TRASMÍTESE QUEIXA POLA OBRIGADA ESPERA NO EXTERIOR DO AMBULATORIO DE ESCAIRÓN.
A asociación veciñal diríxese á Comisión municipal de seguemento da Covid-19 para transmitir as queixas da veciñanza polas condicións de espera no exterior do ambulatorio de Escairón para acceder aos servizos sanitarios.
O feito de ter que agardar fóra do ambulatorio, unha medida adoptada como transitoria, parécenos insalubre e contraproducente para os pacientes, especialmente para os maiores, que teñen que permanecer de pé sometidos a condicións climáticas a veces extremas. Ademais, esta medida non evita o contacto e, polo tanto, o risco de contaxio.
Esta situación, que podería entenderse ao inicio da pandemia, seméllanos a estas alturas ineficaz e moi incómoda para a veciñanza. Ademais, non figura nos protocolos da Consellería de Sanidade e non se adoptou noutros concellos da comarca.
Por estas razóns solicitamoslle á Comisión que acabe con esta limitación e que se volva á normalidade, respectando as medidas de prevención e desinfección no interior do edificio, sinalando os asentos dispoñibles e as distancias que se deben manter.
Ao mesmo tempo, débeselles pedir ás persoas usuarias que cumpran escrupulosamente os horarios das citas para evitar aglomeracións.
Por outra parte, solicitamos que se retomen na medida do posible, as consultas presenciais, como se esta a facer noutros centros próximos ao noso concello.
Na procura dunha asistencia sanitaria digna e respectuosa coa poboación, transmítese esta queixa que cremos fundada.
En Escairón, a 14 de setembro de 2020