SOLICÍTASE RECOÑECEMENTO DE INTERESE MUNICIPAL PARA A RUTA DE SENDEIRISMO

A ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, deseñada e aberta integramente pola Asociación Veciñal do Saviñao, e hoxe é unha realidade grazas a unha subvención de 30.000 € concedida pola Deputación de Lugo no ano 2012. Aquela axuda posibilitou a sinalización e homologación deste longo camiño como PR-G 162.

A intención da asociación na aposta por esta iniciativa foi a de abrir o primeiro (e único) camiño sinalizado no municipio do Saviñao, e a de conseguir a primeira ruta de sendeirismo homologada no territorio da Ribeira Sacra do Miño, así como contribuir á promoción do territorio Miño, en franca inferioridade fronte a numerosa oferta de actividades no territorio do Sil.

Esta ruta de máis de 36 quilómetros, a mais longa de todas as existentes na Ribeira Sacra, acompaña no seu descenso ò río Miño polos concellos do Saviñao e Pantón, mentres se avistan na outra ribeira do río Chantada e Carballedo.

INTERESE DA RUTA:

O interese desta ruta ven marcado polos elementos patrimoniais que ofrece no seu percorrido: as igrexas románicas de Santo Estevo de Ribas de Miño, os restos do eremitorio románico de S. Pedro de Cela , San Paio de Diomondi e San Martiño da Cova no concello do Saviñao e Santo Estevo de Atán no veciño Pantón. Transita pola calzada romana e posteriormente medieval dos Codos de Belesar; e polos castros da Portela, o de Mourelos e o de Ribeiras de Miño.

Asemade, cómpre subliñar o seu interese etnográfico, xa que discorre por lugares e aldeas cunha arquitectura singular da ribeira, como Galegos, Bexán, Mourelos, O Carballo, Marce, Seoane, Reiriz e Atán; e por amosar elementos singulares como as pequenas adegas, os hórreos, as airas das mallas comunais, as minas horizontais da captación da auga propias da ribeira ou os portelos de acceso ós viñedos.

Non menos importante é o tránsito da ruta polas áreas de ocio na encantadora vila de Belesar (de onde parten as rutas fluviais dos catamaráns), a praia fluvial da Cova e a área recreativa fluvial de Maiorga.

Pero quizais sexa o interese paisaxístico e natural o elemento máis importante, xa que permite a andaina pola aba da ribeira, alternando o tránsito polas características muras e socalcos dos viñedos que conforman a paisaxe da Ribeira Sacra, cos pechados bosques centenarios de árbores autóctonas (carballos, castiñeiros, nogueiras, sobreiras, érbedos, cerdeiras…). Ademais, pasa xusto por riba da fervenza de Augacaída, un dos maiores atractivos do territorio Ribeira Sacra.

É pois un compendio dos mellores elementos de atración e motivos de visita cos que conta o noso concello e se expón ó público.

O interese da ruta vese recollido na páxina web da Axencia de Turismo da Xunta (Turismo de Galicia), e tamén na páxina web internacional de sendeirismo Wikiloc, na páxina do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, e na da Federación de Montañismo.

Calculamos que cada ano acoden unhas 600 persoas a camiñala. Este dato é unha estimación da asociación tendo en conta só os contactos que mantemos con grandes grupos de sendeirismo que nos visitan (Acivro, Rutea, Galicia Sendeirismo, Pena Trevinca…) e que nos solicitan información acerca das infraestructuras de restauración, aloxamento e transporte existentes, o que redunda notoriamente na economía da zona. Non somos quen de calcular as visitas feitas en pequenos grupos.

Asemade, esta actividade ven a enriquecer e reforzar a oferta turística do noso municipio, engadindo o sendeirismo a outras existentes  como a ruta fluvial dos catamaráns do río Miño, a visita enolóxica a Adegas Moure ou o Ecomuseo de Arxeriz.

Recentemente no mes de febreiro a Xunta publica no DOG a relación de elementos que conforman a Área de Especial Interese Paisaxístico Ribeira Sacra, na que inclúe esta ruta de sendeirismo no concepto de Valor Panorámico. Tan só catro rutas de sendeirismo de entre todas as da Ribeira Sacra recibiron este recoñecemento.

En base aos argumentos expostos

SOLICÍTASE:

O recoñecemento por parte do Pleno de Sesións Municipais de esta ruta de sendeirismo como elemento de Interese Municipal, dado que ofrece visibilidade aos mellores valores do noso municipio, así como fortaleze e reforza certos sectores laboráis ( hostalería, alimentación, viticultura, trasporte, turismo rural…)

Coa adopción desta figura procúrase garantizar o mantemento e conservación do camiño o que aseguraría a pervivencia e continuidade da ruta como elemento dinamizador do noso municipio. Ademais facilitaría a recepción de axudas das distintas institucións e conseguiríase a difusión e promoción da ruta polo Concello do Saviñao.

Na procura de que sexa tratada esta razonable petición e aprobada no Pleno de sesións municipais, despédese de Vde. a presidenta da asociación.En Escairón a 29 de xuño do 2020.

 

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail