SOLICÍTASE Á AXENCIA DE TURISMO DE GALIZA A POSTA EN USO PÚBLICO DOS SERVIZOS HIXIÉNICOS DO ALBERGUE DE DIOMONDI.

 

Despois de recibidas queixas pola negativa do persoal do albergue a facilitar o uso dos sanitarios do edificio á todos os que non pernocten nel, a asociación remítese á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, dependente da Axencia de Turismo de Galiza e responsable da rede de albergues da Xunta.

Cada vez é maior o número de peregrinos e de visitantes desta estratéxica igrexa románica polo que é necesario pensar na habilitación dúns servizos hixiénicos para cubrir as necesidades máis básicas das persoas. No lugar non existe esta imprescindible infraestrutura e pódese aproveitar eficientemente o existente no palacio obispal e agora albergue público, recentemente restaurado e coa rede de depuración adecuada. Diriximos solicitude ós responsables directos do edificio:

É importante sinalar que a igrexa románica de Diomondi, declarada Ben de Interese Cultural, recibe numerosas visitas pola súa importancia arquitectónica. Ademais, comeza a ser numeroso o número de peregrinos que fan o Camiño de inverno e transitan por alí.

Tendo en conta que o albergue está situado no Pazo obispal, un edificio contiguo á igrexa, parece lóxico que as persoas que visitan o templo románico poidan usar os servizos sanitarios do albergue. Non obstante, a nosa asociación recibiu queixas de visitantes aos que se lles negou o acceso a estas instalacións.

Dado que o albergue é un edificio público que forma parte da rede do Camiño de Santiago e que non existen outros servizos hixiénicos nos arredores, consideramos que se lles debe permitir o acceso ás súas instalacións sanitarias ás persoas que se achegan á igrexa de Diomondi, o que contribuirá, sen dúbida, a manter a limpeza no entorno do conxunto monumental.

Por estes motivos SOLICITAMOS da S.A. de Xestion do Plan Xacobeo                 que realice as xestións oportunas para facilitarlle o uso deses servizos ao público que o solicite.

Á espera dunha resposta, despídese atentamente a Presidenta da Asociación veciñal. Escairón a 23 de novembro do 2022.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail