIO DOS ANTIGOS SINDICATOS DE ESCAIRÓN.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao e á Corporación Municipal coa intención de solicitar a adquisición da Casa Sindical da rúa Mendez Nuñez.

A Consellería de Medio Rural é a titular do edificio actualmente valorado nuns 60.000 €, moi lonxe da cifra que pedía hai uns anos ( 240.000 €), é pois un bó momento para prantexarse a compra xa que o Concello presenta na actualidade un superavit económico, polo que esta cifra é perfectamente asumible para as arcas municipais.

O edificio dos antigos sindicatos, actualmente propiedade da Consellería de Medio Rural, é unha construción de cantería de principios do século XX, ubicado nas proximidades da Devesa de Escairón, co que a súa adquisición por parte do Concello garantiría que nese solar non se constrúa en altura, aportando consenso urbanístico a esa zona de ocio.

Dita construción está catalogada como patrimonio civil no PXOUM coa ficha AC-212 e a súa adquisición incrementaría o patrimonio municipal.

Sigue leyendo

SOLICÍTASE RECOÑECEMENTO DE INTERESE MUNICIPAL PARA A RUTA DE SENDEIRISMO

A ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, deseñada e aberta integramente pola Asociación Veciñal do Saviñao, e hoxe é unha realidade grazas a unha subvención de 30.000 € concedida pola Deputación de Lugo no ano 2012. Aquela axuda posibilitou a sinalización e homologación deste longo camiño como PR-G 162.

A intención da asociación na aposta por esta iniciativa foi a de abrir o primeiro (e único) camiño sinalizado no municipio do Saviñao, e a de conseguir a primeira ruta de sendeirismo homologada no territorio da Ribeira Sacra do Miño, así como contribuir á promoción do territorio Miño, en franca inferioridade fronte a numerosa oferta de actividades no territorio do Sil.

Esta ruta de máis de 36 quilómetros, a mais longa de todas as existentes na Ribeira Sacra, acompaña no seu descenso ò río Miño polos concellos do Saviñao e Pantón, mentres se avistan na outra ribeira do río Chantada e Carballedo.

INTERESE DA RUTA:

Sigue leyendo

NA PROCURA DUNHA DENOMINACIÓN DE ORIXE PARA O ACEITE GALEGO.

No mes de xuño presentamos aos partidos que forman a Corporación Municipal unha proposta para a creación dunha figura que ampare a produción da oliva no noso territorio. Sería unha marca para as terras de Lemos que se agruparía como unha subzona a integrarse na Denominación de Orixe ( D. O. ) Aceite de Galiza. Este cultivo pode chegar a ser un sector de interese para o campo Galego en xeral e o territorio Ribeira Sacra en particular.

EXPOSICIÓN :

     A plantación de oliveiras está experimentando un crecemento considerable na comarca así como tamén no noso municipio, coas expectativas de convertirse nun sector con un gran potencial para a diversificación e o reforzo do noso sector primario, tan necesario para garantir o futuro do noso territorio e fixar poboación.

        O exemplo a seguir témolo nas terras de Quiroga que despois de anos contan coa marca propia Aceite de Quiroga e estan pendentes de conseguir a Denominación de Orixe ( D.O. ) por parte da comunidade Europea.

          No caso do Saviñao a produción aínda esta iniciándose e no pasado ano recolléronse ó redor de 3000 quilos, pero é vital darlle un soporte como é o selo D.O. xa nestes momentos pois, sabendo que comezan a producir aos 5 anos úns 4-5 quilos e que ata os 15-25 anos non acadan unha produción estable de 20-30 quilos, é o momento de situarnos convenientemente para garantir a viabilidade desta nova produción que pode representar un complemento ou mesmo o sustento de produtores do campo.

        Na mostra de FITUR vimos como se vindicaba a D.O. de Quiroga, mais entendemos que suporía un agravio non incluir ó resto da comarca, que goza dunhas condicións climaticas similares, e impulsar unha D.O. galega que diferenciara entre as subzonas de produción histórica ( oliveiras de mais de 100 anos ) e as subzonas de recente produción.

         Por todo o exposto a asociación propón ao Pleno da Corporación do Concello do Saviñao que sexa tratado este importante tema, polo que

SOLICÍTASE:

  • Rexistrar a marca ACEITE DAS TERRAS DE LEMOS que ampare a produción dos concellos De Monforte, Pantón, Sober e O Saviñao.
  • Trasladar á Xunta de Galiza e á Consellería de Medio Rural a petición de crear unha D.O. de ACEITE DE GALIZA na que se inclúa a nosa comarca e que ampare a produción do aceite Galego, diferenciando a produción entre a área histórica ( Quiroga ou Seixalbo en Ourense ) para as oliveiras de mais dun século e as novas áreas con oliveiras, a través de subzonas, na que se rexistraía a subzona de Lemos.
  • Trasladar este acordo aos concellos que conformariamos a subzona: Monforte, Pantón, Sober e O Saviñao, instandoos a facer unha fronte común para a integración da nosa comarca na futura D.O. de Aceite de Galiza.

Coa intención de aportar alternativas aos nosos produtores e na espera de que o tema sexa tratado no próximo Pleno, despédese de Vde. a presidenta da asociación. En Escairón a 8 de xuño do 2020.

