TRASMÍTESE A PETICIÓN VECIÑAL DA RETIRADA DAS ANTENAS DE TELEFONÍA DE MONDAVIDE ( ESCAIRÓN ).
A Asociación Veciñal do Saviñao, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor con DNI 33.812.714 T, diríxese á Alcaldía do Saviñao co motivo de solicitar a retirada das antenas de telefonía no barrio de Mondavide.
Recibida na asociación queixa pola ausencia de resposta por parte da Alcaldía á recente solicitude feita polos veciños do barrio de Mondavide en Escairón para a retirada das antenas de telefonía mobil próximas ás casas e que xa motivaron unha denuncia á Valedora do Pobo, a asociación veciñal diríxese á Alcaldía para reiterarlle esta petición xa que dita instalación é considerada polo vecindario como lesiva e perigosa para a saúde.
Esta desconfianza veciñal ven motivada pola gran cantidade de casos de cancro que se deron en varias familias do barrio. Pode que se trate dun azar ou ben que os campos electromagnéticos teñan algo que ver, este dilema non vai ter unha resposta cintífico-pericial inmediata, nin unha certeza, pero este rexeite ás instalación xa ten un longo recorrido.
No ano 2004, coincidindo co desmatelamento doutra antena en Santalla, xa fora solicitada a retirada da de Mondavide adxuntando unhas 150 firmas e obtendo daquela o compromiso da Alcaldía da súa retirada, cousa que nunca se executou. Posteriormente no ano 2011 a asociación veciñal reitera esta petición de retirada, coincidindo coa inmediatez da caducidade do contrato de arrendamento. Outra negativa por resposta e a día de hoxe as antenas continúan sendo unha ameaza percibida polos veciños de Mondavide.
Por todo esto a asociación veciñal SOLICITA da Alcaldía:
- Información acerca da data de caducidade do contrato de dita instalación.
- Información da cantidade percibida polo Concello polo arrendamento de dito servizo.
- A retirada inmediata das instalación por ser considerada polos veciños unha ameaza para a súa saúde.
Na espera dunha atención ás demandas e queixas da veciñanza e dunha garantía para a salubridade da poboación, despédese atentamente de Vde. A Presidenta da asociación.
Escairón, a 8 de setembro do 2022.
ALEGACIÓNS Á CONSTRUCIÓN DUN SEGUNDO PARQUE EÓLICO EN PARADELA
Unha vez que saíu á información pública a construción dun novo parque eólico no municipio limítrofe de Paradela e como queira que afecta á zona norte do Saviñao, concretamente ós lugares de Valdorraca, Orxaínza, Agra e Souceda, a asociación considera excesiva a proliferación destas infraestruturas, polo que asume as alegacións propostas pola plataforma rural Interior Galego Vivo, á que estamos adheridos.
Na data do 4 de maio rexistramos ditas alegacións no portelo único do Concello dirixidas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para que sexan tidas en conta tanto no estudio de impacto ambiental como no proxecto sectorial.
DÍANTE DA ACTITUDE ABUSIVA DAS ENTIDADES BANCARIAS, A ASOCIACIÓN VECIÑAL SOLICITA DA CAIXA RURAL A APERTURA DUNHA OFICINA EN ESCAIRÓN.
A Asociación Veciñal do Saviñao, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Dirección Comercial de Caixa Rural coa intención de solicitar a ubicación dunha oficina no Concello do Saviñao.
Díante das desorbitadas comisións de mantemento que as distintas entidades estan impoñendo ás contas bancarias, a asociación trasmite a demanda dun bó número de veciños de solicitar á Caixa Rural a apertura dunha oficina en Escairón, capitalidade do Concello de O Saviñao.
A día de hoxe neste municipio de 3.550 habitantes tan só operan dous bancos cando ata hai pouco había catro. Comentar que as oficinas operativas estan colapsadas case que a diario con longas esperas no exterior do edificio e horarios de atención ó público moi limitados que xeran descontento nos depositarios, polo que hai moitos veciños dispostos a cambiar a unha entidade bancaria mais racional e próxima á xente.
Por elo solicitamos que valoren a idoneidade da apertura dunha oficina no noso concello.
Na espera da súa resposta, despédese de Vde. a Presidenta da asociación. Escairón a 9 de decembro do 2021.
Na data do 28 de decembro recíbese resposta da entidade no sentido de que debido á gran cantidade de solicitudes que recibiron, non poden respostar satisfatoriamente nun prazo medio e curto.
NOVAS SOBRE A S SOLUCIÓNS ADOPTADAS PARA ACABAR COA CONTAMINACIÓN DO RÍO PESQUEIRAS
O advogado colaborador e denunciante persoal da contaminación do río por ser afectado, Jose Manuel López Iglesias, recibe un auto do xuíz preguntándolle que quere facer coa empresa CELEGA á que ven denunciando e pídenos que nos pronunciemos e aportemos o que condideremos.
Dende a asociación temos claro que o obxetivo final desta longa loita é conseguir unha condicións do leito do río correctas e compatibles coa vida animal e vexetal. Enviáramos hai mais de dous anos solicitude a CHMS da verificación analítica da calidade das augas do río unha vez construidas as depuradoras, pero este organismo non considerou respondernos.
Acórdase aportarlle as seguintes accións :
- Analise completo da auga do cauce unha vez o río atravesa a planta.
- Reposición e limpeza do leito do río que continúa sen biótica.
- Sistemas de control de posibles verquidos.
SOLICÍTASE DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL O ARRANXO URXENTE DE DÚAS ESTRADAS DO MUNICIPIO.
O estado de conservación das estradas do concello é lamentable ó longo de todo o territorio municipal. As distintas administración presumen nos medios de comunicación cando arranxan unha estrada da súa titularidade, pero as actuacións son puntuais e escasas, deixando a maigrande parte das vías de comunicación case inservibles e ocasionado averías nos vehículos dos veciños que a diario transitan por elas.
Na derradeira reunión da xunta directiva propúxose solicitar un arranxo de emerxencia en dúas de titularidade da Deputación Provincial, recoñecendo que hai outras moitas que tamén o precisan. Iremos ocupándonos das restantes sen olvidar ningunha, pero para non pecar de pedigueños e alarmistas imos pouco a pouco.
Na data do 4 de outubro do 2021 diriximonos á Deputación:
A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións, con NIF G 27401157, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Delegación de Vías e Obras Públicas da Área de Xestión Territorial da Deputación de Lugo , para solicitar traballos de rebacheo de mantemento en dúas estradas da rede viaria da Deputación no territorio do Saviñao.
Notifícase do lamentable estado que presentan na actualidade as estradas 4112 Rendal ( Fión, O Saviñao ) – O Reguengo ( Pantón ) e a 5811 Torno – O Gorgozo, presentando un alarmante deterioro en moitos puntos.
A estrada 4112 presenta importantes fochancas en tres tramos: entre Rendal e A Barxa, en Galegos e no Reguengo.
A estrada 5811 concentra gran número de profundas fochancas que fai totalmente imposible a evitación das mesmas. Trátase dunha situación de emerxencia, xa que afecta á comunicación coa zona norte do concello. A zona que precisa atención é un tramo entre o inicio desta estrada 5811 no lugar de Torno e o lugar de Santa Cruz da parroquia de Vilelos, entre os puntos quilométricos 0.400 e 0.800. A asociación veciñal trasmite as queixas veciñais e reclama unha intervención inmediata de rebacheo para facilitar o tránsito e a comunicación. Deberíase executar o afianzamento da base da calzada e a reposición da capa asfáltica xa que todos os anos vemos como se abren fondas fochancas no mesmo tramo.
Na espera dunha pronta actuación por parte dese Departamento de Xestión Territorial que satisfaga as lóxicas reclamacións dos veciños, despédese atentamente de Vde. a Presidenta da asociación. Escairón a 4 de outubro do 2021.
O 25 de decembro faise pública a contratación da obra de reparación da estrada entre Torno e O Gorgozo nos seus 4 primeiros quilómetros próximos á Santa Cruz, os mais deteriorados.
No mes de xuño do 2022 rebachean as fochancas dende Rendal ó Reguengo e no mes de agosto do mesmo ano aplican unha espesa capa de aglomerado en quente no deteriorado tramo dende Torno ata a igrexa de Vilelos. Os nosos agradecementos á Deputación pola execución desas necesarias reparacións.
PUBLICÍTASE O PROGRAMA DE COMIDA A DOMICILIO » XANTAR NA CASA «
Diante do grande descoñecemento da existencia deste programa da Xunta de Galicia que consiste na entrega de comida semanal á domicilio , a asociación inicia a publicitación do mesmo o 4 de agosto do 2021. Péganse 70 carteis en todas as parroquias do municipio coa finalidade de que os veciños interesados soliciten no Concello este servizo público que supón menos de 2 € por comida.
Un mes mais adiante, o 3 de setembro, acodimos a interesarnos polo tema díante da Asistenta Social Sofía. Confirma que ata esa data hai presentadas 12 solicitudes e que aínda estan recollendo. Asemesmo informa que o número máximo será de 20 persoas. Confirma que o Concello acóllese ó programa e está pendente a firma do Convenio canado ela volte das vacacións. Preguntada polos criterios de selección no caso de que se supere o número máximo, estes son: 1. Ingrsos económicos. 2. Situación de Dependencia. 3. Necesidade de asistencia social. Seguimos pendentes deste tema.
Finalmente, no ano 2024 , este programa chega aos nosos veciños, non sin tempo nin repetidas reiteracións para que o noso Alcalde o tomara en serio.
ALERTAMOS DA POSIBLE DESAPARICIÓN DA OFICINA DE CORREOS DE ESCAIRÓN.
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía e partidos da Corporación Municipal para :
Trasmitirlles o rumor que circula no seo do corpo de Correos de que, coa inminente xubilación do Xefe local da oficina de Escairón, corre serio risco de que desapareza a nosa oficina para ser integrada na de Monforte ou Chantada, incorporando nesas cabeceiras comarcais aos traballadores, tal e como xa aconteceu nos veciños concellos de Pantón e Sober.
De executarse esta ameaza, a nosa sociedade do Saviñao perdería outro servizo básico , necesario e imprescindible, dada a dispersion poboacional e a extension do noso territorio municipal ( 200 quilómetros cadrados ), e afondaríase na xa triste e decadente realidade da desaparición do mundo rural. Recordamos que O Saviñao foi no pasado ano o concello que mais habitantes perdeu do sur de Lugo.
Con este aviso advertimos aos reprersentantes da vontade `popular e instamos á Corporación Municipal e aos partidos politicos a que poñan todo o interese na defensa dos escasos servizos públicos que quedan no noso territorio e se comprometan, dende xa, a encabezar os contactos e accións necesarias para evitar esta sensible perda.
Debemos anticiparnos antes de atoparnos diante dunha situación irreversible de “feito consumado”, despois sería demasiado tarde.
Rogando atención institucional a esta problemática, despédese atentamente de Vdes. A Presidenta da asociación veciñal.
En Escairón a 26 de maio do 2021.
Rectificmos xa que non se tartaría dun peche total da oficina senón dunha disminucuón da súa capacidade funcional
Na reunión mantida co Alcalde na data do 4 de xuño preguntamos polo tema e resposta que se dirixíu á Unidade Central de Correos a nivel nacional, levada por un nativo no Saviñao, e afirmalle que non hai proxectado ningún recorte no servizo. Tamén se dirixíu a nivel provincial e respostan que maila que o servizo non é rendible, non disminuirá a súa funcionalidade.
A asociación dirixíu pregunta aos responsables da zona 1 de Correos en Galiza para coñecer con certeza cal é o futuro da oficina. Esperamos resposta.
REFLEXIÓNS SOBRE OS COIDADOS QUE PRECISA A DEVESA DE ESCAIRÓN.
Con ocasión do inicio das actividades da escola-obradoiro de forestal, que comparten os concellos de Pantón, Sober e O Saviñao, nas pezas arboreas da Devesa de Escairón, a asociación veciñal ten que recordar que leva dez anos solicitando uns coidados apropiados para manter en boas condicións este patrimonio natural. Por elo insistimos unha vez mais en conseguir un plan de conservación e proteción deste conxunto e damos a coñecer a nosa opinión.
1- A finalidade da escola-obradoiro que está traballando na Devesa é boa e util: formar profesionais do ámbito forestal que é un sector productivo que abonda no noso territorio.
Pero o que A Devesa precisa urxentemente é unha PODA DE SANEAMENTO PROFESIONAL, o que implica cernar todas as polas secas e en altura, para o que se precisan medios técnicos específicos. Asemesmo necesítase un correcto SELADO TERAPEUTICO dos cortes para evitar a propagación de infeccións.
Un exemplo: hai 3 anos un raio caíu sobre un carballo de dúas guías, unha está totalmente seca, hai que cernala pero o diámetro é considerable polo que unha actuación mal feita sobre esta peza pode traer en consecuencia o secado do tronco común e a perda do carballo. É como si a un ancian que necesita coidados hospitalarios lle mandaran a alguén a cortar o pelo ou as uñas.
2- A Devesa é un conxunto arbóreo, basicamente de carballos, dúns 360 anos de antiguidade. Dende a A.V. levamos tempo solicitando unha FIGURA DE PROTECCIÓN OFICIAL para garantir a pervivencia.
En dúas ocasións solicitamos á Consellería de Medio Rural a figura de Conxunto Arbóreo Senlleiro, dado que hai poucas carballeiras que acrediten tanta antiguidade. Nas dúas ocasións foi denegada. Dende a Alcaldía chegaron a dicir que unha figura de proteción podía condicionar a construción de vivendas nas súas proximidades. Hoxe tan só hai dúas parcelas nas proximidades onde se pode construir.
3- Dende a A.V. tamen solicitamos a INTEGRACIÓN DO LAVADOIRO na Devesa, convertido hoxe nun penoso e raquítico estanque con 3 patos, para habilitalo como ESPAZO DE USO HUMANO.
Solicitamos o vaciado do estanque e a colocacion de tres bancais a modo de pequeño anfiteatro onde se poida ler un libro, reunirse, escoitar un contacontos ou un recital poético, ou mesmo un grupo musical.
Ante todo consistiría en retirar esa verxa de aramio que a dia de hoxe separa o lavadoiro tradicional, conservado en bó estado, do conxunto da Devesa, cando sempre estivo integrado na arboreda.
4- A A.V. ano tras ano ven informando ó Concello das baixas dos carballos que se van producindo, coa finalidade da súa REPOSICIÓN e coa intención de que así se garante a conservación do conxunto.
Ata hai dous anos o Concello era sensible a esta petición e procedía á súa reposición anual. Os dous últimos anos vemos como a Alcaldía deixou de facerse sensible a este tema e abandoou a reposición anual.
Neste último ano pedíamos a plantación de tres pezas, pero a día de hoxe coñecemos que cinco pés de carballos estan totalmente mortos e sete en proceso de secado. Co que ou se vela pola constante reposición ou nun plazo curto de tempo desaparecerá.
Ante todo expresar que o espacio arborado da Devesa de Escairón é o ben patrimonial máis querido e apreciado polos veciños do municipio, pois dende hai mais de trescentos anos moitas foron as xeneracións que xogaron, sestearon, amaron e disfrutaron neste espazo de ensono, polo que a día de hoxe basta preguntar e nos diran que todos estan orgullosos de criarse na Devesa de Escairón.
RECLÁMANSE MEDIDAS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE VIDA DOS NOSOS MAIORES.
A asociación veciñal ven de solicitar ó Alcalde e ó partido da oposición que sexa tratado no próximo Pleno dúas medidas para mellorar as condicións de vida dos veciños mais maiores.
O municipio do Saviñao é o único da comarca que carece de residencia pública de maiores e de centro de Día pois a figura dos apartamentos tutelados da praza Maior , privatizada e con contadas e concedidas prazas concertadas, non da cuberto as necesidades reais por contar con poucas plazas e ser inalcanzable para a maioría das pensións que cobran os maiores do Saviñao, convertíndose en inacesible. A residencia conveniada coa Deputación no 2011 xa está descartada e a outra posibilidade, a dunha residencia xestionada pola Xunta, parece non despertar interese na representación política e nin se intenta. Esta é a carencia mais grave que padece a día de hoxe o noso municipio, motivo polo que propoñemos estas dúas medidas de necesidade inmediata.
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao e á Corporación Municipal coa intención de conseguir os servizos necesarios para mellorar as condicións de vida das persoas maiores do noso concello.
- SOLICITAR O SERVIZO “XANTAR NA CASA “.
Dende hai dez anos a Xunta de Galiza ofrece este servizo, que consiste en levar a comida aos domicilios das persoas maiores a un prezo económico. Non entendemos como a estas alturas o noso concello é dos poucos da comarca que non o solicitou e nin sequera informou del, polo que a veciñanza descoñece que existe.
Solicitamos que a Corporación Municipal se decida a reclamar este servizo, previa valoración da demanda dende Axuda no fogar, e que inclúa os custos que orixine nos presupostos do presente ano.
- CREACIÓN DUN CENTRO DE DÍA.
A carencia máis grave que arrastra o noso municipio é a falta dunha residencia pública de maiores e dun centro de día, o que obriga ás familias a buscar centros para os nosos maiores noutros concellos. A indesexable consecuencia desta situación é a deslocalización das persoas na idade máis vulnerable da vida.
Aproveitando que este ano vai abrir o novo centro de saúde, propoñemos que se aproveite o edificio do actual ambulatorio, tras as reformas necesarias, como centro de día.
Dende a Asociación reclamamos que a nosa veciñanza reciba todos os servizos que a administración galega lle ofrece ao conxunto da comunidade. A súa carencia repercute negativamente no segmento de poboación de maior idade e supón unha discriminación para O Saviñao que se debe só á falta de iniciativa da Corporación local.
Solicitando que se trate nun Pleno a conveniencia destes dous servizos esenciais para o noso municipio, despídese atentamente a presidenta da Asociación. Escairón a 14 de xaneiro do 2021.
UNHA NOVA PLANTACIÓN DE EUCALIPTO ABRE A AMEAZA DESTA ESPECIE E DO BOSQUE CADUCIFOLIO QUE CARACTERIZA Ó NOSO TERRITORIO.
Tal e como está recollido nos principios estatutarios, a defensa da natureza e o medio ambiente no territorio do Saviñao é un obxetivo prioritario da asociación e o eucalipto é rexeitado por tratarse dunha especie invasora, pirófita e degradadora da terra e dos acuíferos soterrados. Por iso xa hai úns anos a asociación veciñal integrárase na Plataforma Comarcal contra o eucalipto e no pasado ano solicitábase da Corporación municipal a creación dunha ordenanza que proibira esta especie no territorio municipal.
Consideramos que hai moitas outras alternativas arboreas produtivas e respetuosas coa vexetación imperante no noso territorio. A intención é poñer freo a esta especie para protexer o bosque caducifolio e autóctono que abonda por toda a comarca e o sur de Lugo. Comprobada a nova plantación, diriximos pregunta á Consellería de Montes.
A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor con DNI 33.812.714 T, diríxese á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal para preguntar pola idoneidade e permiso para unha plantación de eucaliptos realizada na parroquia de Piñeiró no concello do Saviñao.
A asociación veciñal confirma a plantación de eucaliptos nunha parcela de mais de 5 hectáreas situada entre San Saturniño e Vilamor na parroquia de Piñeiró no concello do Saviñao. A parcela en cuestión é a número 30 no polígono 117 con referencia catastral 2705A117000300000UI. Trátase dunha plantación duns 3 anos de antiguidade realizada nun entorno de bosque caducifolio e ubicada na área forestall VIII onde non se recomenda a plantación de eucalipto.
Analizada a plantación en cuestión, atopamos datos suficientes para rexeitar este tipo de plantacións invasivas e adulteradoras da terra, nunha xeografía cuberta por unha flora autóctona ou espontanea de caducifolias e frondosas. Aportamos as observacións seguintes documentadas con imaxes: