NON QUEREMOS QUE O SAVIÑAO SE CONVIRTA NUNHA CLOACA DE RESÍDUOS URBANOS E INDUSTRIAIS. ESIXIMOS DA ALCALDÍA  UNHA PRONTA E FIRME RESPOSTA DENEGATORIA DESTA AMEAZA.

A Asociación Veciñal do Saviñao a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de que se opoña frontalmente á implantación dunha planta de biogás no noso municipio.

O Saviñao é un territorio integramente rural, con características propias desenvolvidas ao longo de moitas xeneracións e cuns recursos que debemos conservar: a viticultura, a gandeiría, a apicultura e, nos últimos anos, as oliveiras e a agricultura ecolóxica.

Estamos nun momento en que se abren novos sectores productivos. A aparición do turismo sostible e o atractivo do territorio da Ribeira Sacra baseánse nos valores do patrimonio, a paisaxe e a natureza. Pretender trasformar o noso rural nun territorio industrial contaminante é, cando menos, contradictorio e perigoso, e pode traer consecuencias nefastas para o futuro da nosa comunidade.

Con todo, o máis grave son os inconvenientes que esta instalación lle vai causar á poboación, polo que cómpre que o goberno municipal rexeite á implantación desta amenaza ao noso territorio, como xa fixeron os representantes doutros concellos.

Dende a Asociación Veciñal do Saviñao, manifestámonos rotundamente en contra da instalación da planta de biogás no concello baseándonos nos seguintes argumentos:

  • O noso municipio non necesita esta instalación. Preséntase esta industria como necesaria para a gandeiría do Saviñao; non obstante, este sector aproveita os xurros para a fertilización dos pastizais e da forraxe. Non se xeran excedentes, polo que non se precisa nin se xustifica unha industria para a súa eliminación.
  • Estas plantas non só reciben residuos de puríns agrícolas, senón tamén lodos de depuradoras urbanas e de distintos tipos de industrias de toda a comunidade.
  • Precisamente, debido á orixe industrial dos residuos, é máis que probable que conteñan metais pesados, o que supón un grave risco para as augas da zona afectada e para as cadeas tróficas animais. Ademais, xeraríanse CO2 e o metano, gases tóxicos para un entorno habitado.
  • O transporte e o almacenamento dos residuos producirían molestos cheiros. Se non nos afacemos ao fedor dos xurros, que dura dous ou tres días, é difícil imaxinar como poderemos aturar a presenza diaria e constante que provocaría unha planta como a prevista. Débese ter en conta que a instalación estaría próxima a un territorio densamente poboado, que comprende distintos lugares das parroquias de Vilaesteva, Segán, San Vitorio e Chave, e que a 1,6 quilómetros está Currelos, o segundo núcleo de poboación do concello, onde hai centro de saúde e colexio.
  • Os residuos resultantes verteríanse a un cauce fluvial, o que conlevaría a súa contaminación e a das augas soterradas que afloran nas fontes e mananciais. Os residuos irían ao rego de Sanxumil, e deste ao Riazón, afluente do Sardiñeira, que, á parte de ser a principal fonte de auga potable de Escairón, desemboca no Miño.
  • O continuo tránsito de camións volquete e de cisternas polas estradas, estreitas e non adaptadas a estes vehículos, suporía unha molestia na circulación e incrementaría o risco de accidentes de tráfico.
  • Este tipo de instalación contaminantes e molestas limitan ou mesmo impiden moitas iniciativas produtivas sustentables e rentables, como o turismo rural e cultural, a apicultura, e distintos tipos de cultivos.
  • A produción de metano provoca riscos de accidentes na planta, como explosións ou incendios.
  • Este tipo de industrias contradi os principios e valores dos fondos subvencionables Next Generatión, especialmente no que se refire á cohesión social e territorial, imposible de lograr habendo oposición da veciñanza ante unha actividade imposta.
  • Se queremos optar á nominación a Patrimonio da Humanidade, temos que preservar a paisaxe, o medio ambiente e o patrimonio, valores que se verían seriamente comprometidos con esta actividade.
  • En definitiva, a planta de biogás afectaría á vida cotiá da veciñanza e condicionaría o futuro da poboación do Saviñao. Precisamente por iso, este tipo de industria xa foi rexeitado en moitos municipios.

Por todas as razón enumeradas, solicitámoslle á Alcaldía e á Corporación Municipal que, representando a vontade veciñal, rexeiten categóricamente a implantación desta aberración industrial no noso concello. Non queremos que o noso municipio sexa un vertedoiro do lixo das urbes e das industrias. O goberno municipal cargaría coa responsabilidade de converter O Saviñao  nunha cloaca.

 

Na procura dunha decisión sensata e coherente para o futuro do territorio, despídese de Vde. a Presidenta da Asociación.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail