DESASISTENCIA SANITARIA NO CENTRO DE SAÚDE DE ESCAIRÓN.
Como queira que a Xerencia sanitaria de Lugo non dá solución á falta de asistencia médica no C. de S. de Escairón, argumentando o clásico » non hai médicos», cando precisamente a súa función é buscalos, destinar fondos para novos contratos, facer oferta de emprego noutras comunidades e ata no extranxeiro, comunicarse cos Colexios Médicos doutras provincias, etc….a Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, máximo organismo responsable da asistencia sanitaria galega, co fin de solicitar a cobertura plena das tres prazas médicas do centro de saúde de Escairón.
Neste mes de xuño O Saviñao está a sufrir a carencia de médicos no centro de saúde de Escairón, no que só un dos tres profesionais traballa de maneira estable, mentres que os outros dous cupos médicos só están cubertos un ou dous días á semana por persoal eventual. Esta situación está a xerar indignación, xa que provoca retrasos e falta de asistencia sanitaria, co risco que isto supón para a saúde.
En toda a historia recente da democracia, nunca O Saviñao sufrira como agora o abandono nos coidados médicos e a privación do dereito constitucional á saúde.
A precariedade na cobertura sanitaria xa afectara gravemente aos municipios veciños de Chantada, Monforte e Pantón, e agora tócalle ao Saviñao. Esta comarca está sendo especialmente castigada dende que se centralizaran en Lugo as contratacións de persoal e a xestión sanitaria da área de Monforte.
Xa no ano 2018 este concello sufrira a perda dunha praza médica, o que provocara fortes protestas, como está a suceder agora con esta nova situación de abandono. O sistema sanitario galego fai augas e nesta zona estámolo padecendo tanto na atención primaria como na hospitalaria.
Dende a Asociación Veciñal, esiximos urxentemente da Consellería, como máxima responsable da xestión sanitaria, a cobertura estable e continuada de todas as prazas médicas no centro de saúde de Escairón ata que as ocupe o persoal definitivo, para garantir así o dereito á saúde neste concello. Ter en conta que no noso municipio . coa chegada das familias de emigrantes que volven as súas casas na temporada estival, vaise duplicar a poboación, co máis que previsible caos sanitario no municipio.
Á espera dunha solución rápida, eficaz e estable que devolva a normal asistencia sanitaria á poboación do Saviñao, despídese de Vde. a Presidenta da Asociación.
Escairón, a 18 de xuño do 2026.


