DE NOVO A POBOACIÓN TEN QUE SAIR NA DEFENSA DO HOSPITAL DE MONFORTE
Despois de que a Xunta de Galicia presentara, a principios do mes de agosto , un proxecto de lei dunha nova lei de sanidade na que se ameaza de novo aos hospitais comarcais, concretamente ós de Monforte e Burela en Lugo, O Barco en Ourense e o Salnés en Pontevedra, xenérase de novo alarma na comarca.
Segundo a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Monforte, a Área sanitaria destas comarcas baixa de categoría, pasando a ser Distrito dependente de Lugo , co que se perde capacidade de xestión, decisión e contratación, e pode ocurrir que certas especialidades onde hai un só médico, no futuro sexa enviado dende Lugo 2 ou 3 días á semana.
Ademais desaparece a idea de que o paciente é o centro e eixe da asistencia sanitaria, pasando a ser » os recursos dispoñibles » o motor das prestación sanitarias, co que é facil deducir que a sanidade dependerá dos recortes presupostarios.
Ademais ábrese a porta á privatización de parcelas da sanidade pública.
Dende a anterior centralización na EOXI de Lugo , xa vimos comprobando como non se están a cubrir médicos xubilados ( Dixestivo ), como aínda non temos un necesario servizo de xeriatría , ou como aínda non hai Resonacia Magnética no hospital, acodindo a costosas concertacións de este servizo cos hospitais privados de Lugo e Ourense. Asemesmo, estamos comprobando como se está abandoando a Atención Primaria, sen reposición dos profesionais xubilados, sen cobertura das ausencias dos profesionais nos centros de saúde, sen sustituir á pediatra de Chantada, o que trae en consecuencia unha longa espera polas citas para acceder ó medico de cabeceira, a análises ou aos especialistas. Un evidente deterioro global sa sanidade na nosa comarca.
A área de Monforte ( a partir de pronto » distrito » ) presta asistencia a 48.000 persoas, non son moitas comparado coas áreas urbanas, pero abarca un amplísimo espazo xeográfico: dende a serra do Faro ata O Caurel, ademais de contar cunha das poboacións máis envellecidas da Galiza.
A asociación asume as propostas feitas pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública de Monforte. Organízase e publicítase unha charla informativa acerca das consecuencias da aplicación da lei, celebrada no Circulo Cultural e Recreativo. Posteriormente publicítase por todas as parroquias a manifestación, que ten lugar o domingo 8 de outubro. A participación de xente na manifestación é masiva, unhas 5.000 persoas.
Consideramos que a sanidade debe ser un servizo básico que ten que estar próximo e que debe ser mellorado paulatinamente. Con esta lei non só non se mellora , senón que centra en Lugo toda a decisión. Esperamos que con esta demostración de descontento veciñal se poda frear a aplicación de tan negativa lei, do contrario sufriremos gravemente o deterioro dunha sanidade que ata hai pouco era exemplar no mundo.