É NECESARIO ADOPTAR MEDIDAS PARA EVITAR O COLAPSO CICULATORIO NA PRAIA DA COVA. A ASOCIACIÓN PROPÓN MEDIDAS.

A Asociación Veciñal do Saviñao ven de dirixirse á Alcaldía e ó Secretario do PSOE do Saviñao para propoñer unha serie de medidas a tomar para evitar o colapso circulatorio na área da praia da Cova.

EXPONSE :

A Ribeira Sacra está tendo un recoñecemento case que internacional e prevese que elo atraiga un gran número de visitantes, e a área da praia fluvial da Cova é un dos puntos de máxima concorrencia e cabe esperar que esta demanda vaia en progresivo incremento nos próximos anos. Pero esta xoia natural pode verse ameazada por un desproporcionado fluxo de xente que a propia natureza e xeografía do lugar é incapaz de asumir. Temos que facer que o turismo non sexa unha ameaza senón que sexa sostible e proporcionado ó territorio.

De feito xa nestes dous últimos anos poidemos observar un colapso circulatorio e de aparcamento que orixinou conflictos e reclamou a presenza das autoridades de tráfico para o seu ordenamento. Dunha parte o aparcamento na área non ten ordenamento e apárcase nas dúas beiras, quedando un so carril para o transito de dous vehículos á par.

Ademais o acceso dende O Priorato da Cova ata a área é perigoso por canto a anchura da estrada fai moi axustada a circulación de dous coches á par, bloqueándose a circulación cando baixa un autobus. O propio recoñecemento patrimonial desaconsella unha modificación de ancheamento da estrada, por canto provocaría uns cortes nos balados que dañaría severamente o conxunto da zona e a paisaxe.

É por elo que hai que tomar unha serie de medidas ordenativas a adoptar de inmediato  para evitar o colapso total da área e que todo o encanto e oportunidade desa zona de ribeira acabe denostado ou derramado.

 

SOLICÍTASE

Ter en conta unha serie de medidas e propostas da asociación a adoptar dunha maneira inminente, previo debate e entendemento entre todos os axentes políticos , asociativos e económicos.

As propostas de mellora que plantexamos son :

 

  • Prohibición de acceso a vehículos maiores de 6 metros ( microbuses ) dende Belesar e a igrexa da Cova, pola imposibilidade de baixar ata a praia e dende o corredor dado que ocuparía todo o ancho da estrada. Debería estar perfectamente sinalizado neses dous puntos.
  • Na área da praia prohibir aparcar nun dos lados, pois tal e como está acontecendo, ó aparcar nos dous lados só pode transitar un coche, co conseguinte colapso.
  • Dende debaixo do churrasco establecer circulación nun único sentido: baixar ata O Priorato e a praia pola estrada principal e subir da praia por Soutomango e Arxuá. Habería que permitir aos usuarios e veciños o tránsito nos dous sentidos. Ten a pega de que onde se xuntan as dúas estradas, úns 600 metros antes da praia, repetiríase o embudo.
  • Ubicar indicadores dixitais en Belesar e na zona da igrexa da Cova que avisen cando o aparcamento esté cheo, para disuadir aos visitantes de facer parada na área da Praia.
  • Que o tramo entre a igrexa da Cova e a praia só se poida facer con un servizo de microbuses que suban e baixen cada hora, excluíndo desta norma aos usuarios e veciños.

Esto proponse na procura de facilitar o acceso e estacionamento a quenes visitan a área, así como conseguir un turismo de certa calidade e sostible coa natureza e a paisaxe e coa intención de evitar accidentes ou situacións de emerxencia que poidan darse coas condicións actuáis.

En Escairón, a 15 de xullo do 2019.

O 22 de agosto foi tratado o tema nun Pleno. Das 5 medidas propostas aproban a proibición de aparcamento nunha veira da estrada e falaron do sentido único da estrada, non valoraron as outras 3 medidas que lle foron expostas as dúas forzas políticas. Respecto ó sentido único o PP négase e propón como alternativa ampliar a estrada. Esta medida considerámola agresiva para a paisaxe e a natureza , elementos polos que se nomeou BIC á zona ribeireña da Ribeira Sacra, polo que adoptar esta barbaridade de solución sería ilegal e debería ser denunciado ante Patrimonio. É unha mágoa que non se tome o tema coa seriedade que merece, parece que só interesa afluencia masiva da xente, abandoada a súa sorte. Onte mesmo este mesmo tema foi denunciado na TVG por empresarios de turismo rural da zona ourensá da Ribeira Sacra e pola propia secretaria do Consorcio de Turismo. Temos un baixo nivel de análise e solución dos problemas nos políticos do nosos concello, e elo nótase na decadencia do noso municipio nos ámbitos cultural, social e turístico, comparados co resto de municipios do noso entorno. Seguirémolo intentando.

 

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail