SOLICITUDE Á DEPUTACIÓN DO ARRANXO INTEGRAL E PRIORITARIO DAS ESTRADAS MONFORTE-CURRELOS E CELEGA-DIOMONDI.
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Delegación de Vías e Obras Públicas da área de Xestión Territorial da Deputación de Lugo, para solicitar o arranxo prioritario de dúas estradas provinciais no municipio.
Dende esta asociación veciñal de ámbito municipal dirixímonos á Deputación Provincial para denunciar a precaria situación en que se encontran agunhas estradas de titularidade provincial no noso concello. Somos conscientes da inmensa cantidade de quilómetros de estradas de competencia da Deputación no conxunto da provincia. Por iso, a nosa solicitude limítase ás vías que precisan unha atención urxente polo seu estado de deterioro e polo seu alto nivel de uso.
SOLICITAMOS do organismo provincial atención urxente a dúas estradas do noso municipio:
- Estrada Monforte – Currelos (3202).
Esta estrada, que comunica todas as poboacións da metade norte do Concello do Saviñao coa cabeceira comarcal de Monforte de Lemos, polo que é moi transitada, presenta un excelente estado dende Monforte ata o límite deste municipio co do Saviñao, no lugar das Fontelas, pois foi arranxada recentemente con aglomerado. Pero na parte correspondente ao Saviñao, convértese nunha sucesións de fochancas que a fan intransitable en numerosos puntos (Ousende, Aiaz, A Broza, Estrumil, Forcados) ata practicamente Currelos.
Esta diferencia no estado da mesma estrada entre os concellos de Monforte e o do Saviñao supón un incomprensible agravio comparativo, polo que solicitamos o arranxo da parte correspondente ao temo municipal do Saviñao.
- Estrada CELEGA– Diomondi (5806).
Esta vía, á parte de atravesar moitos lugares das parroquias de Freán, Louredo, Santa Mariña, Laxe e Diomondi, conduce á icónica igrexa románica de Diomondi e ao albergue do Camiño de Inverno de Santiago, polo que é unha estrada moi frecuentada pola veciñanza e por un gran número de visitantes. A capa de rodadura esta moi deteriorada e leva anos reclamando unha atención integral (capa de aglomerado en quente) mais aló dos traballos puntuais que xa son insuficientes pola degradación do firme.
Pedimos que se inclúan estas dúas estradas nos proxectos inmediatos de reparación e mantemento das estradas provinciais de titularidade da Deputación. Na espera de que sexan atendidas estas peticións veciñais, como o foron outras demandas da asociación despídese atentamente de vostede a Presidenta da asociación.
Escairón, a 10 de xullo do 2024.