Noticias, novidades

RECLÁMANSE MARQUESINAS PARA AS DÚAS PARADAS DE AUTOBÚS EN ESCAIRÓN. NON É DE RECIBO QUE OS USUARIOS ESPEREN Á INTEMPERIE.

Vemos a diario como unha importante cantidade de veciños e veciñas se resgardan da chuvia e do vento baixo dos voladizos das casas do cruce de Escairón, mentres esperan o transporte público con dirección a Monforte ou a Chantada e Santiago. Esta  penosasituación agrávase nos meses de inverno, cando moitos estudantes deben desprazarse no coche de liña para acudir aos centros educativos.

Esta situación contrasta coa que se observa nas parroquias ou noutros barrios de Escairón, onde hai marquesinas, construídas no seu momento polo Obradoiro, que sinalizan as paradas e protexen as persoas que usan o trasporte escolar e público. É chamativo que a capitalidade municipal, sendo o punto máis poboado, careza deste servizo tan necesario.

A Asociación Veciñal do Saviñao, despois de recibir queixas por esta situación,

SOLICITA do Concello:

A ubicación de tres marquesinas que protexan das inclemencias metereolóxicas nas paradas dos autobuses nos seguintes puntos:

  1. Dúas na rúa Pardo Bazán: unha entre os números 1 e 3, onde fai parada o transporte que vai cara a Monforte; e outra na beirarúa de enfronte, entre os números 2 e 4 onde para a liña con dirección Chantada e Santiago.
  2. Unha na rúa Xosé Portela, entre os números 4 e 6, onde fai parada a liña que cubre o servizo Currelos-Escairón-Ferreira-Monforte.

É importante puntualizar que estas marquesinas teñen un tamaño pequeño, non maior co dun coche, polo que non deben supor un obstáculo.

Esperando que se lle dea solución a esta xustificada demanda da veciñanza, despídese atentamente de Vde. a Presidenta da Asociación.

Escairón a 4 de outubro do 2024.

RECLÁMASE DO CONSORCIO TURÍSTICO DA RIBEIRA SACRA ATENCIÓN A DOUS PUNTOS DE ATRACIÓN NO SAVIÑAO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra coa finalidade de tratar dous temas de ámbito turístico e de interese para o municipio do Saviñao: a solicitude de sinalización da ruta de sendeirismo PR-G 162 e as propostas para evitar o colapso da área da praia da Cova.

 

  1. SINALIZACIÓN DA RUTA DE SENDEIRISMO PR-G 162.

Comprobamos que o Consorcio de Turismo sinalizou algunhas rutas de sendeirismo no territorio da Ribeira Sacra con sinais verticais metálicas de cor laranxa. Non obstante, a ruta dos concellos de Pantón e O Saviñao non foi sinalizada.

A ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, a primeira homologada no territorio do Miño e é a máis longa de toda a Ribeira Sacra, con 37 quilómetros, é adecuada para facer en dúas ou máis xornadas. Foi descrita polos numerosos grupos de sendeirismo que a visitaron como unha das máis atractivas e completas de Galiza.

O seu interese ven dado pola cantidade de elementos de interese paisaxístico, etnográfico e patrimonial que atravesa no seu traxecto: catro igrexas románicas (Sto. Estevo de Ribas de Miño, S. Paio de Diomondi, S. Salvador da Cova e Sto. Estevo de Atán), a calzada romana e medieval dos Codos de Belesar (que forma parte do Camiño de Inverno), o núcleo de Belesar e as dúas áreas fluviais do Miño (A Cova e Maiorga), así como a coñecida fervenza de Augacaída, ademais de atravesar numerosas aldeas que amosan unha arquitectura propia (Diomondi, Mourelos, A Cova, O Carballo de Ribeiras de Miño, A Míllara, Marce, Seoane de Atán…). O percorrido permite contemplar numerosos elementos paisaxísticos e etnográficos: a alternancia de viñedos en socalcos con frondosos bosques de caducifolias, os portelos que comunican as muras, as airas empedradas das mallas comunais, os pozos horizontais da ribeira …

Cremos que o interese desta ruta está sobradamente demostrado e que merece que se valorice e se coide, polo que lle solicitamos ao Consorcio de Turismo a correspondente sinalización cos sinais laranxa nos dous inicios da ruta, Sto. Estevo de Belesar e Segade, así como nos puntos intermedios do seu traxecto: Belesar, o Priorato da Cova e Maiorga.

 

  1. PROPOSTA DE MEDIDAS PARA EVITAR O COLAPSO DA ÁREA DA COVA.

O Consorcio ven de recoñecer publicamente que a área da praia da Cova é un punto negro na Ribeira Sacra para a  mobilidade e que ameaza a sostibilidade do turismo que nos visita. Dende a Asociación repetimos unha serie de propostas para evitar o colapso desta zona vulnerable e de gran afluencia de xente.

  • A modificación do percorrido do microbús lanzadeira que xa está en activo. Cremos que a saída debería facerse dende Fión, na bocarribeira, xa que a maior parte dos visitantes da praia proceden de fóra do Saviñao e non chegan a pasar por Escairón, onde está agora o punto de partida. Para conseguilo habería que habilitar un espazo de aparcamento para a saída. Poderíase valorar un segundo servizo dende Belesar.
  • A circulación de senso único dende o desvío a Arxuá, pouco antes da igrexa románica da Cova, permitíndoselles o tránsito no senso contrario só aos propietarios de terras na ribeira. A baixada faríase pola igrexa da Cova, e a subida sería por Soutomango e Arxuá. Quedaría un curto espazo de circulación nos dous sensos, duns 300 metros, onde se xuntan as dúas estradas, que poderían estar regulados por semáforos.
  • A sinalización do ancho da estrada e a prohibición de circulación de vehículos de máis de 6 metros de lonxitude, incompatibles co trazado sinuoso da estrada. Isto suporía que non poderían circular nin autobuses grandes nin autocaravanas.
  • A colocación de paneis dixitais nas zonas de estacionamento e de saída dos microbuses, en Fión e Belesar, para informar da ocupación das prazas de aparcamento na área da praia e disuadir así de acodir cos vehículos.
  • A protección estrita da paisaxe, que implica o rexeitar calquera ampliación do ancho da estrada.

 

Esperando que sexan atendidas estas necesidades que afectan ao territorio do Saviñao, despídese atentamente de vostede  a Presidenta da Asociación

Escairón a 3 de setembro do 2024.

sinalizar rutas

RECLÁMASE DO CONCELLO SINALIZACIÓN DE SEGURIDADE NA ZONA DE BAÑO DA PRAIA DA COVA.

A Asociación Veciñal do Saviñao, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía do Saviñao coa intención de repoñer as balizas de seguridade da praia da Cova.

A praia da Cova xa é unha icona a nivel nacional. Nesta época estival é frecuentada por unha inxente cantidade de visitantes. Para garantir a seguridade na zona de baño, a Asociación Veciñal do Saviñao SOLICITA  do Concello a reposición das dúas balizas verticais, desaparecidas recentemente, que avisan do límite da zona de baño onde se fai pé e do profundo desnivel que empeza alí.

Coa intención de reforzar a seguridade e de evitar desgrazas, esperamos a colocación con carácter urxente desta sinalización.

Atentamente, a Presidenta da asociación.

Escairón, a 26 de xullo de 2024

SOLICITUDE Á DEPUTACIÓN DO ARRANXO INTEGRAL E PRIORITARIO DAS ESTRADAS MONFORTE-CURRELOS E CELEGA-DIOMONDI.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Delegación de Vías e Obras Públicas da área de Xestión Territorial da Deputación de Lugo, para solicitar o arranxo prioritario de dúas estradas provinciais no municipio.

Dende esta asociación veciñal de ámbito municipal dirixímonos á  Deputación Provincial para denunciar a precaria situación en que se encontran agunhas estradas de titularidade provincial no noso concello. Somos conscientes da inmensa cantidade de quilómetros de estradas de competencia da Deputación  no conxunto da provincia. Por iso, a nosa solicitude limítase ás vías que precisan unha atención urxente polo seu estado de deterioro e polo seu alto nivel de uso.

SOLICITAMOS do organismo provincial atención urxente a dúas estradas do noso municipio:

 

  1. Estrada Monforte – Currelos (3202).

Esta estrada, que comunica todas as poboacións da metade norte do Concello do Saviñao coa cabeceira comarcal de Monforte de Lemos, polo que é moi transitada, presenta un excelente estado dende Monforte ata o límite deste municipio co do Saviñao, no lugar das Fontelas, pois foi arranxada recentemente con aglomerado. Pero na parte correspondente ao Saviñao, convértese nunha sucesións de fochancas que a fan intransitable en numerosos puntos (Ousende, Aiaz, A Broza, Estrumil, Forcados) ata practicamente Currelos.

Esta diferencia no estado da mesma estrada entre os concellos de Monforte e o do Saviñao supón un incomprensible agravio comparativo, polo que solicitamos o arranxo da parte correspondente ao temo municipal do Saviñao.

 

  1. Estrada  CELEGA– Diomondi  (5806).

Esta vía, á parte de atravesar moitos lugares das parroquias de Freán, Louredo, Santa Mariña, Laxe e Diomondi, conduce á icónica igrexa románica de Diomondi e ao albergue do Camiño de Inverno de Santiago, polo que é unha estrada moi frecuentada pola veciñanza e por un gran número de visitantes. A capa de rodadura esta moi deteriorada e leva anos reclamando unha atención integral (capa de aglomerado en quente) mais aló dos traballos puntuais que xa son insuficientes pola degradación do firme.

Pedimos que se inclúan estas dúas estradas nos proxectos inmediatos de reparación e mantemento das estradas provinciais de titularidade da Deputación. Na espera de que sexan atendidas estas peticións veciñais, como o foron outras demandas da asociación despídese atentamente de vostede a Presidenta da asociación.

Escairón, a 10 de xullo do 2024.

Na data do 16 de outubro coñecemos que a Deputación comezou o arranxo da estrada Monforte – Currelos. Agradecidos pola pronta resposta, unha vez máis comprobamos a importancia das asociacións veciñais e a relación coas administracións.

A ASOCIACIÓN RECLAMA Ó ALCALDE QUE FAGA AS XESTIÓNS NECESARIAS PARA QUE OS VECIÑOS POIDAN ACEDER Á TARXETA DO TRAPORTE GRATUITO SEN TER QUE DESPRAZARSE ATA MONFORTE OU CHANTADA.

A Asociación Veciñal do Saviñao a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía do Saviñao para solicitar que se xestione a tarxeta TMG do programa “TARIFA + 65” na oficina bancaria de Escairón.
Dende xaneiro do presente ano está dispoñible o programa da Xunta de gratuidade do trasporte público mara maiores de 65 anos, denominado “ TARIFA + 65 ” coa tarxeta de mobilidade de Galicia ( TMG ). No seno da asociación recibíronse queixas dos veciños polas dificultades que teñen de aceder a esta tarxeta dado que para conseguila deben desprazarse ata as oficinas de Abanca de Monforte ou Chantada ó non estar autorizada a de Escairón, o que parece un sinsentido e lles supón un obstáculo para ser beneficiarios deste servizo. Este servizo é de sumo interese para os que vivimos no rural dadas as dificultades de mobilidade e desprazamento que temos no territorio.
Por elo SOLICÍTASE da Alcaldía:
Que faga as xestións necesarias para facilitar aos veciños do Saviñao a posibilidade de que este trámite poida ser feito na oficina de Abanca de Escairón ou haberá moitos veciños que non poidan disfrutar deste servizo público por falta de interese ou de diplomacia.
O trasporte público é un elemento imprescindible para ter mobilidade e polo tanto para manter a vida no rural.
Na espera de que a Alcaldía faga as xestións necesarias para conseguir o aceso á tarxeta á maigrande parte da poboación, despídese de Vde. A presidenta da asociación.
Escairón a 27 de xuño do 2024.

A ASOCIACIÓN VECIÑAL ALERTA DA AMEAZA DOS PARQUES EÓLICOS NO TERRITORIO DA RIBEIRA SACRA.

 

A asemblea da Asociación analizou as consecuencias que derivarán do paso dunha nova liña de alta, procedente do parque Chao do Marco ( Becerreá ), así como da previsión doutro parque eólico que se instalará na parroquia da Broza do noso municipio. A reunión concluíu co rexeitamento destas operacións, que supoñen entregar o territorio a intereses empresariais.

Nos últimos anos estamos vendo unha alarmante proliferación de parques eólicos no conxunto da comunidade e no territorio no que nacemos e habitamos.

Dende esta asociacion desexamos advertir das consecuencias nefastas que traerán estas instalacións:

  • AFONDARÁN NO ABANDONO DO RURAL

A presencia dos muíños, o ruído, as torretas de derivación e o seu cableado, os desmontes e accesos  farán difícil e incómoda a vida en varios quilómetros ó redor, o que nun curto prazo provocará un éxodo dos habitantes.

Agora que se está a observar un moderado e optimista repunte poboacional e unha crecente restauración de vivendas e aldeas, a perda de atractivo das zonas afectadas polos eólicos freará a demanda de vivienda.

 

  • INCIDENCIA NEGATIVA NA ECONOMÍA

A Ribeira Sacra está despertando un grande interese turístico, e a proba é o crecente número de proxectos empresariais relacionados con esta actividade. Non obstante, co maltrato da paisaxe que supón a presencia dos parques eólicos, a hostalaría, as casas e os pazos de turismo rural e as iniciativas de ocio verán mermada a súa actividade. As labouras de apicultura veránse seriamente afectadas, as inmobiliarias terán neste territorio pouca escasa ou nula demanda: para eles suporía o sacrificio da galiña dos ovos de ouro.

Así mesmo, a construcción das instalacions e das vias de aceso limitará e fragmentará as plantacións e a utilidade dos numerosos montes comúns que atravesa.

 

  • DESTROZO DA PAISAXE

Todos os elementos constructivos destes parques, así como os desmontes de aceso e derivación supoñen unha agresión contra o paisaxe e a natureza, o elemento patrimonial máis valioso que posuímos e que nos levou á candidatura a Patrimonio da Humanidade.

 

  • INCIDENCIA NO MEDIO

A presenza destes parques teñen demostrado o grave prexuízo sobre a biodiversidade da fauna. Aves e mamíferos verán suprimidos os seus nichos ecolóxicos e as vías de tránsito.

 

  • A QUEN BENEFICIARÁN?

A compra ou a expropiación forzosa aos propietarios dos terreos supón uns exiguos beneficios fronte á economía crecente que desenvolven outros sectores produtivos. Os únicos beneficiarios serán as empresas enerxéticas, que se aproveitarán do territorio.

Entendemos que a enerxía eólica é limpa pero non pode ser imposta desta maneira. Para ser sostible a primeira premisa é non molestar nin causarlles prexuizos a quen naceu e habita no territorio. Non podemos permitir que se repita o que aconteceu nun pasado recente coa construción dos embalses e presas, que provocaron a migración da poboación, para beneficio únicamente da empresa.

Por todos estes argumentos consideramos que os parques eólicos supoñen unha ocupación imposta e ilexítima do territorio; que comprometerán o futuro da nosa comarca, ao seren incompatibles co obxectivo de que se recoñeza a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade; e que atentan contra o proxecto dun futuro baseado na economía sostible no noso territorio, afondando no abandono e despoboación.

Escairón a 4 de xuño do 2024.

 

No mes de setembro crease unha plataforma aberta a todos os veciños para facer oposición á instalación do parque eólico Neboreiro na Broza denominada Pacto Frente aos Eólicos. Difúndese entre os asociados e no facebook da asociación dous modelos de alegacións a presentar.

 

A ASOCIACIÓN VECIÑAL TRASMITE A NECESIDADE DE TAXIS NO CONCELLO O QUE ESTÁ OCASIONANDO SERIOS PROBLEMAS DE MOBILIDADE ÓS VECIÑOS.

 

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir a necesidade dun maior número de prazas de taxi no municipio.

A asociación veciñal recibíu queixas dos veciños do concello acerca da escasez de taxis e dos problemas que esta carencia acarrea para desprazarse, tanto polo territorio municipal como fora del.

O noso territorio municipal é extenso e moi diseminado e a poboación está moi envellecida. Si a esto se engade que os medios de trasporte no rural sufriron nos últimos anos un importante recorte nas frecuencias deste servizo, temos un serio problema de mobilidade percibido polos nosos veciños.

Por elo a asociación solicita do Concello un aumento de licencias de prazas de taxi no Concello así como a posta en convocatoria aberta para a concesión das prazas de taxi suprimidas polo cese de actividade ou xubilación dos titulares das mesmas.

Coa finalidade de dar rápida solución a esta carencia que está a limitar a mobilidade da nosa poboación afondando nas dificultades para consolidar a habitabilidade no noso territorio, despídese atentamente de Vde. a Presidenta de asociación veciñal.

En Escairón a 15 de marzo do 2024.

A ASOCIACIÓN SEGUE BUSCANDO SOLUCIÓNS Á PREOCUPACIÓN VECIÑAL POLAS ANTENAS DE TELEFONÍA MOBIL DE MONDAVIDE.

Despois de case vinte anos de preocupación e mobilización dos veciños do barrio de Mondavide pola afectación á saúde das emisións radiactivas das antenas de telefonía próximas ás vivendas e despois da nula actuación da institución municipal para dar solución a este tema, a asociación solicitou asesoramento e actuación á Xefatura Provincial de Telecomunicacións.

Na data do 13 de decembro acoden á petición da asociación técnicos da Xefatura Provincial de Telecomunicacións a realizar medición da emisión de radiacións a Mondavide. As cifras recollidas nas proximidades da instalación son de 0´35 volts/m, dentro dos límites admitidos pola OMS ( 38´9 volts/m ). Fanse asemesmo medicións no interior dunha vivenda próxima, con similares cifras. Á cita acoden veciños de 5 vivendas do barrio. Con esto dase tranquilidade e remátase con un longo temor pola influenza destas antenas na saúde. Non era tan dificil señor Alcalde.

SOLICÍTASE A CONVERSION DO INUTILIZADO ESPAZO ENTRE A BIBLIOTECA E O AUDITORIO EN PLAZA PÚBLICA.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao co motivo de mellorar os espacios públicos e comúns do municipio.

Tal e como se acordara na última reunión mantida co Alcalde, a asociación veciñal presenta propostas concretas para humanizar o espazo entre a Biblioteca e o Auditorio de Escairón para convertir esa área en plaza. Considerando que este espazo público está infrautilizado e pechado, presentamos as seguintes propostas de actuación:

1-Finalidade de uso: Como lugar de estancia e reunión, como plaza pública e podéndose utilizar para pequenos actos culturais ó aire libre.

2- Actuacións propostas:

1-Retirada do peche de forxa para convertilo en espazo aberto.

2- Apertura do cancelo de aceso que está permanentemente pechado.

3- Colocación de bancos e mesas móviles para facilitar o multiuso.

4- Conexión para aceso de medios de imaxe e són.

5- Adecentamento da pérgola do auditorio, moi deteriorada, ou ben retirada da mesma.

6- Pintura dun mural no edificio da caldeira da calefacción.

7- Dotación de dous puntos de luz

Na procura de dar utilidade e ampliar os espazos comúns de disfrute dos veciños e a espera dunha pronta resposta, despídese atentamente de Vde. a Presidenta da asociación.

En Escairón, a 11 de decembro do 2023

SOLICITUDE Á DEPUTACIÓN DE DIVERSAS MEDIDAS DE SEGURIDADE VIAL NO CONCELLO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese á Delegación de Vías e Obras Públicas da área de Xestión Territorial da Deputación de Lugo, para solicitar unha serie de medidas de seguridade vial no territorio municipal do Saviñao.

A asociación veciñal, facéndose eco das necesidades sentidas pola veciñanza no que respeta á seguridade vial nas estradas que comunican o territorio municipal, solicítalle á Deputación Provincial, titular das estradas afectadas, a necesidade de levar a cabo as seguintes actuacións:

  • Na Estrada provincial 4102 Escairón-Currelos: limitación da velocidade a 50 qm/h no paso polo Gorgozo e por Xuvencos. Dado o exceso de velocidade co que circulan moitos vehículos ao paso por estes dous lugares, suxíresese a colocación dalgúns dos seguintes elementos disuasores:
  • sinais luminosos de limitación,
  • bandas reductoras da velocidade nas entradas á poboación.
  • Semáforos que se poñan en vermello ao superar a velocidade.
  • Na Estrada 4102 Escairón-Ferreira de Pantón: colocación de bandas reductoras da velocidade na estrada Xán de Forcados de Escairón, á altura do parque infantil, que obriguen a aminorar a velocidade.
  • Estrada 5806 Montecelo-Fodo de Vila: colocación de sinais limitadoras da velocidade a 30 qm/h no lugar de Galegos dada a estreiteza da calzada ao paso pola poboación.
  • Estrada 5804 Escairón-Rebordondiego: limitación da circulación a un só sentido no centro de Escairón, desde o cruce ata a praza de España, no tramo que inclúe a praza Bernardino Ribadavia e a praza Maior, para evitar o colapso circulatorio que se observa a diario nesta zona.

Coa esperanza de que se faga efectiva a coordinación entre as administracións, condición imprescindible para dar resposta ás necesidades da veciñanza, despídese de Vde. a Presidenta da Asociación.

Escairón a 30 de outubro do 2023.

Na data do 11 de decembro acode a Capataz de obras públicas da Deputación para entrevistarse con nós. Confirma que as dúas intervencións solicitadas en Escairón ( a de sentido único e a do parque infantil ) son de competencia municipal. En canto ás medidas propostas para o Gorgozo e Xuvencos, só é viable a de colocación de sinais luminosas e afirma que informará delo. En canto á de Galegos afirma que xa está tramitada. Gracias pola pronta resposta.