¿Que hai da residencia para maiores prometida no 2010?

O Saviñao, con 4.440 veciños é un dos poucos concellos do sur de Lugo que non pode ofertar nin unha soa praza para albergar os nosos maiores. A residencia do edificio público da praza Maior non é públic, pois aínda que Dña. Marujita Somoza cedeuna coa condición de que fora usada como residencia, o Alcalde e a corporación entregáronna a mans dunha empresa privada, a un custo de 1.250 €/mes, que a fai inaccesible para as xubilacións da agraria que se cobran por aquí (uns 560€). Eso sí, amoeblada e acondicinada ata en 3 ocasións con fondos públicos. Estos apartamentos tutelados, que é como se catalogaron, son atractivos para quenes teñen”posibles”, pero ademais tampouco pode acoller”dependentes”, pois elo implicaría mais persoal traballando, co que pouco beneficiou ós nosos veciños mais maiores, quenes andan dispersos, e pode que algo perdidos, polas residencias doutros concellos.

Despois de que no ano 2010 a Deputación aprobara a construcción de varias residencias na provincia, incluida a de Escairón, e de que no 2011 comprara o solar que hai fronte o lavadoiro da Devesa, pasaron os anos e seguimos carentes deste servizo imprescindible para a nosa envellecida sociedade. Pantón, Sober, Bóveda, Taboada, Quiroga, O Íncio, poden ofrecer os seus veciños estancia no lugar onde naceron ¿por qué este atraso social no noso municipio? ¿Onde está atascado este proxecto? Con esta inquietude e preocupación veciñal, a asociación solicita aclaración a esta omisión ou olvido, pois moitas das 20 que foran anunciadas polo ente provincial xa están a piques de abrir.

20 de marzo do 2014.

A Asociación Veciñal do Saviñao, incrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións, a traves da súa presidenta Violeta Perez Figueroa con DNI 34.259.009 A, diríxese ante a Vicepresidencia e a Área de Benestar Social da Deputación de Lugo, coa finalidade de recibir información acerca do estado no que se atopa o proxecto de construcción dunha residencia para maiores na capitalidade municipal.

Coñecida a intención da Deputación de Lugo de construir unha residencia para maiores a traves de SUPLUSA, na data de decembro do 2010; e coñecida a compra por parte do ente provincial do solar en maio do 2011 por un importe de 230.000 €, anticipandolle ó concello a inversión que este deberá abonar entre catro e seis anos; e coñecida tamén a existencia de un convenio firmado por ambas institucións; dende O Saviñao o conxunto de veciños non atopamos a entender como 3 anos despois non se iniciou a fase de construcción deste moi necestitado centro – residencia, cando noutros concellos incluídos naquel listado de 12 residencias xa se está construíndo e a piques de funcionar

Supoñemos que dende a Deputación son coñecedores da necesidade de esta residencia para o único concello da comarca de Lemos que non conta con un servizo público de atención ós maiores, que con un censo de 4.440 veciños ten máis que xustificada a súa existencia. Namentras non vislumbramos o inicio da actividade constructora, os nosos maiores deben andar buscando polos concellos próximos (e non tan próximos) un oco onde pasar o resto da súa vida, o que conleva un desarraigo do lugar onde naceron e viviron, e supón un illamento polas dificultades de adaptación a novos espacios e a xentes descoñecidas que non deberían sufrir a esas alturas.

Con estos argumentos, dende a asociación veciñal hai fonda preocupación e sensación de abandono, e por elo solicitamos información e datos da situación actual na que se atopa o proxecto de construcción da Residencia para Maiores en Escairón, que fora aprobado nun Pleno en febreiro do 2011. Tamén desexamos saber si hai intención de executar o que fora aprobado por unanimidade no Pleno provincial e firmado en convenio entre o Concello e a Deputación.

Na espera dunha resposta que nos aclare a situación de “punto morto”actual e desexando que esta sexa positiva para as necesidades da sociedade onde vivimos, despídese atentamente de Vde. a presidenta da asociación.

A/A de Don Antonio Veiga Outeiro, Vicepresidente Primeiro e responsable da Áreade Benestar Social da Deputación de Lugo.

           __________________________________

NA data do 28 de abril, vista a falta de resposta á anterior solicitude, enviamos nova solicitude de información. Recibimos o silencio como resposta, insistimos no espazo de suxestións da web da Deputación. Incluso o añadimos ós obxetivos prioritarios de este municipio propostos para a campaña da Deputación de facer uns Orzamentos Participativos para o 2015. Na data do 4 de decembro contestan vía informática que non tiñeron coñecemento dos correos electrónicos enviados por un fallo informático na web …(pero ¿ tampouco recibiron as dúas solicitudes enviadas por correo postal certificado ¿). Na data do 5 de decembro do 2014 repetimos por 3ª ocasión a solicitude de información, esta vez diante da Área de Benestar Social e tamén díante de SUPLUSA, a empresa encargada da construcción destes centros. O resultado o mesmo: despreciable silencio administrativo.

A principios de xaneiro do 2015 entrevistámonos co Alcalde, quen recoñece a falta de pago anual por parte do concello, e argumenta que a empresa constructora (SUPLUSA) non presentou aínda o proxecto.

Pouco despois o Concello facilítanos o convenio, tantas veces requerido á Deputación e tantas outras sen resposta.Unha vez analizado o convenio firmado pola Deputación e o Concello, vemos que hai dous puntos susceptibles de actuación para poñer a funcionar este proxecto:

1º – O convenio recolle un organismo que vele polo cumplimento do mesmo. Estaría composto polo Presidente da Deputación, o Alcalde de O Saviñao, o Director Xerente de SUPLUSA (empresa constructora da Deputación), a concellala de asuntos sociais e a asistente social do concello. Dito organismo podería ser convocado polo alcalde ou polo Presidente da Deputación. Este organismo nunca se reuníu, o que mostra a pouca intención polas dúas partes de iniciar a obra.

2º- As condicións de pago dos 200.000 € pola parte do concello faríanse en tres fases: 1º pago co inicio da obra, para o que ten que haber proxecto e solicitude de obra por parte da empresa da Deputación (que non chegou a iniciarse). O 2º pago faríase coa finalización das particións interiores. O 3º e definitivo coa finalización do cerramento exterior e carpintería. A aportación do concello parecenos moi asequible e amortizable nese tempo si se compara cos gastos feitos noutras obras superfluas, tendo en conta que o presuposto é de 1.400.000 €. Só ten que existir intención.

A falta do cumprimento por ambas partes deixanos pouca ou ningunha capacidade de actuación, por canto non ten sentido solicitar a reunión do organo impulsor, cando nin sequera nos facilitaban o convenio. É de supoñer que este tema non formará parte de ningún dos programas electorais dos partidos do concello, do contrario si que a asociación terá que esixir responsabilidades públicamente.

Está claro que esta grandísima carencía está nun estado de bloqueo total por intereses estratéxicos dos partidos políticos , e que os dereitos dos cidadáns quedan nun segundo plano, supeditados ós momentos electorais.

En agosto do 2015, díante do cambio de goberno na Deputación, repetimos solicitude da execución do acordo plenario onde se aprobou a construcción desta residencia.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail