ENVIO Ó CONSORCIO DE TURISMO DA RIBEIRA SACRA DUN PAQUETE DE MEDIDAS PARA EVITAR O COLAPSO CIRCULATORIO DOS ACESOS Á PRAIA DA COVA.

Dada a escasa receptividade do Concello do Saviñao ás medidas que dende a asociación se lle presentaran ata en catro ocasións, na última asemblea decidíuse aproveitar o portal de participación cidadá aberto polo Consorcio de Turismo para enviarlle un paquete de 5 medidas e unha recomendación para dar solución a este novo problema.

A área da praia da Cova convertíuse nos últimos anos nun dos puntos máis visitados do territorio Ribeira Sacra o que trouxo consigo a masificación e o conseguinte colapso circulatorio dadas as características das estradas ribeireñas que configuran a paisaxe en todo o conxunto da Ribeira Sacra.

Agora, unha vez rematado o verán e comprobado unha vez mais o caos e o colapso do tráfico nos accesos á praia da Cova, consideramos que é o momento de propoñer alternativas para salvar esta singular área dunha morte de éxito. Coñecida a posta en marcha polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra da plataforma de participación cidadá “Participa Ribeira Sacra” e como queira que a asociación veciñal propuxera á Corporación municipal do Saviñao, ata en catro ocasións, diversas alternativas para aliviar o tráfico nesa zona e non foran tomadas en consideración moitas delas, consideramos oportuno dirixirnos á entidade do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra para que se tomen medidas co tempo suficiente e coa finalidade de conseguir unha mobilidade sostible e dar solución dunha vez por todas a esta problemática que ameaza ó noso vulnerable territorio.

As propostas da Asociación Veciñal do Saviñao son:

1- Microbús lanzadeira. Xa iniciado este servizo no presente ano pero cremos que a saída debería facerse dende Fión, na bocaribeira, dado que a maigrande parte dos visitantes da praia proceden de fora do Saviñao e non chegan a pasar sequera por Escairón, punto de partida no ano que remata. Para elo habería que habilitar un prado como espazo de aparcamento dende o que partiría dito microbus. Poderíase valorar un Segundo servizo de microbus con punto de partida dende Belesar.

2- Circulación unidirecional do tráfico dende o desvio á Arxuá, pouco antes da igrexa románica da Cova, permitindo ó tránsito bidirectional aos propietarios de terras na ribeira, coa conseguinte sinalización. A baixada faríase pola igrexa da Cova e a subida por Soutomango e Arxuá. Quedaría un curto espazo bidirecional duns 400 metros onde se xuntan as dúas estradas e onde poderían colocarse uns semáforos.

3- Sinalización da proibición da circulación de veículos superiores a 6 metros de lonxitude, dadas as pechadas curvas existentes para advertir da imposibilidade de acceso dos grandes autobuses.

4- Sinalización do ancho da estrada para evitar a baixada dos grandes veículos.

5- Ubicación de paneis dixitais nas zonas de estacionamento e saída dos microbuses, en Fión e Belesar, que avisen da ocupación total co coche.

6- Evitar a toda costa a modificación da paisaxe, renegando de toda idea de ampliar o ancho da estrada coa apertura de chamativos e aparatosos taludes.

Coa intención de conseguir un turismo de calidade e sostible, compatible coa delicada orografía e paisaxe da Ribeira Sacra e de que sexan consideradas ditas medidas para evitar o colapso circulatorio nunha zona de visita masiva, despédese atentamente de Vde. a Presidenta da asociación veciñal.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail