ALEGACIÓNS Á INSTALACIÓN DUNHA MINICENTRAL HIDOELÉCTRICA NO RÍO SARDIÑEIRA

RAZÓNS PARA O REXEITE DA MINICENTRAL HIDROELÉCTRICA DOS AMIEIROS NO RÍO SARDIÑEIRA .

 

1ª – Dada a gran cantidade de explotacións hidraulicas existentes no noso concello e no contorno comarcal , como os macroencoros e estacións eléctricas dos Peares e Belesar , a minicentral do río Pesqueiras e a veciña do río Asma , consideramos excesiva a explotación dos leitos fluviais .

Como o Sardiñeira é un rio de escaso caudal , a construcción dun azud de 5 metros de altura modificaría substancialmente a masa de auga superficial e natural . Ademais deberíase ter en conta o reducido interese enerxético desta minicentral , o que supón un escaso beneficio particular fronte a un gran prexuizo público .

2ª – O proxecto modificado resulta ainda máis agresivo : increméntase a lonxitude do río afectada a 2.070 m. dende a central ata o azud , ó que haberá que añadir a superficie anegada polo azud  trasladado augas arriba .

3ª – Vistas as distintas modificacións do proxecto , non resultan clarificantes as cifras do caudal máximo que solicitan ( 4.000 l/s ) fronte as cifras do caudal medio de uso estimado ( 1.140 l/s ) . Entendémolas excesivas e pouco reais .

4ª – A altura prevista do edificio da turbina é excesiva para unha zona de ribeira moi pechada . Os 9,5 m. de altura romperían a paisaxe .

5ª – Debido á difícil accesibilidade á zona , os desmontes necesarios para o inicio das obras serían moi agresivos co contorno . Tampouco vemos viable que as obras non orixinen verquidos masivos ó leito , tanto de cascallos como de lixiviados resultantes das perforacións que en certas zonas precisaría , pois na marxe dereita hai moita zona rochosa que esixirá voaduras. De feito no estudo confírmase o risco de verquidos de formigon e aceites ó leito , altamente contaminantes e determinantes da viabilidade da fauna piscícola .

6ª – A obra suporá a afectación dunha extensa zona das ribeiras encaixonadas do Sardiñeira , coa conseguinte desaparición dunhas estructuras incluidas no catálogo de bens patrimoniais , caso dos tres muiños afectados : o do Carral ( próximo ó edificio da central ), o do Coiteiro e o de Maseda ( afectado polo azud ) . Así mesmo anegaría as represas , caneiros e canais de carga de servizo para eses muiños existentes no tramo final do leito . Estes elementos etnográficos , catalogados no actual PXOM , non estan recollidos no proxecto . Sen embargo os documentos fotográficos que adxunta contradicen a omisión da súa presenza . Adxúntanse fotografias .

7ª – A gran lonxitude do río afectada ( 2.070 m. ) ameazaría e modificaría a fauna piscícola no que supón o único couto troiteiro existente no concello , de forte demanda . Suporía a súa desaparición , como de feito  xa se recoñecía en estudos previos da Consellería de Medio Ambiente . Interrompería o refuxio e limitaría o ascenso das troitas . No estudo de impacto medioambiental considérase este impacto MODERADO e omítese a existencia do couto de pesca como actividade normativizada e xeradora de recursos para a zona ( adxúntase copia da publicidade do couto ) . Deberían repoñerse os camiños de servizo usados polos pescadores nas dúas márxes . Neste cauce vive a londra , que vería limitada a súa mobilidade e capacidade de desprazamento .

8ª – A estreita franxa vexetal existente en cada unha das ribeiras do leito , que nalgunhas zonas non supera os 30 m. , tanto por anegamento como polas propias obras que se farían , padecería a desaparición da variada vexetación ripícola de ribeira ( fentos , amieiros , bídalos , chopos , abelairas , castiñeiros… ) . Polo tanto quedaría totalmente modificada e despoboada a ribeira resultante  desta actuación . O estudo de impacto nega a existencia de vexetación ripícola na marxe dereita do río , sinalando que só hai “matorral sin arbolado” , pero a documentación fotográfica adxuntada , tanto pola empresa como nesta alegación , contradice esta afirmación, pois o leito do Sardiñeira vai acompañado dunha estreita  pero pechada franxa de masa arbórea en todo o seu recorrido . O mato aparece na zona alta da ribeira , a que non vai ser afectada .

9ª –  Afectará a unha zona de indubidable valor etnográfico , ecolóxico e paisaxístico , aproveitable para a dinamización e reclamo turístico . De feito xa se está diseñando unha ruta de sendeirismo dende a desembocadura ata a confluenza dos ríos Sardiñeira e Portiño , dúns 11 km. de lonxitude , polo que suporía un freo a unha iniciativa con repercusións económicas . Ademais imposibilitaría o transito ó desaparecer os sendeiros que actualmente percorren moi próximos ós dous lados do leito .

10ª – Deberíase ter en conta que a asociación veciñal xa se dirixira á Confederación Hidrográfica Miño-Sil na data do 6 de xuño do 2011 ,  con ocasión da presentación do Plan Hidrolóxico , presentando alegacións a estas contrucións nos ríos e solicitando unha protección ambiental para o espazo do Sardiñeira . Daquela recibírase resposta dese organismo no sentido de que se sería restritivo coas novas concesións hidroeléctricas e se favorecería a conservación ambiental segundo o artigo 46, como adxuntamos no anexo remitido polo organismo responsable das augas .

11ª – Augas arriba faise a captación da auga para uso doméstico de boa parte da poboación do Saviñao . Como se incrementa a rede de subministro a novas poboacións , cabe esperar unha diminución do caudal resultante , polo que a viabilidade futura desa minicentral estará en entredito .

12ª – Recentemente, no verán de 2011 , un incendio forestal afectou á zona dos Amieiros , onde se prevé abrirán as vías de acceso para as obras de construción da presa . Haberá que ter en conta a prohibición de construcións e actividades nas zonas afectadas polo lume recollida na lexislación vixente .

En base a estes argumentos e motivos razoados do impacto negativo que significaría esta intervención no medio , a asociación veciñal solicita a denegación dos permisos a este proxecto de explotación hidroeléctrica , así como a negación da utilidade pública solicitada .

O que se fai en Escairón , a 4 de decembro do 2012 .

Na data do 24 de xullo do 2014 publícase no BOE a resolución da Secretaría de Estado de Medio Ambiente pola que se rexeita na declaración de impacto ambiental o aproveitamento hidroeléctrico da central dos Amieiros . O 1 de abril do 2016 acodimos a unha Audiencia na Confederación Hidrográfica onde nos comunican o informe técnico denegatorio , como a empresa SENERCAL posue a concesión das augas dende 2001 , a empresa ten un prazo de 3 meses para a presentación dun novo proxecto . Do contrario tramitarase a extinción do expediente e a perda da concesión das augas . Estes datos foron confirmados polo escrito recibido o 20 de xuño de 2016          ¡ Todo un triunfo veciñal ¡

FOTOS ADXUNTADAS :                  

fotos 2

 

 

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail