RECLÁMANSE MEDIDAS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE VIDA DOS NOSOS MAIORES.

A asociación veciñal ven de solicitar ó Alcalde e ó partido da oposición que sexa tratado no próximo Pleno dúas medidas para mellorar as condicións de vida dos veciños mais maiores.

O municipio do Saviñao é o único da comarca que carece de residencia pública de maiores e de centro de Día pois a figura dos apartamentos tutelados da praza Maior , privatizada e con contadas e concedidas prazas concertadas, non da cuberto as necesidades  reais por contar con poucas plazas e ser inalcanzable para a maioría das pensións que cobran os maiores do Saviñao, convertíndose en inacesible. A residencia conveniada coa Deputación no 2011 xa está descartada e a outra posibilidade, a dunha residencia xestionada pola Xunta, parece non despertar interese na representación política e nin se intenta. Esta é a carencia mais grave que padece a día de hoxe o noso municipio, motivo polo que propoñemos estas dúas medidas de necesidade inmediata.

A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao e á Corporación Municipal coa intención de conseguir os servizos necesarios para mellorar as condicións de vida das persoas  maiores do noso concello.

 

  • SOLICITAR O SERVIZO “XANTAR NA CASA “.

Dende hai dez anos a Xunta de Galiza ofrece este servizo, que consiste en levar a comida aos domicilios das persoas maiores a un prezo económico. Non entendemos como a estas alturas o noso concello é dos poucos da comarca que non o solicitou e nin sequera informou del, polo que a veciñanza descoñece que existe.

Solicitamos que a Corporación Municipal se decida a reclamar este servizo, previa valoración da demanda dende Axuda no fogar, e que inclúa os custos que orixine nos presupostos do presente ano.

 

  • CREACIÓN DUN CENTRO DE DÍA.

A carencia máis grave que arrastra o noso municipio é a falta dunha residencia pública de maiores e dun centro de día, o que obriga ás familias a buscar centros para os nosos maiores noutros concellos. A indesexable consecuencia desta situación é a deslocalización das persoas na idade máis vulnerable da vida.

Aproveitando que este ano vai abrir o novo centro de saúde, propoñemos que se aproveite o edificio do actual ambulatorio, tras as  reformas necesarias, como centro de día.

Dende a Asociación reclamamos que a nosa veciñanza reciba todos os servizos que a administración galega lle ofrece ao conxunto da comunidade. A súa carencia repercute negativamente no segmento de poboación de maior idade e supón unha discriminación para O Saviñao que se debe só á falta de iniciativa da Corporación local.

Solicitando que se trate nun Pleno a conveniencia destes dous servizos esenciais para o noso municipio, despídese atentamente a presidenta da Asociación. Escairón a 14 de xaneiro do 2021.

 

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail