ALEGACIÓNS PRESENTADAS Á DECLARACIÓN BIC DA RIBEIRA SACRA

O 19 de marzo envíamos á Dirección Xeral do Patrimonio da Consellería de Cultura as alegacións á relación de bens a incluir como bens de protección da paisaxe cultural ( BIC ) da Ribeira Sacra, previa á proposta a Patrimonio da Humanidade.

Indicamos a omisión dalgúns elementos medievais e románicos do noso concello, así como doutros elementos patrimoniais de interese dentro do noso territorio municipal. tamén rexistramos no concello esta relación, para que teñan coñecemento das omisións detectadas.

A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións de Lugo, e co nº 14 no rexistro municipal do Saviñao, a traves da súa Presidenta, Celia Ferreiro Riazor con DNI 33.812.714 T, diríxese á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e,

EXPOÑEMOS:

Que Segundo o anunciado no DOG num. 246, do venres 29 de decembro do 2017, incóase expediente para declarar a Ribeira Sacra ben de interese cultural ( BIC ).

Que dentro do prazo de tres meses que se lle concede ás institucións e persoas xurídicas formulamos as seguintes

ALEGACIÓNS :

1ª- No anuncio do DOG, a parroquia de Santiago de Louredo figura incluída na zona de amortecemento, cando debería ser considerada como núcleo integrado na paisaxe cultural da Ribeira Sacra, xa que parte do seu territorio exténdese pola ribeira ata a mesma veira  do río Miño. É o que na Idade Media se chamaba a ribeira da Granxa de Cela.

2ª- Que entre os bens inmobles a declarar prodúcense algúnhas omisions de elementos románicos ou medievais que estan ubicados no territorio municipal do Saviñao, e que deberían incluírse entre aqueles. Son os seguintes :

1. Igrexa románica de San Martño da Cova, antano con mosteiro dos Agostiños. Ubicada na parroquia do mesmo nome que figura incluída na zona BIC.

2. Igrexa románica de San Lourenzo de Fión, con pinturas murais do século XVI. Ubicada na bocarribeira, da parroquia de Fión, que está incluída na zona de amortecemento do territorio Ribeira Sacra.

3. Igrexa románica de Santa María de Marrube, con pinturas murais do século XVI. Ubicada na parroquia do mesmo nome e podendo ser considerada como exoámbito.

4. Igrexa románica de San Vitorio de Ribas de Miño. Perduran datos dunha igrexa prerrománica e a súa abadía. Está situada na parroquia do mesmo nome, ubicada na bocarribeira por enriba da presa de Belesar, podendo considerarse un exoámbito de interese.

5. Igrexa románica de San Pedro de Cela. Situada a úns 500 metros da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, na ribeira da parroquia de Santiago de Louredo, na zona que debería ser incluída na paisaxe cultural da Ribeira Sacra ( como argumentamos no apartado 1º desta relación ). Consérvanse restos significativos da súa edificación. No alto medievo existíu alí unha capela e un mosteiro que se perpetuou ata o século XV. Sobre o terreo hai sartegos antropoides móbiles.

6. Os Codos de Belesar. O chamado “ camiño dos codos “ é un tramo empedrado do vello camiño real que comunicaba Monforte con Chantada. Foi construído na época romana para salvar as fortes pendentes da ribeira e dar acceso ó pobo de Belesar, na veira do Miño. Hoxe é un tramo do Camiño de Inverno á Santiago, incluído no territorio de protección cultural.

A primeira noticia escrita do mesmo é do ano 990, cando o bispo Pelayo, da igrexa de Lugo, ordenou a reposición do seu empedrado.“ Os Codos de Belesar “ e “ o Camiño dos Codos de Larouco “ en Ourense, considéranse as únicas vías desta tipoloxía construídas na época romana hoxe existentes en Galicia.

3ª – Que consideramos deberían incluírse tamén os seguintes bens:

1. Belesar pobo. Lugar da parroquia de San Paio de Diomondi, situado ó pé do rio Miño con vivendas nas dúas ribeiras, pertencentes aos concellos Do Saviñao e de Chantada. O aspecto paixasístico do Belesar actual é dunha gran beleza e evoca outros tempos de esplendor. O rei Alfonso VII concedéulle os foros de “ burgo real “, que foron confirmados polos reis Alfonso IX e Alfonso X el Sabio. Desta época é o mosteiro e hospital de San Pedro que daba amparo e hospedaxe ó peregrino.

Da ponte romana e do mosteiro-hospital aínda se conservan as súas pegadas baixo as augas dun embalse que anegou tamén parte das casas máis emblemáticas.

2. Sartego antropoide de Veleigán. Na parroquia de San Fiz de Laxe. Podería considerarse un exoámbito.

3. Torre da Candaira. Na parroquia de Santa Eulalia de Rebordaos, da zona de amortecemento. Data do século XII.

4. Mármore decorado de Licín. Na parroquia do mesmo nome, podendo considerarse ben mobel dun exoámbito. Varios historiadores sitúan a súa antigüidade entre os séculos IV e VII. Creen algúns deles que formou parte dun mausoleo da época tardo-romana, e na actualidade atópase incrustado na parede exterior da ábside da igrexa parroquial de Santa Eulalia de Licín.

5. Dolmen de Abuíme. Exoámbito da parroquia do mesmo nome.

6. Petroglifos da Leira Rapada. Na parroquia de Vilatán. Exoámbito.

Por todo o exposto,

SOLICITAMOS:

1º. Que dada a extraña exclusion da parroquia de Louredo entre as integradas na zona BIC, consideramos que tal erro debe correxirse de forma básica.

2º Que pola relevancia patrimonial e cultural dos outros bens antes enumerados, se acorde a súa inclusion entre os xa propostos como bens de interese cultural, pertencentes á este concello.

O que se formula en tempo e forma, en Escairón, a 19 de marzo do 2018. A presidenta da asociación

Na data do 31 de decembro do 2018 publícase no DOG o decreto de declaración BIC da Ribeira Sacra. Na relación de bens patrimoniais inclúense case que todas as alegacións propostas, non como BIC, senón como Bens incluídos na paisaxe Ribeira Sacra. Non recolleron o dolmen de Abuíme, o burgo de Belesar, o sartego de Veleigán e a mármore de Licín.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail