SOLICÍTASE DO CONCELLO A LIMPEZA DO ACCESO Á STº. ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO.
A igrexa románica de Stº. Estevo, declarada BIC, é unha das máis representativas da Ribeira Sacra e por elo é importante o número de visitantes que recibe.
Recentemente e dada a súa relevancia, levouse a cabo o acondicionamento con aglomerado da estrada de acceso pero a día de hoxe ofrece unha imaxe de abandono pola vexetación que invade as cunetas e o espazo do estacionamento próximo ó monumento xa que no pasado ano non foi desbrozada.
SOLICÍTASE :
A limpeza de mantemento da maleza das cunetas e beiras da estrada de acceso para ofrecer unha imaxe dacordo coa relevancia do singular templo románico. 23 de xaneiro de 2023.
Concretar que si, fíxose ó pouco
PRESENTACIÓN Á ALCALDÍA DE SOLICITUDES VECIÑAIS
Na data do 30 de xullo a asociación mantivo unha entrevista co Alcalde na que, entre outras moitas cousas, trasmitíuselle as peticións de veciños de Outeiro e Vilasante.
Os veciños de Outeiro reclaman a reposición dun banco que desaparecera.
Os veciños de Vilasante pedían a limpeza e adecuación da área pública do lavadoiro, así como a humanizción dese lugar para uso e reunión dos veciños.
Na data do 9 de agosto, o Alcalde confírmalle á Presidenta da asociación a execución desas dúas peticións.
TRASMÍTESE QUEIXA E SOLICITUDE DOS VECIÑOS DE VILASANTE.
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía e partidos da Corporación Municipal para trasmitirlles unha queixa e solicitude da veciñanza de Vilasante.
Recentemente os veciños de Vilasante dirixíronse a asociación veciñal para denunciar que as augas do alcantarillado, que descende soterrado baixo a capa asfáltica da estrada, fíltranse por unha posible rotura da tubería chegando a mezclarse sen depurar no cauce do rego de Mosiños, coa conseguinte contaminación.
Asemesmo solicitan a habilitación, para disfrute humano e social, da área pública da fonte e lavadoiro de Vilasante que hoxe aparece tapada pola vexetación.
A asociación veciñal faise eco desta preocupación veciñal non atendida ata agora pola Alcaldía, polo que
SOLICÍTA:
1. Reparación da tubería do alcantarillado para evitar a dispersión das augas negras que baixan ata a vella depuradora.
2. Restauración da área pública do lavadoiro e fonte para convertila nun lugar de reunión e memoria dos veciños de Vilasante.
Coa intención de que sexan atendidas estas lóxicas peticións veciñais, solicitamos da Alcaldía e dos partidos da corporación que o tema sexa tratado nun Pleno e se lle dé solución.
Escairón a 5 de maio do 2021.
TRASMÍTESE QUEIXA POLA OBRIGADA ESPERA NO EXTERIOR DO AMBULATORIO DE ESCAIRÓN.
A asociación veciñal diríxese á Comisión municipal de seguemento da Covid-19 para transmitir as queixas da veciñanza polas condicións de espera no exterior do ambulatorio de Escairón para acceder aos servizos sanitarios.
O feito de ter que agardar fóra do ambulatorio, unha medida adoptada como transitoria, parécenos insalubre e contraproducente para os pacientes, especialmente para os maiores, que teñen que permanecer de pé sometidos a condicións climáticas a veces extremas. Ademais, esta medida non evita o contacto e, polo tanto, o risco de contaxio.
Esta situación, que podería entenderse ao inicio da pandemia, seméllanos a estas alturas ineficaz e moi incómoda para a veciñanza. Ademais, non figura nos protocolos da Consellería de Sanidade e non se adoptou noutros concellos da comarca.
Por estas razóns solicitamoslle á Comisión que acabe con esta limitación e que se volva á normalidade, respectando as medidas de prevención e desinfección no interior do edificio, sinalando os asentos dispoñibles e as distancias que se deben manter.
Ao mesmo tempo, débeselles pedir ás persoas usuarias que cumpran escrupulosamente os horarios das citas para evitar aglomeracións.
Por outra parte, solicitamos que se retomen na medida do posible, as consultas presenciais, como se esta a facer noutros centros próximos ao noso concello.
Na procura dunha asistencia sanitaria digna e respectuosa coa poboación, transmítese esta queixa que cremos fundada.
En Escairón, a 14 de setembro de 2020
RECLÁMASE REBACHEO URXENTE NA ESTRADA DE TORNO A VILELOS
Tal e como ven acontecendo todos os anos, na estrada provincial 5811 entre Torno e Vilelos, reabríronse de novo numerosas e profundas fochancas na calzada que case imposibilitan o tránsito. Na data do 20 de decembro do 2019 e a petición dos veciños, diriximos solicitude á área de Xestión Territorial da Deputación de pronta intervención e rebacheo para facilitar o tránsito normal.
O tramo afectado supón uns 400 metros nas proximidades de Santa Cruz. Este tramo precisará con tempo unha reposición integral para evitar a contínua apertura de fochancas e zanxar dunha vez por todas co problema.
Adxuntamos solicitude e documentación fotográfica.
Na data do 27 de decembro comprobamos como se executou un rebacheado nese tramo. A obra foi feita pola empresa do Saviñao Virgilio, consistíu nun aglomerado en frio das fochancas sen compactación, que aliviará temporalmente a situación. Esperemos que nos meses próximos aborden unha reparación integral deste tramo que ano tras ano ven levantandose.
ENTREVISTA CO ALCALDE DO SAVIÑAO. TEMAS DE INTERESE VECIÑAL POR UNHA MELLORA DA NOSA SOCIEDADE.
O 25 de novembro do 2019 mantemos unha reunión co Alcalde na que tratamos distintos temas de interese veciñal que non tiveron resposta por parte da autoridade municipal:
1. POSIBILIDADE DE SOLICITAR Á XUNTA A UBICACIÓN DUNHA RESIDENCIA PARA MAIORES E CENTRO DE DÍA.
Considerando que somos o único Concello do sur de Lugo que non conta con ningún servizo público de atención aos nosos maiores, consideramos que está é a maior necesidade do noso municipio na actualidade.
¿ Hai intención por parte da nosa corporación en dirixirse á Xunta para solicitar esta dotación ?. Para elo o Concello podería comprarlle o solar á Deputación e ofrecelo en propiedade para iniciar a petición á Xunta.
Resposta: Afirma que o convenio para unha residencia firmado coa Deputación no ano 2011 aínda está vixente, e que o investimento aprobado de 1.200.000 € está garantido. A intención é conseguir esa residencia, dacordo co PsoE local, con 25 prazas e 23 do centro de Día. Respecto do edificio sindical, a Xunta valora en 90.000 € e o Concello considerao excesivo.
2. ESTADO DE CONTAS DAS FESTAS MUNICIPAIS.
Coa intención de conseguir transparencia nos gastos municipais consideramos imprescindible que as contas das festas se fagan públicas no taboeiro do Concello. Esas contas deberían ser pormenorizadas : Custo total das festas. Aportación do concelllo. Recadación das aportacións veciñais e de empresas. Recadación das atracións e postos. Custo das orquestas. Custo do folión e doutras actividades.
Resposta: Presenta un custo total de 66.000 €, as aportacións persoais: 16.482 €, o recadado das atracións: 5.150 €, publicidade e patrocinio de Celega: 1.500 €, co que o Concello aportou 42.868 €. Comenta que pola lei de Protección de Datos non se poden publicitar as aportacións nominais. Non considera necesaria a publicitación no taboeiro do Concello xa que estas contas foron presentadas nun Pleno municipal.
3. ADOPCIÓN DE MEDIDAS DE ORDENAMENTO DA CIRCULACIÓN NA ÁREA DA PRAIA DA COVA E ACCESOS.
Valoración das 5 propostas presentadas:
– Proibición do acceso a vehículos maiores de 6 metros e sinalización da mesma en Belesar e no Priorato da Cova.
– Pintado das prazas de aparcamento e da proibición de aparcamento nun dos dous lados da estrada.
– Dende a zona baixo do churrasco e antes do acceso a Seoane establecer o sentido único da circulación, baixada polo Priorato e subida por Soutomango e Arxuá. Garantir ós usuarios e propietarios o acceso nos dous sentidos ( sinalar a excepción ).
– Colocar indicadores dixitais en Belesar e no Priorato da Cova que avisen cando o aparcamento está cheo para disuadir do acceso para evitar o colapso.
– Valorar a opción dun servizo de trasporte cada hora ou media hora que faga o traxecto do Priorato á área da praia ( microbus , tren de tracción de vagóns ).
Resposta: Analizamos esas medidas propostas:
- Respecto á prohibición do acceso a vehículos maiores de 6 metros, acepta esta medida na temporalidade alta, non no resto do ano.
- Prohibición de aparacamento nunha das beiras da estrada e pintado das prazas de aparcamento. Totalmente dacordo. Afirma que non aporta mais de 35 prazas.
- Sentido único do tránsito entre O Priorato da Cova e a praia. Non o vé claro. Comenta a intención de facer rebaixes dun metro e apartadoiros en distintos puntos para facilitar o doble sentido da circulación.
- Ubicación de indicadores dixitais no Priorato e en Belesar que avisen da ocupación do aparcamento. Opina que non evitaría que quen quixera acceder o fixera e que poderían ter problemas con Tráfico.
- Opción dun transporte colectivo entre O Priorato e a praia. Cuantificao núns 12.000 € ó mes nos dous meses de temporalidade alta e non sería asumible polo Concello.
Comenta que lle encargaron a Abente un estudo das solución posibles.
Informa da intención dos Concellos de Saviñao e Pantón de continuar o corredor entre Belesar e a Cova ata a área de Maiorga, co que se abriría outra vía de acceso á praia que aliviaría a situación. Aconsellamos máximo celo con esta obra xa que podería ameazar seriamente a paisaxe, que é o argumento básico para conseguir o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade.
TRASMITIMOS Ó CONCELLO AS QUEIXAS E PETICIÓNS DOS VECIÑOS DE OUTEIRO DE ESCAIRÓN.
O 24 de xuño facemos entrega no concello das queixas e solicitudes tramitidas polos veciños do barrio de Outeiro de Escairón. Reclaman atención urbanística no barrio:
- Limpeza da rúa e das taxeas e os rexistros das augas residuais.
- Creación de beirarrúas ou pasarelas peatonais .
- Limitación da velocidade.
- Desbroze da maleza das cunetas.
- Dotación de máis contenedores de lixo xa que só hai ún no alto da rúa.
- Solución ás edificacións en estado de ruína que ameazan derrumbe.
- Presencia de árbores enfermas con risco de caída.
- Rotura dalgúns desagües.
Ademais de rexistrar a entrada, entrevistámonos co novo Alcalde, trasmitíndolle as peticións e as firmas recollidas no barrio, un total de 43.
O CLUBE CAMPELAS DE PATINAXE ARTÍSTICO NON PODE FACER USO DO POLIDEPORTIVO.
O club de patinaxe Campelas leva anos fomentando este deporte entre as distintas xeneracións que acolle ano tras ano, facendo un traballo encomiable nun deporte que non é maioritario, coas dificultades que elo conleva. Os éxitos que van conseguindo convírteno na mellor representación que hoxe en día ten a nivel deportivo o municipio do Saviñao. De feito ven de conseguir, coa escenificación dunha temática contra a violencia de xénero, a segunda praza nun certame internacional celebrado en Madrid no mes de marzo do 2019.
Nembargantes iste éxito e dedicación non están a recibir o trato que se merece por parte do Concello. Hai dous anos a corporación financiou a renovación da superficie da pista do polideportivo de Escairón, pero as características da pintura empregada fai imposible a práctica do patinaxe ó frear o deslizamento dos patíns. Este feito foi reclamado ó Concello polo propio clube, pero despois de todo iste tempo aínda non se modificou a superficie da pista. Como consecuencia o clube ten que desprazarse aos concellos de Bóveda e Chantada para realizar os entrenamentos, cos custos e contratempos que ocasiona ás nais e país das rapazas e rapazes das distintas idades.
A AUGA DO CONSUMO DA TRAÍDA MUNICIPAL CONTINÚA OCASIONANDO PROBLEMAS AOS VECIÑOS.
É non nos referimos só o seu precio , que foi incrementado dunha maneira alarmante polo Concello, senón á desconfianza que xenera o toldosa e sucia cor e aos custos extras que lle está supoñendo aos veciños as reparacións por esta causa.
Dende hai tempo e dunha maneira puntual, pero reincidente, a auga do consumo sae sucia, e o Concello non parece tomar iniciativa para solucionar o problema, por elo a Asociación Veciñal do Saviñao dirixíuse á Alcaldía para trasmitir as queixas dos veciños pola mala calidade da auga da rede de distribución municipal.
Un bó número de veciños acercáronse á asociación veciñal para trasmitir o descontento pola calidade da auga de consumo da rede de distribución municipal. En concreto refiren que en ocasións, coincidindo coas tempadas de tormenta ou de choiva intensa, a auga pública é obscura e opaca, non sendo apta para o consumo directo e aportando unha gran desconfianza para o uso culinario e ata para as funcións de aseo persoal comprobado como quedan sucias as toallas despois do secado corporal.
Algúns veciños víronse obrigados a cambiar os filtros das caldeiras da calefacción por mor da cantidade de pousos que trae a auga da traída, ocasionando importantes custos nas reparacións e indignando á veciñanza que vé como se incrementou ultimamente o precio da auga, pero non se invirte nas solucións a este problema crónico. Por elo
SOLICÍTASE do Concello:
Unha adecuada inversion na renovación ou colocación dos sistemas de filtrado que sexan tecnicamente precisos, na entrada ou na saída das tuberías dos depósitos de almacenamento do monte de Santo Antonio, a fin de solventar estes problemas de sedimentos. Incluso valorar a necesidade de colocar filtros en cada un dos puntos de conexión ás vivendas. A calidade e salubridade da auga de consumo debe estar garantida, só risco de sofrir un serio problema de saúde pública.
Esperemos que o Alcalde saínte faga unha última acción antes da súa retirada e invirta algunha parte de ese superavit que creou coa suba de todas as tasas e impostos para solucionar os problemas dos veciños.
Escairón, a 18 de marzo do 2019.
Os frecuentes cortes de luz supoñen custos ós negocios e veciños ¿ que fai a Alcaldía ?
Dado que xa pasaron dous meses dende que lle enviáramos ó Alcalde solicitude de intervención diante da empresa Gas Natural Fenosa, para que esixira correccións cara a evitar esta lacra enerxética, vemos como seguen a repetirse os cortes de luz sen solución, ocasionando custos e quebradeiros ós veciños, negocios e empresas do municipio. Por elo enviamos nota de prensa denunciando a pasividade da Corporación municipal.