SOLICÍTASE Ó CONCELLO A REPOSICIÓN DE TRES CARBALLOS NA DEVESA DE ESCAIRÓN

Como vimos facendo todos os anos dende a data de formación da asociación, no  2009, propoñemos que cada ano se repoñan no espacio natural da Devesa aquelas pezas que causan baixa ou estén ameazadas de desaparición. Consideramos que esta é a mellor maneira de garantir a supervivencia e perdurabilidade deste recoñecido e querido patrimonio natural. Ata agora esta petición sempre foi atendida con bó criterio pola Alcaldía, excepto no ano pasado no que non se  levou a cabo plantación algunha.

      No presente ano consideramos que deben ser plantadas 3 pezas de carballo, ubicadas, tal e como adxuntamos no plano, nos lugares que de seguido xustificamos:

        – Na zona baixa da Devesa, próxima a un deteriorado salgueiro que quizais non teña moito futuro, polo que se busca a sustitución. Neste mesmo punto foran plantados dous carballos hai dous anos, que por desgraza fracasaron. Cremos que coa plantación dun só sería suficiente para garantir a liña da plantación.

          – Na zona alta da Devesa, detrás do xulgado de paz e ó carón dun carballo que leva anos amosando sinais de morte lenta, polo que conven ir anticipando a reposición. Alí tamén se plantara hai tres anos unha peza que fracasara. Consideramos que hai unha boa claridade e insolación para garantir o desenvolvemento.

– Nas proximidades do carballo fracturado polo tronco este pasado ano, coa finalidade de repoñelo. Hai que buscar o punto idóneo de iluminación que permitan as copas dos carballos veciños.

Por estas razóns

      SOLICÍTASE :

Se leve a cabo no presente mes de febreiro a plantación destes tres carballos que virán a repoñer outras tantas pezas, buscando o obxetivo de conservar e manter a Devesa nas mellores condicións posibles.

Asemesmo vemos necesaria unha poda de saneamento das polas mortas do conxunto da Devesa, en especial das pezas máis lonxevas que, debido a súa antiguidade, debería ser feita por persoal especializado, e cun adecuado selado das feridas.

Na procura de retomar esta atención anual e de trasmitir ás xeneracións vindeiras este patrimonio natural no mellor estado posible, tal e como fixeran os nosos antepasados, e por ser A Devesa un símbolo da nosa sociedade, esperamos da Alcaldía esta actuación.

En Escairón, a 3 de febreiro de 2020

Plano da plantacion : plantacion 2020

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO PIRATAS DA LIBERDADE, EPISODIO DO SECUESTRO DO SANTA MARÍA.

O sábado 11 de xaneiro do 2020 tivo lugar no Círculo Cultural e Recreátivo do Saviñao a presentación da novela documental Piratas da Liberdade, do catalán Xavier Montanyá que foi presentada polo editor da obra Paco Macías ( Edicións Positivas ) quen se nos ofreceu para dala a coñecer no noso municipio.

O libro relata o episodio do secuestro do trasatlántico Santa María, moi usado pola emigración galega a Venezuela, por membros da resistencia portuguesa e española, coa finalidade de dar visibilidade mediática e internacional á oposición ás dictaduras de Salazar e Franco alá polo ano 1961.

O interese deste relato radica na participación directa dun veciño do Saviñao, Basilio Losada , e indirectamente doutros veciños do nosos municipio. Esta acción tivo en vilo durante uns días a todo o mundo. Recomendamos a súa lectura.

 

foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O sábado 11 de xaneiro do 2020 tivo lugar no Círculo Cultural e Recreátivo do Saviñao a presentación da novela documental Piratas da Liberdade, do catalán Xavier Montanyá que foi presentada polo editor da obra Paco Macías ( Edicións Positivas ) quen se nos ofreceu para dala a coñecer no noso municipio.

O libro relata o episodio do secuestro do trasatlántico Santa María, moi usado pola emigración galega a Venezuela, por membros da resistencia portuguesa e española, coa finalidade de dar visibilidade mediática e internacional á oposición ás dictaduras de Salazar e Franco alá polo ano 1961.

O interese deste relato radica na participación directa dun veciño do Saviñao, Basilio Losada , e indirectamente doutros veciños do nosos municipio. Esta acción tivo en vilo durante uns días a todo o mundo. Recomendamos a súa lectura.

 

RECLÁMASE REBACHEO URXENTE NA ESTRADA DE TORNO A VILELOS

Tal e como ven acontecendo todos os anos, na estrada provincial 5811 entre Torno e Vilelos, reabríronse de novo numerosas e profundas fochancas na calzada que case imposibilitan o tránsito. Na data do 20 de decembro do 2019 e a petición dos veciños, diriximos solicitude á área de Xestión Territorial da Deputación de pronta intervención e rebacheo para facilitar o tránsito normal.

O tramo afectado supón uns 400 metros nas proximidades de Santa Cruz. Este tramo precisará con tempo unha reposición integral para evitar a contínua apertura de fochancas e zanxar dunha vez por todas co problema.

Adxuntamos solicitude e documentación fotográfica.

texto

PC183425 copia PC183428 PC183429 PC183430 copia PC183431 copia

Na data do 27 de decembro comprobamos como se executou un rebacheado nese tramo. A obra foi feita pola empresa do Saviñao Virgilio, consistíu nun aglomerado en frio das fochancas sen compactación, que aliviará temporalmente a situación. Esperemos que nos meses próximos aborden unha reparación integral deste tramo que ano tras ano ven levantandose.