Relación dos templos e mosteiros existentes na ribeira do Saviñao na Idade Media

RELACIÓN DE TEMPLOS E MOSTEIROS NO MUNICIPIO DO SAVIÑAO .

 

         A Asociación Veciñal do Saviñao , en base aos traballos de investigación de Enrique Pérez Losada , presenta unha recompilación dos antigos asentamentos relixiosos nas terras do Saviñao anteriores á Idade Moderna .

O que pretende a asociación é poñer en coñecemento a gran cantidade de templos cristiáns que poboaban estas terras na Idade Media . Neste traballo faise mención dos templos e mosteiros situados no territorio da Ribeira Sacra deste municipio , deixando para unha segunda parte os ubicados fora das zonas de ribeira , localizados máis ó interior . Procúrase detallar os máis descoñecidos ou omitidos noutros estudos .

A intención é dirixir este traballo á Comisión de Seguemento da candidatura da Ribeira Sacra á Patrimonio da Humanidade , para que poida servir de aportación argumental na consecución desa desexada figura de interese cultural .

I . PARROQUIA DA COVA .

 

 

  1. IGREXA DE SAN MARTIÑO DA COVA .

 

Fundada probablemente no século VI por San Martiño Dumiense e refundada en torno ó ano 760 polo abade Sénior da Orde de San Bieito .

A edificación actual , do máis clásico estilo románico rural , data de principios do século XIII , aínda que máis adiante experimentou algunhas reformas .

Crese que a parede norte da nave sufríu un derrubamento no século XVII e a súa reconstrución aproveitouse para a instalación da espadana .

Desa mesma data é unha coroa real e outros gravados de granito colocados debaixo do campanario , segundo a tradición procedentes do antigo mosteiro .

 

  1. MOSTEIRO AGOSTIÑO DE SAN MARTIÑO .

 

Antiquísimo mosteiro e templo , denominado San Martiño de Ripa , situado no lugar de Riocobo , da mesma parroquia .

Dalgúns documentos dedúcese que dende o ano 760 existía alí un mosteiro benedictino , aínda que en tempos anteriores ó século VIII debeu ser un eremitorio .

No século XIII estaba rexentado por monxes regulares agostiños , e o seu prior era de designación real . Nesas datas a edificación debía conter elementos de tipo románico porque na súa demarcación se atoparon pezas decoradas desa factura .

No século XVII o mosteiro trasladouse a unhas dependencias construídas no lateral sur da igrexa románica , onde se domiciliou o máis recente priorato da Cova . No ano 1728 foi nomeado Dignidad da catedral de Lugo co beneplácito do rei Filipe V .

O mosteiro iniciou o seu estado ruínoso no século XIX , aínda que se recordan en pé os arcos do claustro a principios do século XX .

Cabe suliñar que ó longo da historia do convento agostiño desempeñaron o cargo de priores afamadas personalidades da Igrexa e da Cultura .

 

 

  1. IGREXA DE SAN XOÁN .

 

Atopábase no lugar de Seoane , desta parroquia , segundo consta nun documento do ano 1262 . Na actualidade non se conservan restos da súa fábrica .

 

 

II . PARROQUIA DE FIÓN .

 

  1. IGREXA DE SAN LOURENZO DE FIÓN .

 

Igrexa románica que sufríu profundas reformas na súa nave . Só conserva a ábsida orixinaria .

Próxima á de San Martiño da Cova , estaba ligada ó mosteiro agostiño , como se deduce dunha bula de Urbano II do ano 1262 : …. Confirmo la unión de Fión a la mesa del monasterio agostino de San Martín de Ripa , tal como lo venía gozando desde tiempo inmemorial … . Da bula papal dedúcese que nos séculos anteriores existía naquel lugar un templo prerrománico .

Na igrexa actual destacan as pinturas murais do século XVI .

 

  1. IGREXA DE SAN MAMEDE DE FIÓN .

 

Asentada no lugar do mesmo nome , da parroquia de Fión .

Menciónase nun Inventario da Igrexa de Lugo e a súa orixe parece remontarse á Alta Idade Media .

Pervive nun outeiro o soar do seu emprazamento e algúns restos seus .

 

III . PARROQUIA DE SANTA MARIÑA DE ROSENDE .

 

  1. IGREXA DE SANTA MARIÑA DE ROSENDE .

 

A existencia desta igrexa remóntase ós primeiros tempos do cristianismo .

Menciónase no testamento maior do bispo Odoario do ano 747 e na doazón do rei Afonso II ( ano 841) , así como en numerosas citas posteriores .

Conserva na actualidade algúns elementos constructivos prerrománicos .

Adxacente á igrexa parece que existíu un mosteiro altomedieval .

 

  1. IGREXA DE SAN PEDRO DE CORVASIA .

 

Igrexa antiquísima fundada , ó parecer , por unha dama de orixe grega , no lateral esquerdo do camiño real Monforte – Chantada , á entrada do lugar de Corveixe ( parroquia de Santa Mariña de Rosende ) .

Menciónase no testamento maior do bispo Odoario , ano 747 , así como en varias doazóns reais de séculos posteriores.

Debeu quedar derruída a finais da Idade Media , e recentemente apareceron no terreo do seu asentamento numerosos vestixos , como unha dovela pertecente á cúpula da igrexa .

 

  1. SAN CRISTOVO DE CANIZOS .

 

No ano 916 o presbítero Leodefredo doaba ó bispo Rosendo o mosteiro e igrexa de San Cristovo de Canizos .

Segundo as nosas averiguacións , estaba situado nos límites das parroquias de Santa Mariña de Rosende e San Martiño da Cova , na veira occidental do regato Canedo , tamen chamado Romiña , nas cercanías de Pena  Fión .

Descoñecemos datos deste mosteiro de datas posteriores , aínda que hai que destacar que entre as súas propiedades figuraban viñedos do lugar dos Canedos , da parroquia de Santa Mariña de Rosende .

 

  1. IGREXA DE SAN VITORIO DE ROSENDE .

 

Documentada entre os séculos XIV e XVIII nos arquivos do mosteiro de Pombeiro .

Achávase no mesmo lugar dos Canedos de Rosende , a escasa distancia do mosteiro de San Cristovo de Canizos , e servía á veciñanza daquel lugar entón habitado .

As súas ruinas aparecen á carón dunha pena , úns cincoenta metros  máis arriba do regato Canedo , e entre os seus restos é chamativa unha peza da oxiva pertecente á fachada da igrexa .

 

 

IV . PARROQUIA DE MOURELOS .

 

  1. SAN XIAO DE MOURELOS .

 

Igrexa parroquial construída en parte con materiais reaproveitados da prerrománica derruída en 1925 .

Destaca a pía bautismal na que se aprecian úns gravados de cruz múltiple , probablemente do alto medioevo .

 

  1. IGREXA PRERROMÁNICA DE SAN XULIÁN .

 

Situada a uns cen metros da actual . Derrubada , como xa se dixo , en abril do 1925 . Atribúeselle unha antigüidade que podería datarse nos primeiros séculos da Idade Media .

Segundo as nosas informacións , o seu arco triunfal , de estilo mozárabe , partía de impostas fincadas nos muros laterais .

Posiblemente se levantou no mesmo lugar das ruínas dun templo máis antigo , da época cristiá-romana . Consta que ó retirarse a pedra dos seus cimentos se descubríu unha lápida de granito con inscricións funerarias propias daquela época .

No soar que ocupaba hai hoxe unha adega , pero consérvase o cemiterio antigo .

Entre os escasos datos escritos sobre esta igrexa convén salientar a súa mención no século XI .

 

  1. NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS .

 

Capela situada no cumio dunha lomba , a 300 metros da igrexa parroquial . Tamén foi derruída en 1925 para aproveitala na construción do templo actual .

Cítase en varios documentos eclesiásticos da Idade Moderna , aínda que a súa antigüidade poderíase remontar ó alto medioevo .

 

  1. SAN SALVADOR DE MOURELOS .

 

Igrexa e vila asentada nos límites das parroquias de Mourelos e Santa Mariña de Rosende . Menciónanse na escritura de doazón efectuada polo presbítero Leodefredo no 916 a favor do bispo Rosendo .

No ano 976 era titular das mesmas a  semiconfesa dona Sénior , quen as doa a favor do mosteiro de San Miguel de Diomondi .

Na actualidade poden apreciarse indícios do seu asentamento no cruzamento dos regatos da Ermida e Souchavín , en Mourelos .

 

  1. MOSTEIRO DE SAN PAIO .

 

Achábase na parroquia de Mourelos , á beira do regato San Paio , xunto ó río Miño . Non se conservan datos escritos sobre él , pero a súa existencia baséase no coñecemento dos veciños , na toponímia do lugar e nos restos que poden apreciarse no terreo . Probablemente se levantou no século X .

 

  1. SAN MIGUEL DE PORTOTIDE .

 

Igrexa situada no lugar de Portotide ( parroquia de Mourelos ) , hoxe anegado polas augas do encoro dos Peares . Menciónase na doazón de dona Sénior , do ano 976 , a favor do mosteiro de San Miguel de Diomondi .

Aberta ó culto ata a construción do encoro , as súas reliquias trasladáronse á capela do lugar do Mato , habilitada para os oficios relixiosos .

 

 

V . PARROQUIA DE DIOMONDI .

 

 

  1. SAN PAIO DE DIOMONDI .

 

Igrexa románica de tipo mosteiral construída na segunda metade do século XII , baixo a advocación de san Paio en homenaxe ó niño Pelayo , martirizado no ano 925 . Desde o ano 1931 está declarada Monumento Nacional .

Antes daquela data existía no mesmo lugar a igrexa de Santo Estevo de Diomondi , documentada na doazón do bispo Hermenexildo do ano 954 . Nela faise alusión ó seu fundador , o bispo Odoario , así como á súa estancia e falecemento en Diomondi a finais do século VIII .

A igrexa románica actual destaca pola maxestade da súa traza , aínda que o seu remate non se corresponde co proxecto inicial . Neste senso é significativa a ausencia de canzorros nos abeiros da nave e a sobriedade do alzado superior da fachada .

Cara ó século XVII rebaixouse o alzado do lateral sur da nave e , en consecuencia , mutiláronse os arcos que unían os contrafortes e o xadrezado do paramento exterior .

Crese que esta desafortunada actuación pretendía liberar o verquido das augas do tellado . Pola contra , o lateral norte oculto polo edificio civil , mantén na actualidade a altura e paramento orixinais . Probablemente estas obras , así como a construción da espadana , se realizaron ó mesmo tempo . A elevación do solado da igrexa é algo posterior , quizais da data da construción da sancristía .

 

  1. O PAZO BISPAL .

 

Edificación de orixe medieval adosada ó lateral norte da igrexa románica de San Paio de Diomondi .

As súas primitivas dependencias acolleron a vida conventual do mosteiro  de Domini Gemondi no alto medievo , e dende Odoario serviron de residencia temporal e administrativa dos bispos de Lugo .

Nas dúas torres que conforman o pazo bispal son chamativas dúas grosas columnas de granito , unha delas conserva un curioso capitel adornado con arquiños de ferradura de aspecto mozárabe . As súas basas son de tipo ático , probablementel da época do románico .

De datas anteriores , quizais dos primeiros tempos do mosteiro , son unhas rústicas escaleiras que daban acceso ó mesmo dende o patio do claustro . Na actualidade están ocultos baixo doutras escaleiras construídas en datas moi posteriores .

Ademais , é significativa a presenza do escudo dos Aguiares na fachada traseira da torre principal , posta en homenaxe do bispo de Lugo Pedro López de Aguiar , o que sitúa a antigüidade do actual pazo cara ó ano 1370 .

Anteriormente a esa data , un documento de Oseira do ano 1247 referido a Diomondi , fala da “…. vice sedis in Savinhao “ .

 

  1. MOSTEIRO E ORATORIO DE SAN MIGUEL DE DIOMONDI .

 

Mosteiro , probablemente de monxas , fundado pola semiconfesa dona Sénior pouco antes do ano 976 . Suponse asentado no contorno da igrexa e do pazo bispal de Diomondi , quizá no lugar das Cortes .

No devandito ano dona Sénior fixo testamento de todos os seus bens para o sustento e perpetuación do mosteiro de San Miguel , no que incluía unha relación das súas posesións : igrexas , mosteiros e vilas , así como as doazóns da súa familia para a fundación do mosteiro . Inclusive as recibidas do seu tío Hermoxio e do seu irmán Vimarani , ambos bispos de Tui .

Da lectura do testamento dedúcese que era un mosteiro promovido polas familias de dona Sénior e de san Rosendo e vinculado ó bispado de Tui .

Segundo parece , desapareceu a principios do século XI e os seus bens recaeron no mosteiro de Celanova e máis tarde na Igrexa de Lugo .

 

  1. CAPELA DE SANTA CATARINA .

 

Menciónase nun documento eclesiástico do ano 1543 . Situada cerca do lugar de Ver , de Diomondi . Os restos aproveitounos a veciñanza para a construción dun alpendre , e as súas reliquias trasladáronse á parroquial de San Paio hai moitos anos .

 

  1. CAPELA DE SAN COSMEDE .

 

Situada no lugar de Piñeiro ( parroquia de Diomondi ) , menciónase en varios documentos dos séculos XV e XVI , aínda que a súa orixe  parece moi anterior .

Na actualidade consérvanse algúns vestixios da capela , como unha pía de pedra para a auga bendita e un fragmento de granito dun sartego antropoide , probablemente do seu fundador  .

 

  1. MOSTEIRO E HOSPITAL DE SAN PEDRO .

 

Nos últimos séculos da Baixa Idade Media existía a carón da ponte de Belesar un mosteiro-hospital fundado , ó parecer , en tempos de Afonso VII .

Un documento do foro do ano 1602 menciona naquel lugar a Orde de Belesar  , sen dúbida a comunidade de relixiosos de dito mosteiro . Noutro documento do ano 1690 , obrante no Arquivo Nacional , dise que naquela data estaba en estado ruinoso .

Segundo as nosas averiguacións , estaba emprazado no lateral da ponte de Belesar , no concello do Saviñao . Algúns veciños aínda recordan en pé a parede máis próxima á ponte , derrubada ó construirse o encoro dos Peares . Tamén se destruíron varias sepulturas do cemiterio do mosteiro , e  algunhas das súas laudas con gravados propios da época  xacen alí afondadas .

Nas ribeiras do Belesar da marxe esquerda do Miño aínda permanecen os topónimos a viña dos Frades  e a  adega da Orde  .

 

  1. CAPELA DE SANTA LUCÍA .

 

Nun documento do foro do ano 1695 faise alusión á capela de Santa Lucía .

Os veciños coñecen o lugar do seu emprazamento , ó carón duns viñedos situados ó nacente do Belesar da marxe esquerda . Tan só perdurou o topónimo , presúmese a súa fundación na Alta Idade Media .

 

  1. SAN PEDRO DE BESTEIROS .

 

Parroquial limítrofe e vinculada á de San Paio de Diomondi , que a partir do ano 1890 quedou plenamente integrada na parroquia de Diomondi .

Parece referirse a ambas igrexas a escritura de doazón do bispo Hermenexildo do ano 954 , cando afirma que  en el lugar de Diomondi estaban fundadas dos basílicas con los nombres de San Pedro y de San Esteban .

Posteriormente faise mención da igrexa e do lugar de Besteiros en numerosos documentos eclesiásticos . No século XVIII quedou en estado ruinoso e actualmente tan só permanece a planta ó descuberto e algunha das sepulturas do cemiterio .

 

  1. NOSA SEÑORA DE MONTECELO .

 

Dende tempos da Idade Media , existía no lugar de Montecelo unha capela na marxe do camiño real Monforte – Chantada , que en antigos documentos figura coa advocación de Nosa Señora da Virxe do Camiño .

Na primeira metade do século XVIII foi derruída ó construírse no seu lugar unha igrexa , pertencente naquelas datas á parroquia de San Pedro de Besteiros . Nela oficíabanse as misas parroquiais debido o estado ruínoso da igrexa matríz .

Hoxe pertence a San Paio de Diomondi , e dela só permanecen en pé os arcos da nave e parte das súas paredes .

Consérvase aínda un cruceiro con peto das ánimas incorporado e os restos do seu cimeterio .

 

 

  1. CAPELA DE SAN ANTÓN DE BEXÁN .

 

Situada no lugar de Bexán , pertecente noutro tempo á parroquia de San Pedro de Besteiros e na actualidade á de San Paio de Diomondi , considérase construída no século XVII , pero probablente as súas orixes sexan moi anteriores . Levantábase ó bordo dun camiño secundario que daba acceso ós chamados Codos de Diomondi , e a úns metros da capela consérvase o topónimo do Hospital de Bexán .

 

  1. IGREXA DE SAN MAMEDE DE BUXÁN .

 

Os restos da igrexa de San Mamede atópanse na ribeira do Miño , concretamente debaixo do lugar de Galegos , hoxe pertecente á parroquia de Diomondi .

A finais da Idade Media era a igrexa matriz do chamado Couto de Buxán , naquel tempo propiedade do mosteiro cisterciense de Castro de Rei de Lemos , dependente de Oseira .

É probable que con anterioridade fose un eremitorio construído nun paraxe habitado dende a prehistoria , como pode acreditarse polos numerosos vestixios achados no seu contorno .

No século XVIII a igrexa era unha ruína e o bispo de Lugo Sáez de Buruaga ordenou no ano 1764 o seu derrubamento . Na actualidade quedan sobre o terreo os cimentos da igrexa e das casas do lugar .

 

 

  1. PARROQUIA DE SANTIAGO DE LOUREDO .

 

 

  1. “ SANCTI IACOBI IN LAURETO “ .

 

Igrexa e probablemente mosteiro fundados no ano 760 polo abade Sénior , repoboador da , mais tarde denominada , Ribeira Sacra . Corresponde ó actual Santiago de Louredo , que estende o seu límite parroquial ata o río Miño . Recibíu ó longo da súa dilatada historia numerosas reformas , mais conserva na actualidade notables vestixios .

Afírmase a existencia no seu interior de sepulturas antropoides . Sobre unha delas parece repousar unha lauda de granito na que figura labrada unha aguia despregada e picoteando o pan da Eucaristía .

Destaca a parte exterior da ábsida , que parece levantada sobre a estrutura do muro primixenio .

 

28. SAN PEDRO DE CELA , IGREXA E MOSTEIRO .

 

Os restos da igrexa románica de San Pedro de Cela localízanse entre o lugar de Buxán e o río Miño , nos términos da actual parroquia de Louredo . Na actualidade  consérvase unha boa parte da ábsida e do presbiterio , pero a nave e a cuberta foron reconstruídas como adega hai úns anos .

Na Alta Idade Media debeu existir nese lugar unha capela ou un eremitorio e tense noticia dalgúns sepulcros antropoides , ún deles adornado coa lauda de estola , permanece no adro da igrexa .

A mediados do século XV figura documentalmente como mosteiro de sete monxes e granxa de seis vasalos , pertecentes ó Couto de Buxán , que dependía naquela época do mosteiro cisterciense de Castro de Rei de Lemos .

No século XVIII debeu quedar abandonado o templo e o mosteiro xa que as súas reliquias quedaron depositadas na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño .

 

 

VII. PARROQUIA DE SANTO ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO .

 

29.     SANTO ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO .

 

Igrexa románica de tipo mosteiral construída a comezos do século XIII e asentada na ribeira baixa do Miño , nas terras do Saviñao . Desde 1931 ostenta a categoría de Monumento Nacional .

De data moi anterior é a igrexa de Sancto Stephano , que a semiconfesa dona Senior doa no ano 976 ó mosteiro de San Miguel de Diomondi . Pouco tempo despois pasou ó mosteiro de Celanova e , segundo parece , desde o século XI a súa titularidade correspóndelle á Igrexa de Lugo , xa que nesta data aparece inventariada como Sancto Stephano in ripa Minei …. in Savinianos .

A mediados do século XVIII o abade Agustín Montenegro realizou importantes melloras na igrexa románica que afectaron ó adro e ós arcos do templo , envidrado do rosetón , sancristía e arbotantes da ábsida .

 

  1. O MOSTEIRO DE RIBAS DE MIÑO .

 

Por tradición popular sábese que xunto á igrexa de Santo Estevo existía en tempos antigos o chamado Mosteiro de Ronfiz , probablemente fundado por monxes da Orde de San Bieito . Máis tarde , en séculos anteriores á costrución da igrexa románica , menciónanse documentalmente o mosteiro e a igrexa de Sancti Stephani como pertecentes á Igrexa de Lugo . Aínda que o templo románico foi concibido para mosteiro , non chegaron a construírse as dependencias para a vida conventual .

A partir do século XIII os titulares do mosteiro eran os membros dun padroado laical instituído mediante privilexio real . Aqueles copartícipes gozaban do dereito de presentación de candidatos a abade do mosteiro de Santo Estevo .

Durante a Baixa Idade Media os abades residían nunha casa rural situada fronte ó lateral sur da igrexa románica e posteriormente trasladáronse á chamada Casa da Abadía .

 

  1. A CASA DA ABADÍA .

 

Nun promontorio da ribeira do Miño , a úns seiscentos metros do templo románico , atópase un complexo edificativo coñecido como A Casa da Abadía . Na actualidade as súas dependencias foron remodeladas para unha mansión privada , aínda que mantén a estrutura arquitectónica doutrora .

Entre as súas instalacións destacan unha vetusta solaina , á que se accede dende o patio do claustro , así como a capela , que ostenta o escudo dos Montenegro .

Existen indícios de que o asento abacial foi nas súas orixes un castro e , máis tarde , un eremitorio .

Un inventario da Igrexa de Lugo do século XI parece referirse a un mosteiro , cando inclúe nos seus bens a Vila de Touram , actual lugar de Toural , situado nos extramuros do recinto . De esta época puidera datar un habitáculo do claustro , cicais un antigo oratorio .

Nos primeiros séculos da Idade Moderna eran titulares da Casa da Abadía o bispado de Lugo e o padroado laical do mosteiro de Santo Estevo . De esta época era unha capela derruida a comezos do século XVIII . Na actualidade tan só quedan en pé os muros do peche , os accesos ó adro e vestixios do cemiterio .

A finais do século XVII vivían na Casa da Abadía , dunha forma máis ou menos continuada , algúns abades do mosteiro de Santo Estevo , ata que en 1720 o bispado lucense autorizou a residencia oficial dos seus abades naquelas dependencias . De esta data é a actual capela da Ascensión .

Ó suprimirse o mosteiro no 1850 , a Casa da Abadía permaneceu como reitoral do curato de Santo Estevo de Ribas de Miño , ata que en 1940 quedou vacante e en estado ruinoso .

 

 

VIII . PARROQUIA DE REBORDAOS .

 

  1. SANTA EULALIA DE REBORDAOS .

 

Parroquia situada nas proximidades da ribeira do Miño , ó leste da presa de Belesar .

Menciónase á freguesía de Santa Eulalia en tempos antigos , cando no ano 916 o rei Ordoño II fixo doazón da metade das súas familias e bens a favor da Igrexa Mindoniense ( San Martiño de Mondoñedo ) . No século X o mosteiro de Samos era tamén titular de importantes posesións nesta parroquia , quizá a outra metade dos bens doados por Ordoño II .

Na actualidade a igrexa mostra na súa edificación as notorias reformas practicadas no século XVIII .

A úns 600 metros ó leste de Santa Eulalia áchase o lugar e a torre medieval da Candaira , probablemente asentada no contorno dunha capela ou eremitorio máis antigo coa advocación da Virxe da Candelaria .

 

 

IX . PARROQUIA DE SAN VITOIRO DE RIBAS DE MIÑO .

 

  1. SAN VITOIRO DE RIBAS DE MIÑO .

 

Igrexa románica matriz desta parroquia , situada nas ribeiras do Miño , e limítrofe polo sur con Santo Estevo de Ribas de Miño .

Os antecedentes da igrexa remóntanse o ano 929 , no que o abade Veremundo Páez fundou o mosteiro orixinario . Menciónase a abadía e a igrexa en varios documentos anteriores á construción do templo románico no século XII . Anos máis tarde fálase noutros documentos da abadía e das súas posesións administradas por un padroado laical .

A uns centos de metros da igrexa atópase o santuario de Guadalupe , capela de estilo indiano construída no século XVIII .

 

34 . SAN XOÁN DE PORTO .

 

Capela situada na beira do Miño , xunto á desembocadura do río Sardiñeira . Na actualidade atópase anegada polas augas do encoro de Belesar .

A súa antigüidade remóntase  , polo menos , ó século X , xa que no ano 916 o rei Ordoño II doaba á Sede Dumiense de Mondoñedo as familias e lugares pertecentes á San Xoán de Ribas de Miño .

 

35 . CAPELA DE LAGARES .

 

Situada no lugar do mesmo nome , a pouco máis de un quilómetro ó sur da capela de San Xoán de Porto . Na actualidade atópanse deshabitadas e derruídas a igrexa e as casas de Lagares e as do lugar de A Bideira , preto  da mesma .

Hai uns anos atopáronse entre aquelas ruínas unha imaxe de santo Antón tallada en madeira e datada no século XIV , polo tanto cabe pensar que estaba adicada a esta advocación .

Non se coñece documentación escrita acerca desta capela , aínda que parece aludila no Catastro do Marqués de la Ensenada referida á parroquia de San Vitoiro de Ribas de Miño .

 

En Escairón , a 13 de xaneiro do 2016 .

mapa parroquias.    mapa romanico A Cova , Fion e Santa Mariña.   mapa romanico Mourelos.

mapa romanico Diomondi e Louredo.     mapa romanico Santo Estevo Ribas de Minho.    mapa romanico S. Vitorio-Rebordaos.

 

 

 

 

 

 

 

 

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail