ACORTELLAR O ESPAZO DA DEVESA COA BALAUSTRADA DE GRANITO PULIDO, OUTRA BARBARIDADE PAISAXÍSTICA DO NOSO ALCALDE.
Por se non fora pouco coa construción do pendello na Praza de España, e para demostrar quen manda e quen toma as decisións, estase a pechar a Devesa de Escairón cunha balaustrada de granito pulido que afea e rompe co entorno. Por elo a asociación dirixíuse ó Concello para argumentarlle o novo feísmo institucional.
Recentemente, a veciñanza do Saviñao contemplou atónita como se procedía ó peche do lado norte da Devesa de Escairón cunha balaustrada de granito pulido que nin sequera é do país, sen previo proxecto de obra nin presuposto para ela. Dende a Asociación consideramos que esta obra é de pésimo gusto e demostra unha nula sensibilidade paisaxística, máis propia dun xardín urbano que dun bosque autóctono ubicado nunha vila do rural.
A Devesa de Escairón é un elemento patrimonial natural urbano dos que poucos existen na Galicia actual. Está datado nuns 400 anos de antigüidade e goza da admiración e do aprezo de moitas xeneracións que medraron nel.
A intención de pechar perimetralmente a Devesa naceu co alcalde predecesor do actual, quen cerrou cunha balaustrada igual que a actual a zona verde e deportiva da Lama, pero foi máis comedido coa Devesa, da que só pechou a zona próxima ó Concello.
Poderíase xustificar esta obra como garantía de que non se meterán vehículos na Devesa, pero para esto o peche de madeira, lixeiro e discreto, era máis que suficiente.
Esta teima de acortellar a natureza e enclaustrar o bosque ten nefastas consecuencias:
1º- Fragméntase o conxunto orixinario doado por don Xoán de Forcados, que consistía nunha unidade formada pola Devesa e a zona da Lama, hoxe campo deportivo e ubicación do centro de saúde.
2º- Coa barreira de granito actual elimínase a perspectiva de fondo do conxunto arbóreo que permite escrutar, de árbore en árbore, dende fóra ata o fondo da Devesa.
3º- Impide a percepción da maxestosidade das árbores de ata catrocentos anos, xa que non deixa apreciar como cada un deses carballos emerxe con forza do chan.
En definitiva, considerámolo unha aberración paisaxística que de seguro será estudiada nun futuro nas aulas de urbanismo e paisaxismo.
Dende a Asociación SOLICÍTASELLE ao goberno municipal que desista de continuar cerrando a Devesa e que retire o peche granítico construído ata agora.
Polo ben da zona verde máis querida e apreciada pola poboación do municipio e na espera de que se impoñan a cordura e o bo gusto, despídese atentamente a Presidenta da Asociación Veciñal do Saviñao.
Escairón a 14 de xullo do 2026.

