Clamor popular pola suba do IBI e o exceso recadatorio do concello

Dende a Asociación veciñal vémonos na obriga de trasmitir o clamor popular debido ao descontento de todos os veciños e as veciñas do Saviñao pola suba do IBI deste ano, que experimentou un incremento dun 20%, co que as familias se ven seriamente perxudicadas.

Esta desproporcionada suba fraguouse xa hai un ano, cando nos presupostos para o 2014 o equipo de goberno incrementou a tarifa impoñible do 0,55 ao 0,65. O que daquela ninguén sabía era que ese coeficiente ía significar un incremento do 20% no recibo catastral, o que supón en moitos casos recibos de ata 800 ou 1.000 €, máis propios de vivendas ubicadas no centro das grandes capitais.

Este afán recadorio do Concello non é novo, pois como xa denunciara a Asociación no seu momento, tamén se incrementou o recibo de alcantarillado e lixo (nun 120%), todas as taxas municipais (vaos, licenzas, auga), o prezo da gardería (no 100%), etc. Estas subas responden á necesidade do Concello de gravar aos veciños con impostos directos para manter as catro dedicacións exclusivas do equipo de goberno a costa dos petos dos veciños. Hai uns catro anos o Alcalde afirmou, despois de gañar as eleccións, que eses catro salarios ían significar un aforro para o Concello. A realidade é que supuxo un saqueo continuo á veciñanza.

A pesar dos elevados impostos que pagamos, hai unha grave carencia de servizos públicos: non hai unha residencia de maiores accesible e pública, por non quererlle aboar á Deputación a parte correspondente da compra xa executada do solar; a gardería está totalmente privatizada e cuns prezos moito máis elevados dos que se pagan nas “ Galiñas azuis “ concertadas coa Xunta; xa non temos servizo de Protección Civil ou Grumir; tampouco hai centro de día, nin punto de información turística; as actividades lúdicas e formativas son todas pagadas polos asistentes; o cemiterio está privatizado; reducíronse as horas de axuda a domicilio, malia o incremento dun 50% no prezo, etc. É dicir, non hai a mínima contrapartida en prestacións sociais que xustifique este gravamen impositivo.

Dende a Asociación veciñal facemos unha chamada a todas as asociacións parroquiais e culturais, ás agrupacións políticas e aos indivíduos a manifestar e denunciar o abuso recadatorio do Concello para beneficio exclusivo do partido que goberna e contra os intereses e a costa da economía da veciñanza.

Mentres non se poida materializar o descontento no lóxico e natural castigo electoral, solicitamos a volta inmediata ao coeficiente anterior para os presupostos do 2015. Os veciños non poden ser tratados como clientes da entidade pública, o Concello non pode ser xestionado como negocio para uns poucos. Decembro 2014.

Na data do 23 de decembro e coincidindo co Pleno Municipal, convócase a todos os veciños a mostrar o descontento nunha concentración díante do edificio de concello. Na mesma sesión plenaria o partido da oposición prantexará unha moción na que trasmite a proposta veciñal de volver ó tipo impositivo anterior do 0,5. O pleno foi convocado nun sábado e a unha hora de difícil acceso, ás 11 da mañá, cando todo o ano se veñen celebrando os venres ás 7 da tarde.

Ó acto acodimos 25 persoas, unha cantidade moi reducida tendo en conta que é unha problemática de interese xeral. Non acode ningún representante das asociacións veciñais contactadas, así como anecdótica foi a presenza e militantes dos dous partidos da posición.

No primeiro pleno do 2016 aplícase o acordo e, pese a solicitar a asociación unha baixada ata o 0.50, queda definitivamente nun 0.55.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail