PROPOSTA PARA A COMPRA POR PARTE DO CONCELLO DO EDIFICIO DOS ANTIGOS SINDICATOS DE ESCAIRÓN.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao e á Corporación Municipal coa intención de solicitar a adquisición da Casa Sindical da rúa Mendez Nuñez.

A Consellería de Medio Rural é a titular do edificio actualmente valorado nuns 60.000 €, moi lonxe da cifra que pedía hai uns anos ( 240.000 €), é pois un bó momento para prantexarse a compra xa que o Concello presenta na actualidade un superavit económico, polo que esta cifra é perfectamente asumible para as arcas municipais.

O edificio dos antigos sindicatos, actualmente propiedade da Consellería de Medio Rural, é unha construción de cantería de principios do século XX, ubicado nas proximidades da Devesa de Escairón, co que a súa adquisición por parte do Concello garantiría que nese solar non se constrúa en altura, aportando consenso urbanístico a esa zona de ocio.

Dita construción está catalogada como patrimonio civil no PXOUM coa ficha AC-212 e a súa adquisición incrementaría o patrimonio municipal.

O edificio actual de dúas plantas ten capacidade suficiente para albergar no seu interior diversas salas e variadas actividades, polo que a asociación considera distintas posibilidades de uso no caso de ser municipalizado:

 

  • A planta baixa podería adicarse a Local da Xoventude, unha vella reivindicación que nunca tivo resolución e que trouxo como consecuencia a deambulación das múltiples xeneracións de xóvenes polos bares ou á intemperie por non contar cun lugar de reunión.

 

  • Poderíase asemesmo baraxar a posibilidade de ubicar nesa ampla planta baixa un Centro de Día para uso e desfrute dos nosos maiores, outra importante carencia de servizos do noso concello. Aínda que para esta actividade a asociación contempla mais idónea a remodelación do edificio de enfronte do antigo ambulatorio, unha vez que remate a construcción do novo centro de saúde.

 

  • A planta superior podería distribuirse en varios locais para cesión ó diverso tecido asociativo do municipio para a realización das súas actividades, xa que a día de hoxe non hai posibilidade física de facilitar este dereito recollido no ROF e na LRBRL. Son varias as asociacións que non dispoñen dun local : os cazadores, a Asociación do Cabalo, as mulleres rurais, ou mesmo a nosa Asociación Veciñal do Saviñao .

Por todos estes argumentos SOLICÍTASE da Alcaldía e dos partidos políticos integrantes da Corporación Municipal o debate nunha sesión de Pleno da oportunidade e necesidade da adquisición deste inmoble para uso do conxunto da sociedade do Saviñao e dos diversos colectivos asociativos.

Na procura de que se teña en conta esta petición, despédese de Vdes. A presidenta da asociación. Escairón a 27 de xullo do 2020.

 

 

 

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail