PETICIÓN AOS PARTIDOS POLÍTICOS DA CREACIÓN DUNHA ORDENANZA MUNICIPAL QUE PROHIBA A PLANTACIÓN DO EUCALIPTO.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía e aos tres partidos políticos que configuran a Corporación Municipal, coa intención de solicitar a creación dunha ordenanza municipal que prohiba a plantación do eucalipto no territorio municipal.

Dado que se están observando pequenas plantacións recentes de eucaliptos en distintos lugares do municipio, pese á existencia dun decreto da Xunta de Galicia de decembro do 2016, no que se prohibe a plantación desta especie na área forestal VIII, á que pertencemos, dende a nosa Asociación consideramos que o Concello debe esixir o cumprimento do decreto e velar polos intereses do conxunto da veciñanza fronte aos intereses económicos individuais.

O rexeitamento da plantación de eucalipto no noso municipio obedece ás seguintes razóns:

  1. Trátase dunha especie foránea que ocasionaría a modificación da paisaxe e do ecosistema da comarca, alteraría a fauna, suporía a destrución dos nichos biolóxicos e acabaría cos aproveitamentos forestais tradicionais.
  2. É una especie invasora de moi rápida expansión, que en poucas décadas tería colonizado o territorio.
  3. É una especie pirófita que acelera a extensión dos lumes, o que supón un serio risco tendo en conta o incremento dos incendios que estamos a ver nestes últimos anos.
  4. Provoca a desecación do chan e o agotamento das augas soterradas, causando o empobrecemento irreversible do solo, e contribuíndo a aceleración do catastrófico cambio climático.

A oferta tentadora dos supostos beneficios económicos contrasta coa rendibilidade real e mellorable que están a ofrecer moitas especies autóctonas e tradicionais, que son as que realmente deberían potenciarse pola súa adaptación e integración no ecosistema, como son o carballo, o castiñeiro, a nogueira, o bidueiro, a abelaira, a mazaira, a pereira, a figueira, o marmeleiro, o érbedo, etc.

Por todas estas razóns consideramos que é necesaria unha ordenaza municipal que determine dunha maneira inequívoca a prohibición da plantación do eucalipto, o que viría a reforzar no espazo municipal o decreto da Xunta que xa existe prohibindo este tipo de plantación. Con esta medida trátase de disuadir a quen antepón o interese económico individual ao interese xeral, e evitaríase a lexítima pero incómoda alternativa da denuncia persoal, eludindo o innecesario conflicto veciñal.

Diriximos esta proposta á Alcaldía e a cada un dos partidos políticos que configuran a Corporación Municipal, para que sexa debatida nun Pleno, e de ser aceptada, sexa publicada para coñecemento da veciñanza. Escairón, 10 de xaneiro do 2019.

Tamén solicitou a asociación a integración na inminente Plataforma comarcal contra o eucalipto, que se está a formar para concentrar a loita contra esta especie invasora, e para servir de canle de denuncia na comarca de Lemos.

integracion na Plataforma comarcal contra o eucalipto

Na data do 2 de abril do 2019 trátase nun Pleno municipal o tema, grazas a moción presentada polo BNG na que solicita a declaración de » concello libre de eucalipto » e a creación dunha ordenanza que amplíe a distancia das plantacións. O resultado foi negativo, votando en contra o PP e absténdose o PsoE, co que só queda a vía da denuncia das novas plantacións para evitar esta pexudicial especie no noso territorio.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail