RECLÁMASE DO CONSORCIO TURÍSTICO DA RIBEIRA SACRA ATENCIÓN A DOUS PUNTOS DE ATRACIÓN NO SAVIÑAO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra coa finalidade de tratar dous temas de ámbito turístico e de interese para o municipio do Saviñao: a solicitude de sinalización da ruta de sendeirismo PR-G 162 e as propostas para evitar o colapso da área da praia da Cova.

 

  1. SINALIZACIÓN DA RUTA DE SENDEIRISMO PR-G 162.

Comprobamos que o Consorcio de Turismo sinalizou algunhas rutas de sendeirismo no territorio da Ribeira Sacra con sinais verticais metálicas de cor laranxa. Non obstante, a ruta dos concellos de Pantón e O Saviñao non foi sinalizada.

A ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, a primeira homologada no territorio do Miño e é a máis longa de toda a Ribeira Sacra, con 37 quilómetros, é adecuada para facer en dúas ou máis xornadas. Foi descrita polos numerosos grupos de sendeirismo que a visitaron como unha das máis atractivas e completas de Galiza.

O seu interese ven dado pola cantidade de elementos de interese paisaxístico, etnográfico e patrimonial que atravesa no seu traxecto: catro igrexas románicas (Sto. Estevo de Ribas de Miño, S. Paio de Diomondi, S. Salvador da Cova e Sto. Estevo de Atán), a calzada romana e medieval dos Codos de Belesar (que forma parte do Camiño de Inverno), o núcleo de Belesar e as dúas áreas fluviais do Miño (A Cova e Maiorga), así como a coñecida fervenza de Augacaída, ademais de atravesar numerosas aldeas que amosan unha arquitectura propia (Diomondi, Mourelos, A Cova, O Carballo de Ribeiras de Miño, A Míllara, Marce, Seoane de Atán…). O percorrido permite contemplar numerosos elementos paisaxísticos e etnográficos: a alternancia de viñedos en socalcos con frondosos bosques de caducifolias, os portelos que comunican as muras, as airas empedradas das mallas comunais, os pozos horizontais da ribeira …

Cremos que o interese desta ruta está sobradamente demostrado e que merece que se valorice e se coide, polo que lle solicitamos ao Consorcio de Turismo a correspondente sinalización cos sinais laranxa nos dous inicios da ruta, Sto. Estevo de Belesar e Segade, así como nos puntos intermedios do seu traxecto: Belesar, o Priorato da Cova e Maiorga.

 

  1. PROPOSTA DE MEDIDAS PARA EVITAR O COLAPSO DA ÁREA DA COVA.

O Consorcio ven de recoñecer publicamente que a área da praia da Cova é un punto negro na Ribeira Sacra para a  mobilidade e que ameaza a sostibilidade do turismo que nos visita. Dende a Asociación repetimos unha serie de propostas para evitar o colapso desta zona vulnerable e de gran afluencia de xente.

  • A modificación do percorrido do microbús lanzadeira que xa está en activo. Cremos que a saída debería facerse dende Fión, na bocarribeira, xa que a maior parte dos visitantes da praia proceden de fóra do Saviñao e non chegan a pasar por Escairón, onde está agora o punto de partida. Para conseguilo habería que habilitar un espazo de aparcamento para a saída. Poderíase valorar un segundo servizo dende Belesar.
  • A circulación de senso único dende o desvío a Arxuá, pouco antes da igrexa románica da Cova, permitíndoselles o tránsito no senso contrario só aos propietarios de terras na ribeira. A baixada faríase pola igrexa da Cova, e a subida sería por Soutomango e Arxuá. Quedaría un curto espazo de circulación nos dous sensos, duns 300 metros, onde se xuntan as dúas estradas, que poderían estar regulados por semáforos.
  • A sinalización do ancho da estrada e a prohibición de circulación de vehículos de máis de 6 metros de lonxitude, incompatibles co trazado sinuoso da estrada. Isto suporía que non poderían circular nin autobuses grandes nin autocaravanas.
  • A colocación de paneis dixitais nas zonas de estacionamento e de saída dos microbuses, en Fión e Belesar, para informar da ocupación das prazas de aparcamento na área da praia e disuadir así de acodir cos vehículos.
  • A protección estrita da paisaxe, que implica o rexeitar calquera ampliación do ancho da estrada.

 

Esperando que sexan atendidas estas necesidades que afectan ao territorio do Saviñao, despídese atentamente de vostede  a Presidenta da Asociación

Escairón a 3 de setembro do 2024.

sinalizar rutas

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail