Actividades culturais, ludicas e formativas

Camiñatas e sendeirismo

1.- RUTA DO RÍO SARDIÑEIRA

No mes de novembro do 2010 convocouse á andaina pola ruta do río Sardiñeira. Dende Montegrande ascendeuse río arriba ata O Recreo. Alí fíxose parada para xantar e pola tarde seguimos río arriba ata as proximidades da confluencia dos ríos Portiño e Sardiñeira baixo Valiñocobo. En total 11 km.. Hai fotos no apartado de SENDEIRISMO.

 2.- RUTA DA RIBEIRA SACRA DO MIÑO

Durante o 2011 e á medida que se ían limpando os camiños de esta longa ruta de 36 km., invitábase nos medios de comunicación a todo o que quixera realizala en pequenas etapas de 4 – 5 km. que se organizaban nos sábados. A primeira etapa entre Stº. Estevo e Diomondi. A segunda entre Diomondi e Bexán. A terceira entre Bexán e o castro de Mourelos. A cuarta entre o castro e Cuñas. A quinta entre A Cova e Maiorga. A sexta entre Maiorga e Marce. Faltou recorrer a última entre Marce e Stº. Estevo de Atán, por non estar totalmente transitable.

3.- RUTA DO VERAO OU DAS DEVESAS

No outono do 2012 realizouse unha terceira parte de esta ruta de 11 km. diseñada pola asociación e aínda pendente de limpar e adecentar. Recorreuse o tramo desbrozado polos asociados, entre Escairón e Vilatán, de úns 4 km. Este é un proxecto dunha ruta circular que parte dende Escairón, por camiños diríxese a Vilatán, despois a Vilamor, Sobrelle, A Fonxe, e volta a Escairón polo campo de futbol novo. Denominámola así porque no verao é unha ruta fresca xa que ten en case toda ela a cobertura sombría dos bosques de caducifolias. ¿rematarase algún día? Moito nos tememos que si non se fai co traballo voluntarioso dos veciños nunca chegará a ser realidade.

SENDEIRISMO POLA RUTA DA RIBEIRA SACRA DO MIÑO

Con ocasión da apertura e posta en transitable da ruta deseñada, limpada e xestionada pola asociación, con data 27 de marzo do 2013, organízanse saídas de sendeirismo invitando a todos a acompañarnos polo recorrido da mesma. Son 36 km. de dificultade media por esta ruta homologada, a primeira do val do Miño, e catalogada co PR-G 162.

Na primavera do 2013 recórrese a ruta en catro etapas, nunha estación de flamante colorido e exuberante vexetación. Fanse os sábados pola mañá.

Mais tarde, no outono, recórrese en sentido inverso, partindo de Segade e Cima de Atán en Pantón e rematando en Stº Estevo de Ribas de Miño. Faise de novo en catro sábados e a variedade cromática desta época aínda permañece grabada nas nosas retinas. A bó seguro se repetiran estas convocatorias abertas nos próximos anos.

FOTOS

Curso de ofimática

A ASOCIACIÓN VECIÑAL DO SAVIÑAO INVITA ÓS VECIÑOS A APUNTARSE Ó CURSO DE OFIMÁTICA

ofimatica

É NECESARIO APUNTARSE , POIS SÓ HAI 15 PRAZAS , CHAMANDO Ó 982 452013 OU NO CORREO ELECTRÓNICO asociacionvecinaldosavinao@gmail.com

Limpeza area de Quian

A Comisión de Patrimonio e Cultura da asociación propuxo a limpeza da zona de Quián en Teibel (Reiriz) para a posta en valor e coñecemento de esta peculiar área de valor arqueolóxico e medioambiental. Lévase a cabo en xullo do 2010.

Trátase dunha volta que describe o río Pez próximo a súa desembocadura no Miño. Marca unha encaixonada ribeira que bodea un castro e describe unha pequena fervenza “ O pozo da Pía “. Hai un muiño, o do Gaiteiro, así como unha cova ou mina no mesmo castro.

A zona é dunha vexetación frondosa e exuberante. Fixose unha primeira limpeza polos dous laterais das paredes do castro ata chegar o leito do Pez, onde se contempla a fervenza. A idea é a de seguir coñecendo a zona para que se poida visitar e poñer en valor. Limítanos o feito de que ata este pasado 2012 non se arranxou á pista que baixaba en moi pronunciado descenso, co que a ida faciase ben, pero a pendente do regreso faise moi dura e fisicamente esixente, co que é preciso poder acceder en todoterreo.

Ofrecémonos a acompañar a quén desexe coñecer este enigmático rincón.

Xornadas da cultura castrexa

No verao de 2011 a Comisión de Patrimonio e Cultura organiza unhas xornadas adicadas á cultura castrexa, tan prolífica no noso territorio.

Acude Carola Perez, restauradora no museo arqueolóxico do Castro de Viladonga no norte de Lugo. As xornadas consisten nunha conferencia sobre a sociedade castrexa impartida por Carola no local do Círculo Saviñao, e na mañá do día seguinte saída e visita ó castro de Illón en Licín.

No mes de novembro volta Carola Perez con unha exposición de fotos dos castros máis relevantes de Galicia. Permanece exposta durante un mes no local do Círculo Saviñao, asociación coa que coordinamos o acto.

No mes de agosto vense organizando todos os anos unha visita ó castro de Illón coas explicacións pertinentes a cargo do propietario, e preocupado polo tema, Enrique Perez Losada. Pártese a pé, nun curto paseo ata o castro, nas proximidades de Escairón no acceso do corredor dende Monforte. Non está excavado pero atópase limpo e cuidado polo seu propietario. Recórrese o perímetro e o seo interior acompanado dunha explicación sobre a importancia que este asentamento tivo no desenrolo humano nas terras do que hoxe é o Saviñao así como as comunicacións con outros asentamentos próximos. Adxúntase un plano do asentamento feito por Enrique.

cartel do castrexo

plano de Illón

Curso de SIXPAC

A ASOCIACIÓN VECIÑAL DO SAVIÑAO ORGANIZA UN CURSO DE SIXPAC (CARTOGRAFÍA E CATASTRO EN INTERNET) DE MOITA UTILIDADE NO NOSO MEDIO RURAL

sixpac

É NECESARIO APUNTARSE POIS SÓ HAI 15 PRAZAS

CHAMANDO Ó 982 452013 OU NO CORREO

ELECTRÓNICO   asociacionvecinaldosavinao@gmail.com

Charla prevención incendio forestais

A Asociación Veciñal do Saviñao desexa comunicar a convocatoria e invitación á charla informativa que sobre A PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS vai ser impartida no Auditorio Municipal de Escairón na data do xoves 28 de abril, a partir das nove da tarde a cargo de membros do Distrito Forestal nº 8, da Dirección Xeral de Montes.

Coñecida a condición de este municipio como concello de Alto Risco de incendios forestais, dada a cantidade e a diversidade da flora que nos rodea e o seu carácter autóctono, así como dado o abandono que nos últimos tempos estamos a padecer no medio rural, considérase dende a asociación un tema de máxima atención e prioridade todo o que teña relación coa protección forestal e o seu aproveitamento como un dos recursos productivos que poidan ter futuro no noso concello . Por elo invítase a todos os veciños e comunidades forestais a acodir a este acto informativo no que se van tratar temas como:

  • – Autorización de queimas.
  • – Medidas legais en materia de incendios, uso posterior das terras queimadas, repoboacións, etc.
  • – Regulamentacións varias no tema forestal.

Polo que agradécese de antemán a vosa participación.