Noticias, novidades

RECLÁMASE DA ALCALDÍA MAIOR CONTACTO COA DIRECCIÓN DO COLEXIO DE ESCAIRÓN PARA CORREXIR CERTAS CARENCIAS.

A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese á Alcaldía do Saviñao para trasmitir certas carencias e queixas manifestadas polas nais e país dos alumnos do colexio CPI López Suarez de Escairón.

Na asociación veciñal recibíronse queixas de nais e pais do colexio de Escairón manifestando as problemáticas que últimamente se veñen dando no centro educativo. Este non era un ámbito de actuación da asociación, por canto estes temas eran xestionados pola AMPA do colexio, pero debido a ausencia actual da AMPA, algunhas nais decidiron acodir á nosa asociación. Dende a asociación remitimos ditas queixas para que dende a Alcaldía se interactúe coa Dirección do colexio coa finalidade de buscar solucións que melloren o presente e futuro do noso colexio.

  1. Fuga constante de alumnos a outros centros da comarca. No curso 2022-23 marcharon 12 alumnos da ESO. No seguinte 2023-24 causan baixa 15 alumnos da ESO e 3 de primaria. No pasado 2024-25 hai notificada a marcha de 11 alumnos de primaria así como 10 pequenos da gardería que non chegaron a iniciar a educación infantil en Escairón. Esta perda constante de alumnos pón en serio perigo o futuro e a permanencia da ESO no noso municipio.
  2. Notifican a presenza de nenos con necesidades que non se atenden, como casos de autismo sen adaptacións curriculares e metodolóxicas ou outras problemáticas nas que non se traballa na integración.
  3. Máis grave é a falta de activación do protocolo díante casos de bulling ou acoso, tendo coñecemento de dous casos de intentos de suicidio en alumnos do centro nos últimos catro anos.
  4. Comida mellorable. Notifican o uso de alimentos conxelados, cando se podería aproveitar a proximidade dun entorno produtor de alimentos frescos. Tamen hai referencias á redución de racións.

Dende a asociación SOLICÍTASE da Alcaldía un contacto periódico e permanente co equipo directivo do CPI López Suárez para detectar a tempo as carencias e se tomen inmediatamente medidas correctoras a fin de evitar a perda constante de alumnado que acabaría provocando a marcha da ESO, coas incomodidades que elo suporía aos país e nais e coa consecuencia dunha sangría demográfica irreversible para o noso municipio.

Escairón, a 19 de novembro de 2025.

SOLICITUDE DE COLOCACIÓN DE BARRAS SONORAS NA CALZADA DE DÚAS RÚAS DE ESCAIRÓN.

A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese á Alcaldía do Saviñao co fin de solicitar a adopción de medidas que garantan a limitación da velocidade establecida no núcleo urbano de Escairón.

Na asociación veciñal estanse recibindo queixas dos veciños de Escairón pola velocidade coa que pasan algún vehículos, desobedecendo o límite establecido. Concretamente nas rúas de Xán de Forcados e na Av. Buenos Aires. Dende a asociación trasmitimos ditas queixas e SOLICITAMOS:

A colocación de barras trasversais na calzada que fagan aminorar o tránsito rodado e protexan a seguridade viál das persoas. Concretamente ubicadas na rúa Xán de Forcados á altura do parque infantil e na Av. Buenos Aires no inicio do casco urbano onde existe unha sinal de límite de velocidade e outra á altura da rúa da igrexa.

Na espera de que se aporte seguridade aos veciños e de que se faga respetar ó límite de velocidade, despídese de Vde. a Presidenta da asociación.

Escairón, a 20 de novembro do 2025.

 

DENUNCIA DE MALAS PRACTICAS E IRREGULARIDADES DA EMPRESA DE TRASPORTE MONBÚS.

A Asociación Veciñal do Saviñao está recibindo numerosas queixas da veciñanza sobre o comportamento da empresa de transportes Monbus.

Para empezar, os horarios de paso polas paradas intermedias que figuran na web son incorrectos. Por exemplo, o autobús que sae de Monforte ás 18:30 ten previsto o paso por Escairón ás 18:55. Despois de perder o autobús, por ir á parada ás 18:45, na empresa contestáronlle a unha viaxeira que os horarios intermedios eran orientativos, e que había que estar na parada 15 minutos antes do que aparece na páxina da empresa. Aínda que esa viaxeira solicitou que cambiasen os horarios na web, non se molestaron en facelo.

Ademais, nos últimos meses as persoas usuarias do autobús vémonos obrigadas a viaxar de pé, pero non uns poucos quilómetros ou en situación excepcionais, senón de maneira frecuente e durante traxectos longos, de máis de media hora, ata chegar a unha estación de autobuses.

Nunha ocasión, incluso lle impediron subir a un viaxeiro por levar maleta. Despois dunha reclamación perante a empresa, a resposta foi que a maleta excedía dos 30 quilogramos que están permitidos. Non obstante, a persoa afectada afirma que non comprobaron o peso da equipaxe. Simplemente, o condutor fixo unha chamada telefónica e dixo que non podía subir se levaba maleta.

Recordamos que as liñas de autobuses interurbanos son concesións suxeitas a normas, como cumprir uns horarios, garantir a seguridade da pasaxe e ofrecer praza a todas as persoas que queren viaxar, aínda que haxa que habilitar outro vehículo. Pero, como se pode observar a partir destes exemplos, e das constantes queixas que están aparecendo nos medios de comunicación, Monbus non cumpre coas súas obrigas.

Unha vez máis, a poboación do rural é a vítima dunha política institucional que ignora as nosas necesidades léxitimas para favorecer as ganancias do sector privado. Desde a nosa Asociación esixímoslles ás autoridades que interveñan neste conflito, pois o transporte público é un dereito que está por riba dos intereses económicos dunha empresa.

RECLÁMASE Ó CONCELLO A REPOSICIÓN DAS SINAIS QUE DAN NOME OS NOSOS LUGARES E ALDEAS NAS ESTRADAS DO MUNICIPIO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía do Saviñao co fin de solicitar a reposición da sinalización do nome dos lugares nas estradas do territorio municipal.

Transitando polas numerosas estradas do Saviñao observase que gran cantidade de sinais verticais sinalizadoras da nominación do lugar por onde se pasa foron desaparecendo ou ben estan tiradas nas cunetas ou arrancadas da súa inserción.

Xa no ano 2019 a asociación trasmitira esta situación ó Concello, pero a sordeira institucional é a norma de actuación do equipo de governo e non se fixo nada neste senso.

Os traballos anuais de limpeza da maleza das cunetas, feito dun xeito pouco coidadoso e á presa, trae consigo que toda sinal vertical acabe desaparecendo. A día de hoxe son moitas máis as sinais deterioradas ou ausentes e co paso dos anos quedaremos sen ningunha, convertiranse pois en anónimos os nosos lugares e aldeas.

Dende a asociación veciñal diriximos de novo a SOLICITUDE ó Concello da reposición e recolocación das sinais que anuncian o nome das localidades do municipio, pois a innación institucional non pode relegar ó olvido a etimoloxía e a identidade co nome de todos e cada un dos lugares do noso territorio.

Na espera dunha rápida actuación do equipo de governo, despédese atentamente de Vde. a Presidenta da asociación.

Escairón a 23 de setembro do 2025.

SOLICÍTASE A CONVERSIÓN DO ESTANQUE DO LAVADEIRO DE ESCAIRÓN EN ESPAZO DE USO E DISFRUTE HUMANO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía do Saviñao co fin de solicitar a conversión da área do estanque do lavadeiro da Devesa de Escairón en espazo humano.

Agora, a propósito do vaciado do estanque do Lavadeiro de Escairon, pódese valorar a idoneidade de recuperar este espazo para uso humano e integralo de novo na Devesa da que formou sempre parte. Dito espazo foi convertido nos últimos anos en estanque con patos, escasos en número polo reducido do espazo e sempre sucio. Por outra parte dita área foi segregada da Devesa por unha valla metálica de pouco gusto.

Para conseguir esta funcionalidade a asociación veciñal SOLICITA do Concello

  1. Retirada da valla de arame que o perimetra e o ailla do conxunto da Devesa, recuperando e integrando este espazo tal e como foi sempre.

 

  1. Construción dunha bancada de dous ou tres escanos no muro que rodea o estanque onde poida sentarse a xente, podendo así ser utilizado como lugar de reunión ou para desenvolver alí actividades lúdicas, literarias ou musicais.

Considerando que non sería necesaria unha grande inversión nin moita obra e que elo suporía unha ampliación do conxunto da Devesa, esperamos que sexa tida en conta esta pequena actuación que melloraría este patrimonio do que gozamos no noso municipio.

A Presidenta da asociación veciñal, en Escairón a 23 de setembro do 2025.

PROPOSTAS LEVADAS Á FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS DA RIBEIRA SACRA.

 

Na data do 21 de xuño do 2025 acodimos á VII asemblea da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra ( FEARS ) da que formamos parte dende a súa orixe e colaboramos para manter a integridade do territorio e defender o modo de vida do noso entorno.

Aportamos as seguintes suxerencias:

1. XESTIÓN DA FEARS.

– Bótase en falta maior presenza da FEARS nos medios de comunicación, secundando as actividades das asociación vinculadas e facendo súas as vindicacións .

– CREACIÓN DUN SERVIZO DE ASESORAMENTO E INFORMACIÓN ÁS ASOCIACIÓNS.

De ser viable económicamente, sería de importancia este servizo de apoio ás asociacións no caso de trámites como subvencións, reclamacións, etc. Tamén mantería informadas as AAVV das axudas institucionais.

2. PROPOSTAS DA AV DO SAVIÑAO.

Solicitude de apoio da FEARS na oposición á implantación dunha planta de biogás no territorio R . Sacra e mais concretamente no noso municipio. Dirixir carta ó Alcalde do Saviñao e nota de prensa aos medios de comunicación.

3. ELABORACIÓN DUN GLOSARIO DE MEDIDAS PARA UN TURISMO SOSTIBLE.

Proponse:

 

  • Evitar a modificación da paisaxe coa apertura ou ensanchamento das estradas ou con obras desproporcionadas.
  • Sinalización no territorio da anchura das estradas e prohibición do tránsito de autocares superiores aos 6 metros. A circulación polo territorio débese facer en microbús.
  • Prohibición do uso de quads e motos acuáticas no territorio BIC pola contaminación acústica que supoñen.
  • Dotación de lanchas para salvamento fluvial ( zodiacs ), nos parques de bombeiros do territorio, dado o incremento de accidentes nas proximidades dos ríos e a dificultade dos rescates.

4. Denuncia das plantacións de especies arbóreas agresivas no territorio ( eucalipto ).

5. Busca dunha D.O. de calidade para productos do territorio: aceite, mel, froitos ( cereica, castaña, etc ), productos de horta, etc

 

SOLICITUDE DE LIMPEZA DOS SOARES URBANOS EN ESCAIRÓN.

Na asociación veciñal recibíronse diversas queixas pola falta de limpeza e roza en soares urbanos de Escairón pegados ás vivendas, co risco que isto supón. Temos coñecemento de que un veciño dirixíuse ata en tres ocasións ao Concello demandando esa limpeza obrigatoria sin recibir resposta algunha.

Dende a asociación veciñal SOLICÍTASE da Alcaldía:

–  a aplicación da lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios na Comunidade Autónoma, así como da consecuente ordenanza municipal, segundo a cal o concello debe avisar as persoas propietarias para que manteñan limpas as súas propiedades.

– De non realizarse esta limpeza, o Concello debe aplicar a “execución subsidiaria” contemplada no artigo 22.3 da devandita lei, que capacita ao concello a realizar os traballos de roza e a posterior facturación dos custos ás persoas propietarias.

Esperando a aplicación da lexislación vixente por parte da Alcaldía e en beneficio de toda a colectividade, despídese atentamente de Vde. a Presidenta da asociación.

Escairón a 9 de xuño do 2025

NON QUEREMOS QUE O SAVIÑAO SE CONVIRTA NUNHA CLOACA DE RESÍDUOS URBANOS E INDUSTRIAIS. ESIXIMOS DA ALCALDÍA  UNHA PRONTA E FIRME RESPOSTA DENEGATORIA DESTA AMEAZA.

A Asociación Veciñal do Saviñao a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de que se opoña frontalmente á implantación dunha planta de biogás no noso municipio.

O Saviñao é un territorio integramente rural, con características propias desenvolvidas ao longo de moitas xeneracións e cuns recursos que debemos conservar: a viticultura, a gandeiría, a apicultura e, nos últimos anos, as oliveiras e a agricultura ecolóxica.

Estamos nun momento en que se abren novos sectores productivos. A aparición do turismo sostible e o atractivo do territorio da Ribeira Sacra baseánse nos valores do patrimonio, a paisaxe e a natureza. Pretender trasformar o noso rural nun territorio industrial contaminante é, cando menos, contradictorio e perigoso, e pode traer consecuencias nefastas para o futuro da nosa comunidade.

Con todo, o máis grave son os inconvenientes que esta instalación lle vai causar á poboación, polo que cómpre que o goberno municipal rexeite á implantación desta amenaza ao noso territorio, como xa fixeron os representantes doutros concellos.

Dende a Asociación Veciñal do Saviñao, manifestámonos rotundamente en contra da instalación da planta de biogás no concello baseándonos nos seguintes argumentos:

  • O noso municipio non necesita esta instalación. Preséntase esta industria como necesaria para a gandeiría do Saviñao; non obstante, este sector aproveita os xurros para a fertilización dos pastizais e da forraxe. Non se xeran excedentes, polo que non se precisa nin se xustifica unha industria para a súa eliminación.
  • Estas plantas non só reciben residuos de puríns agrícolas, senón tamén lodos de depuradoras urbanas e de distintos tipos de industrias de toda a comunidade.
  • Precisamente, debido á orixe industrial dos residuos, é máis que probable que conteñan metais pesados, o que supón un grave risco para as augas da zona afectada e para as cadeas tróficas animais. Ademais, xeraríanse CO2 e o metano, gases tóxicos para un entorno habitado.
  • O transporte e o almacenamento dos residuos producirían molestos cheiros. Se non nos afacemos ao fedor dos xurros, que dura dous ou tres días, é difícil imaxinar como poderemos aturar a presenza diaria e constante que provocaría unha planta como a prevista. Débese ter en conta que a instalación estaría próxima a un territorio densamente poboado, que comprende distintos lugares das parroquias de Vilaesteva, Segán, San Vitorio e Chave, e que a 1,6 quilómetros está Currelos, o segundo núcleo de poboación do concello, onde hai centro de saúde e colexio.
  • Os residuos resultantes verteríanse a un cauce fluvial, o que conlevaría a súa contaminación e a das augas soterradas que afloran nas fontes e mananciais. Os residuos irían ao rego de Sanxumil, e deste ao Riazón, afluente do Sardiñeira, que, á parte de ser a principal fonte de auga potable de Escairón, desemboca no Miño.
  • O continuo tránsito de camións volquete e de cisternas polas estradas, estreitas e non adaptadas a estes vehículos, suporía unha molestia na circulación e incrementaría o risco de accidentes de tráfico.
  • Este tipo de instalación contaminantes e molestas limitan ou mesmo impiden moitas iniciativas produtivas sustentables e rentables, como o turismo rural e cultural, a apicultura, e distintos tipos de cultivos.
  • A produción de metano provoca riscos de accidentes na planta, como explosións ou incendios.
  • Este tipo de industrias contradi os principios e valores dos fondos subvencionables Next Generatión, especialmente no que se refire á cohesión social e territorial, imposible de lograr habendo oposición da veciñanza ante unha actividade imposta.
  • Se queremos optar á nominación a Patrimonio da Humanidade, temos que preservar a paisaxe, o medio ambiente e o patrimonio, valores que se verían seriamente comprometidos con esta actividade.
  • En definitiva, a planta de biogás afectaría á vida cotiá da veciñanza e condicionaría o futuro da poboación do Saviñao. Precisamente por iso, este tipo de industria xa foi rexeitado en moitos municipios.

Por todas as razón enumeradas, solicitámoslle á Alcaldía e á Corporación Municipal que, representando a vontade veciñal, rexeiten categóricamente a implantación desta aberración industrial no noso concello. Non queremos que o noso municipio sexa un vertedoiro do lixo das urbes e das industrias. O goberno municipal cargaría coa responsabilidade de converter O Saviñao  nunha cloaca.

 

Na procura dunha decisión sensata e coherente para o futuro do territorio, despídese de Vde. a Presidenta da Asociación.

EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS ANTIGAS » MULLERES CONSTRUÍNDO FUTURO «.

Dende este 19 de marzo e ata o día 31 esta exposición, coa temática da muller de hai un lustro, estará no baixo da Biblioteca de Escairón. Esta exposición foi facilitada pola Comunidade de Emprendemento e Emprego Rural Sostible e en colaboración coa Biblioteca Municipal.

SOLICÍTANSE MEDIDAS PARA A MELLORA DA XESTIÓN DO LIXO NO MUNICIPIO.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao e ó partido da opopsición coa intención de trasmitir as peticións veciñais en relación coa xestión do lixo no municipio.

No seno da asociación recibíronse un bó número de queixas e peticións veciñais relacionadas coas carencias na xestión do lixo no territorio municipal. O resumo das mesmas é o seguinte:

  • Maior frecuencia na recollida de lixo nas parroquias nos meses estivais, xullo e agosto, dada a acumulación nesas datas do lixo que rebosa dos contenedores. Dado o marcado incremento da poboación nesas datas solicítase o reforzo no servizo de recollida nese periodo.

  • Reposición permanente dos contenedores deteriorados dada a grande cantidade deles que así o demandan por aparentar rotos, sen rodas ou sen tapa.

  • Solicitar a limpeza periódica do interior dos contenedores para evitar os cheiros e lixiviados resultantes da basura acumulada.

  • Pregúntase toda a veciñanza porqué si a recollida de lixo é selectiva nos contenedores, posteriormente, no vaciado destes nos camións que a trasportarán, mézclanse todos a excepción do vidro. Non ten sentido unha recollida selectiva nos domicilios si despois vai ir toda mezclada á planta tratamento.

  • A propósito do suceso do incendio no agosto `pasado no “falso punto limpo “ do antigo mercado gandeiro, solicítase a creación dun Punto Limpo oficial que esté aberto a diario, ó menos media xornada matinal, e onde se clasifiquen e separen os distintos verquidos ( de obra, mobiliario, electrodomésticos, etc. ).

  • Dado que a cuberta do vello mercado gandeiro é de uralita, considerada canceríxena polo amianto sobre todo si arde, é urxente a sustitución da totalidade da cuberta deste recinto.

Na procura dunha mellora neste servizo de extremada necesidade e interese para os veciños do concello, despédese atentamente de Vde. a Presidenta da asociación.

En Escairón a 6 de febreiro do 2025.