Residencia dos maiores: Isto non é o que necesitabamos

A Asociación Veciñal do Saviñao, unha vez coñecidas as condicións de apertura dos Apartamentos Tutelados de Escairón, desexa manifestar a decepción sentida así como reclamar a falta de sensibilidade dos responsables municipais para coa xente maior deste concello ó “entregar” a única (e tantos anos desexada) residencia ó uso privado.

A admisión unicamente privada e co custo de 1.200 € ó mes deixará sen este servizo esencial e esperado prácticamente á globalidade dos nosos maiores, que na grande maioría teñen unha pensión da cotización agraria moi inferior a esa cifra, o que lles imposibilita o acceso.

A asociación non entende como un edificio público municipal, doado por Dña. Maruja Somoza coa condición de ser aproveitado para Residencia de Maiores, arranxado e remodelado ata en dúas ocasións con fondos públicos, e dotado de material e mobiliario con orzamento público, poido ser entregado a unha privatización total ; sin a máis mínima opción de cobertura (concerto) coa Consellería de Bienestar e Igoaldade.

Consideramos que este patrimonio público foi convertido nunha mini residencia de luxo só para persoas válidas, e non dá solución ós dependentes do noso medio, nin palía as carencias en servizos para a terceira idade no noso concello. Así os nosos maiores deben buscar praza noutras vilas, desenraigándose do seo entorno. Isto non é o que precisaba o noso municipio.

Para compensar este abandono, a asociación esíxelle ós responsables municipais o inicio das xestións pertinentes para lograr polo menos algunhas prazas concertadas, pero desconfiamos das intencións privatizadoras, pois hai dous anos se negaron a entrar no concerto que se lle ofrecía dende a Consellería de Benestar e Igualdade.

De non ser así haberá que iniciar xa os trámites para conseguir unha residencia “de verdade”: que acolla persoas dependentes e que inclúa servicios de enfermería, fisioterapia e poida valer como Centro de Día. Resumindo, un centro adecuado ás necesidades e á realidade demográfica que estamos a vivir, como os que funcionan dende hai anos en case todos os concellos veciños.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail