Actividades e noticias actuais

TRASMÍTESE QUEIXA POLA OBRIGADA ESPERA NO EXTERIOR DO AMBULATORIO DE ESCAIRÓN.

A  asociación veciñal diríxese á Comisión municipal de seguemento da Covid-19 para transmitir as queixas da veciñanza polas condicións de espera no exterior do ambulatorio de Escairón para acceder aos servizos sanitarios.

O feito de ter que agardar fóra do ambulatorio, unha medida adoptada como transitoria, parécenos insalubre e contraproducente para os pacientes, especialmente para os maiores, que teñen que permanecer de pé sometidos a condicións climáticas a veces extremas. Ademais, esta medida non evita o contacto e, polo tanto, o risco de contaxio.

Esta situación, que podería entenderse ao inicio da pandemia, seméllanos a estas alturas ineficaz e moi incómoda para a veciñanza. Ademais, non figura nos protocolos da Consellería de Sanidade e non se adoptou noutros concellos da comarca.

Por estas razóns solicitamoslle á Comisión que acabe con esta limitación e que se volva á normalidade, respectando as medidas de prevención e desinfección no interior do edificio, sinalando os asentos dispoñibles e as distancias que se deben manter.

Ao mesmo tempo, débeselles pedir ás persoas usuarias que cumpran escrupulosamente os horarios das citas para evitar aglomeracións.

Por outra parte, solicitamos que se retomen na medida do posible, as consultas presenciais, como se esta a facer noutros centros próximos ao noso concello.

Na procura dunha asistencia sanitaria digna e respectuosa coa poboación, transmítese esta queixa que cremos fundada.

En Escairón, a 14 de setembro de 2020

PROPOSTA PARA A COMPRA POR PARTE DO CONCELLO DO EDIFICIO DOS ANTIGOS SINDICATOS DE ESCAIRÓN.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao e á Corporación Municipal coa intención de solicitar a adquisición da Casa Sindical da rúa Mendez Nuñez.

A Consellería de Medio Rural é a titular do edificio actualmente valorado nuns 60.000 €, moi lonxe da cifra que pedía hai uns anos ( 240.000 €), é pois un bó momento para prantexarse a compra xa que o Concello presenta na actualidade un superavit económico, polo que esta cifra é perfectamente asumible para as arcas municipais.

O edificio dos antigos sindicatos, actualmente propiedade da Consellería de Medio Rural, é unha construción de cantería de principios do século XX, ubicado nas proximidades da Devesa de Escairón, co que a súa adquisición por parte do Concello garantiría que nese solar non se constrúa en altura, aportando consenso urbanístico a esa zona de ocio.

Dita construción está catalogada como patrimonio civil no PXOUM coa ficha AC-212 e a súa adquisición incrementaría o patrimonio municipal.

Sigue leyendo

SOLICÍTASE RECOÑECEMENTO DE INTERESE MUNICIPAL PARA A RUTA DE SENDEIRISMO

A ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, deseñada e aberta integramente pola Asociación Veciñal do Saviñao, e hoxe é unha realidade grazas a unha subvención de 30.000 € concedida pola Deputación de Lugo no ano 2012. Aquela axuda posibilitou a sinalización e homologación deste longo camiño como PR-G 162.

A intención da asociación na aposta por esta iniciativa foi a de abrir o primeiro (e único) camiño sinalizado no municipio do Saviñao, e a de conseguir a primeira ruta de sendeirismo homologada no territorio da Ribeira Sacra do Miño, así como contribuir á promoción do territorio Miño, en franca inferioridade fronte a numerosa oferta de actividades no territorio do Sil.

Esta ruta de máis de 36 quilómetros, a mais longa de todas as existentes na Ribeira Sacra, acompaña no seu descenso ò río Miño polos concellos do Saviñao e Pantón, mentres se avistan na outra ribeira do río Chantada e Carballedo.

INTERESE DA RUTA:

Sigue leyendo

NA PROCURA DUNHA DENOMINACIÓN DE ORIXE PARA O ACEITE GALEGO.

No mes de xuño presentamos aos partidos que forman a Corporación Municipal unha proposta para a creación dunha figura que ampare a produción da oliva no noso territorio. Sería unha marca para as terras de Lemos que se agruparía como unha subzona a integrarse na Denominación de Orixe ( D. O. ) Aceite de Galiza. Este cultivo pode chegar a ser un sector de interese para o campo Galego en xeral e o territorio Ribeira Sacra en particular.

EXPOSICIÓN :

     A plantación de oliveiras está experimentando un crecemento considerable na comarca así como tamén no noso municipio, coas expectativas de convertirse nun sector con un gran potencial para a diversificación e o reforzo do noso sector primario, tan necesario para garantir o futuro do noso territorio e fixar poboación.

        O exemplo a seguir témolo nas terras de Quiroga que despois de anos contan coa marca propia Aceite de Quiroga e estan pendentes de conseguir a Denominación de Orixe ( D.O. ) por parte da comunidade Europea.

          No caso do Saviñao a produción aínda esta iniciándose e no pasado ano recolléronse ó redor de 3000 quilos, pero é vital darlle un soporte como é o selo D.O. xa nestes momentos pois, sabendo que comezan a producir aos 5 anos úns 4-5 quilos e que ata os 15-25 anos non acadan unha produción estable de 20-30 quilos, é o momento de situarnos convenientemente para garantir a viabilidade desta nova produción que pode representar un complemento ou mesmo o sustento de produtores do campo.

        Na mostra de FITUR vimos como se vindicaba a D.O. de Quiroga, mais entendemos que suporía un agravio non incluir ó resto da comarca, que goza dunhas condicións climaticas similares, e impulsar unha D.O. galega que diferenciara entre as subzonas de produción histórica ( oliveiras de mais de 100 anos ) e as subzonas de recente produción.

         Por todo o exposto a asociación propón ao Pleno da Corporación do Concello do Saviñao que sexa tratado este importante tema, polo que

SOLICÍTASE:

  • Rexistrar a marca ACEITE DAS TERRAS DE LEMOS que ampare a produción dos concellos De Monforte, Pantón, Sober e O Saviñao.
  • Trasladar á Xunta de Galiza e á Consellería de Medio Rural a petición de crear unha D.O. de ACEITE DE GALIZA na que se inclúa a nosa comarca e que ampare a produción do aceite Galego, diferenciando a produción entre a área histórica ( Quiroga ou Seixalbo en Ourense ) para as oliveiras de mais dun século e as novas áreas con oliveiras, a través de subzonas, na que se rexistraía a subzona de Lemos.
  • Trasladar este acordo aos concellos que conformariamos a subzona: Monforte, Pantón, Sober e O Saviñao, instandoos a facer unha fronte común para a integración da nosa comarca na futura D.O. de Aceite de Galiza.

Coa intención de aportar alternativas aos nosos produtores e na espera de que o tema sexa tratado no próximo Pleno, despédese de Vde. a presidenta da asociación. En Escairón a 8 de xuño do 2020.

SOLICÍTASE Ó CONCELLO A REPOSICIÓN DE TRES CARBALLOS NA DEVESA DE ESCAIRÓN

Como vimos facendo todos os anos dende a data de formación da asociación, no  2009, propoñemos que cada ano se repoñan no espacio natural da Devesa aquelas pezas que causan baixa ou estén ameazadas de desaparición. Consideramos que esta é a mellor maneira de garantir a supervivencia e perdurabilidade deste recoñecido e querido patrimonio natural. Ata agora esta petición sempre foi atendida con bó criterio pola Alcaldía, excepto no ano pasado no que non se  levou a cabo plantación algunha.

      No presente ano consideramos que deben ser plantadas 3 pezas de carballo, ubicadas, tal e como adxuntamos no plano, nos lugares que de seguido xustificamos:

        – Na zona baixa da Devesa, próxima a un deteriorado salgueiro que quizais non teña moito futuro, polo que se busca a sustitución. Neste mesmo punto foran plantados dous carballos hai dous anos, que por desgraza fracasaron. Cremos que coa plantación dun só sería suficiente para garantir a liña da plantación.

          – Na zona alta da Devesa, detrás do xulgado de paz e ó carón dun carballo que leva anos amosando sinais de morte lenta, polo que conven ir anticipando a reposición. Alí tamén se plantara hai tres anos unha peza que fracasara. Consideramos que hai unha boa claridade e insolación para garantir o desenvolvemento.

– Nas proximidades do carballo fracturado polo tronco este pasado ano, coa finalidade de repoñelo. Hai que buscar o punto idóneo de iluminación que permitan as copas dos carballos veciños.

Por estas razóns

      SOLICÍTASE :

Se leve a cabo no presente mes de febreiro a plantación destes tres carballos que virán a repoñer outras tantas pezas, buscando o obxetivo de conservar e manter a Devesa nas mellores condicións posibles.

Asemesmo vemos necesaria unha poda de saneamento das polas mortas do conxunto da Devesa, en especial das pezas máis lonxevas que, debido a súa antiguidade, debería ser feita por persoal especializado, e cun adecuado selado das feridas.

Na procura de retomar esta atención anual e de trasmitir ás xeneracións vindeiras este patrimonio natural no mellor estado posible, tal e como fixeran os nosos antepasados, e por ser A Devesa un símbolo da nosa sociedade, esperamos da Alcaldía esta actuación.

En Escairón, a 3 de febreiro de 2020

Plano da plantacion : plantacion 2020

 

É NECESARIO ADOPTAR MEDIDAS PARA EVITAR O COLAPSO CICULATORIO NA PRAIA DA COVA. A ASOCIACIÓN PROPÓN MEDIDAS.

A Asociación Veciñal do Saviñao ven de dirixirse á Alcaldía e ó Secretario do PSOE do Saviñao para propoñer unha serie de medidas a tomar para evitar o colapso circulatorio na área da praia da Cova.

EXPONSE :

A Ribeira Sacra está tendo un recoñecemento case que internacional e prevese que elo atraiga un gran número de visitantes, e a área da praia fluvial da Cova é un dos puntos de máxima concorrencia e cabe esperar que esta demanda vaia en progresivo incremento nos próximos anos. Pero esta xoia natural pode verse ameazada por un desproporcionado fluxo de xente que a propia natureza e xeografía do lugar é incapaz de asumir. Temos que facer que o turismo non sexa unha ameaza senón que sexa sostible e proporcionado ó territorio.

De feito xa nestes dous últimos anos poidemos observar un colapso circulatorio e de aparcamento que orixinou conflictos e reclamou a presenza das autoridades de tráfico para o seu ordenamento. Dunha parte o aparcamento na área non ten ordenamento e apárcase nas dúas beiras, quedando un so carril para o transito de dous vehículos á par.

Ademais o acceso dende O Priorato da Cova ata a área é perigoso por canto a anchura da estrada fai moi axustada a circulación de dous coches á par, bloqueándose a circulación cando baixa un autobus. O propio recoñecemento patrimonial desaconsella unha modificación de ancheamento da estrada, por canto provocaría uns cortes nos balados que dañaría severamente o conxunto da zona e a paisaxe.

É por elo que hai que tomar unha serie de medidas ordenativas a adoptar de inmediato  para evitar o colapso total da área e que todo o encanto e oportunidade desa zona de ribeira acabe denostado ou derramado.

Sigue leyendo

SOLICÍTASE A REPOSICIÓN DAS SINAIS IDENTIFICATIVAS DAS POBOACIÓNS

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao co fin de trasmitir unha queixa veciñal polo mal estado da sinalización dos lugares.

 No seno da asociación recibíronse queixas polo mal estado da sinalización vertical que nomina aos lugares e aldeas nas estradas de todo o territorio municipal. Despois da última sinalización conseguida a través dun plan Leader hai mais de 12 anos, compróbase como moitas sinais foron tiradas polos tractores de limpeza das cunetas ou mesmo polo gando, e fican no chan, inclinadas ou apoiadas nunha parede. Adxúntanse fotos dalgunhas a modo de exemplo.

Consideramos esta sinalización como imprescindible para dar localización e ubicación a todas as poboacións do municipio, como tamen recoñecemos que no seo momento foi amplia e exaustiva, e aportou uniformidade e nomeou ó conxunto do territorio. Por elo rexistramos no Concello solicitude de reposición e fixación das sinais que foron movidas e nos mesmos puntos onde se atopan, así como a súa limpeza, e cos mesmos elementos orixinais que, debido a súa solidez e consistencia, permiten ser reutilizadas sin que elo supoña unha gran inversión nin custo, só vontade para facelo

O que se fai en Escairón a 11 de marzo do 2019.

P3073584 P3073585 P3073589 P3073590 P3073591 P3073592 P3073593

 

O FUTURO DO RIO PESQUEIRAS, RESPONSABILIDADE DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA. PREGUNTÁMOSLLE POLO PLAN DE REXENERACIÓN.

Unha vez tracorridos mais de oito meses dende a posta en funcionamento da nova depuradora da empresa CELEGA, é o momento de evaluar a eficacia da mesma e de comezar a ver sinais de resurximento da vida biolóxica no cauce deste río tan maltratado.

Correspondelle a responsabilidade da rexeneración das augas á Confederación Hidrográfica Miño-Sil ( CHMS ), tal é como fora aprobado na Proposición Non de Lei ( PNL ) no Congreso dos Deputados no 15 de decembro do 2017. É pois o momento de coñecer o estado analítico das augas e o plan de rexeneración previsto pola CHMS, polo que a asociación na data do 8 de febreiro do 2019 rexistra pregunta dirixida ó Presidente da CHMS, e ó mesmo tempo veciño do Saviñao, Jose Antonio Quiroga Díaz.  Esperemos unha pronta e resolutiva resposta para confirmar dunha vez por todas a rexeneración da vida no Pesqueiras.

Pregunta á CHMS polo presente-futuro do rio Pesqueiras

A día de hoxe 8 de xuño e despois de pasados catro  meses dende que se lle remitira a pregunta, ó presidente da CHMS, non tivo a ben responder ás cuestións formuladas, sendo o tema da rexeneración do río Pesqueiras una débeda do Ministerio de Medio Ambiente co municipio do Saviñao.
Por outra parte, no día 6 e 7 de marzo, coincidindo coa forte borrasca, comprobamos como o cauce aparecía cheo de espuma en diversos tramos, polo que desconfiamos de que se aproveite a subida do cauce para liberar ó río vertidos insuficientemente depurados. Tamén se pode comprobar como no leito do río segue sen aparecer indicio algún de vida, vexetal nin animal, polo que é mais necesaria que nunca unha avaliación das augas.
No mes de decembro do 2019 realízanse tarefas da corta dalgunhas árbores e da limpeza das veiras do río Pesqueiras, entendemos por encarga da CHMS. De todos modos a CHMS segue sen dar resposta á pregunta feita dende a asociación e descoñécese o estado analítico das augas.

PETICIÓN AOS PARTIDOS POLÍTICOS DA CREACIÓN DUNHA ORDENANZA MUNICIPAL QUE PROHIBA A PLANTACIÓN DO EUCALIPTO.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía e aos tres partidos políticos que configuran a Corporación Municipal, coa intención de solicitar a creación dunha ordenanza municipal que prohiba a plantación do eucalipto no territorio municipal.

Dado que se están observando pequenas plantacións recentes de eucaliptos en distintos lugares do municipio, pese á existencia dun decreto da Xunta de Galicia de decembro do 2016, no que se prohibe a plantación desta especie na área forestal VIII, á que pertencemos, dende a nosa Asociación consideramos que o Concello debe esixir o cumprimento do decreto e velar polos intereses do conxunto da veciñanza fronte aos intereses económicos individuais.

O rexeitamento da plantación de eucalipto no noso municipio obedece ás seguintes razóns:

Sigue leyendo

DE NOVO AMEAZAN CON DERIVAR A AUTOVÍA DE MONFORTE A OURENSE POLO SAVIÑAO E CHANTADA.

De novo planea a ameaza de derivar esta autovía polo noso concello, o que nos obriga a responder cos argumentos que xa emitíramos no 2014. Hai interese mostrado polos alcaldes de O Barco e de Monforte en derivala pola estrada entre Monforte e Chantada, ou o que é o mesmo, derivar a A-76 polo traxecto da proxectada A-72, despois de acodir unilateralmente ó Ministerio de Fomento. A esa proposta xa se opuxeron os concellos de Pantón e Sober, así como algunhas das asociacións veciñais de Monforte., como tamén se posicionaron a favor o alcalde de Chantada e o presidente dos empresarios chantadinos.Esta é a nosa postura e parecer:

A Asociación Veciñal do Saviñao, despois de analizar o publicado nestes días referente ao trazado da autovía A-76, diríxese aos medios de comunicación comarcais para trasmitir o sentir veciñal de rexeite frontal á incoerente proposta do Alcalde de Monforte ante o Ministerio de Fomento de derivar o recorrido entre Monforte e Ourense polos municipios do Saviñao e Chantada, tal e como recollía o descartado proxecto da A-72.
En setembro do 2014 a nosa asociación xa trasmitira ó Ministerio de Fomento os argumentos polos que nos opoñíamos a esa innecesaria e cara obra pública.
Coa presente nota de prensa queremos manifestar os motivos do rexeite a esta improvisada e non consensuada proposta:

Sigue leyendo