RECLÁMANSE MARQUESINAS PARA AS DÚAS PARADAS DE AUTOBÚS EN ESCAIRÓN. NON É DE RECIBO QUE OS USUARIOS ESPEREN Á INTEMPERIE.
Vemos a diario como unha importante cantidade de veciños e veciñas se resgardan da chuvia e do vento baixo dos voladizos das casas do cruce de Escairón, mentres esperan o transporte público con dirección a Monforte ou a Chantada e Santiago. Esta penosasituación agrávase nos meses de inverno, cando moitos estudantes deben desprazarse no coche de liña para acudir aos centros educativos.
Esta situación contrasta coa que se observa nas parroquias ou noutros barrios de Escairón, onde hai marquesinas, construídas no seu momento polo Obradoiro, que sinalizan as paradas e protexen as persoas que usan o trasporte escolar e público. É chamativo que a capitalidade municipal, sendo o punto máis poboado, careza deste servizo tan necesario.
A Asociación Veciñal do Saviñao, despois de recibir queixas por esta situación,
SOLICITA do Concello:
A ubicación de tres marquesinas que protexan das inclemencias metereolóxicas nas paradas dos autobuses nos seguintes puntos:
- Dúas na rúa Pardo Bazán: unha entre os números 1 e 3, onde fai parada o transporte que vai cara a Monforte; e outra na beirarúa de enfronte, entre os números 2 e 4 onde para a liña con dirección Chantada e Santiago.
- Unha na rúa Xosé Portela, entre os números 4 e 6, onde fai parada a liña que cubre o servizo Currelos-Escairón-Ferreira-Monforte.
É importante puntualizar que estas marquesinas teñen un tamaño pequeño, non maior co dun coche, polo que non deben supor un obstáculo.
Esperando que se lle dea solución a esta xustificada demanda da veciñanza, despídese atentamente de Vde. a Presidenta da Asociación.
Escairón a 4 de outubro do 2024.