A CATÁSTROFE DOS LUMES NON PODE VOLTAR A REPETIRSE. PROPOÑEMOS MEDIDAS A ADOPTAR NO NOSO MUNICIPIO.

      Despois da debastadora vaga de lumes que sufríu este ano a comunidade galega, consideramos que debe servir de alerta e chamada de atención a toda sociedade ou do contrario, considerando a ameaza que suporá no futuro mais inmediato o cambio climático que xa estamos padecendo, o mundo rural corre serio risco de afrontar un número crecente de incendios similares aos das recentes datas.

       Por elo compre sentar as bases para que NUNCA MÁIS se volva producir un desastre humano e medio ambiental como o deste ano. Por iso é o momento de aportar solucións deixando a un lado intereses enfrontados ou posicións tácticas políticas, e adoptar as medidas consensuadas que minimicen no posible  as desoladoras consecuencias do lume.

       Dende a asociación dirixímonos ó órgano de goberno local e a todos os partidos políticos do municipio coa finalidade de que sexa tratado este tema coa seriedade e responsabilidade que se merece, e se adopten resolución plenarias para previr e evitar na medida das posibilidades locais a catástrofe do lume no noso municipio.

       Dende a asociación veciñal propoñemos unha serie de medidas  para que sexan debatidas nunha sesión plenaria e, si se consideran, sexan executadas dun modo inmediato:

 

  1. – Aplicación da ordenanza e lexislación vixente que obriga a limpeza de solares e predios nas inmediacións de todos e cada ún dos núcleos de vivendas do noso municipio.
  2.  – Execución da normativa  que fixa e determina a distancia mínima de plantación das distintas especies arbóreas respecto das vivendas, estabulacións ou pendellos.
  3. – Declaración institucional do noso concello como “ municipio libre de eucaliptos “, como adoptou recentemente o veciño concello de Pantón. Aínda considerando que o noso municipio pertence a unha área ou sector xeografico no que xa está prohibida  a plantación de eucalipto, é preciso reforzar esta prohibición sobre unha especie pirófita e que aboca á desaparición das reservas hídricas do solo e subsolo.
  4.  – Solicitude da Corporación municipal directamente á Consellería da dotación dun servizo de brigadas antiincendios permanente e profesionalizado que, ademais das labouras de extinción, realicen nas tempadas humedas traballos de limpeza dos camiños e zonas de arboreda próximas ás vivendas.

       Coa única finalidade de preservar a nosa rica e abundante masa forestal e previr traxedias humanas e desastres ambientais irreversibles, solicitamos das forzas políticas a necesaria participación e compromiso no tema da prevención dos incendios forestais.

       O presidente da Asociación Veciñal do Saviñao.

       Escairón, a 31 de outubro do 2017.

      No pleno municipal de decembro trátase o tema , pero non se toma medida algunha de actuación a nivel municipal, supeditando as tres forzas políticas toda prevención á iniciativa da Xunta. ¡ imos apañados !

        No mes de xuño do 2018 o Alcalde envía un Bando a todas as casas dos veciños no que se obriga aos particulares e propietarios dos solares próximos aos núcleos e vivendas a adoptar as medidas de prevención de incendios que se mencionan, ameazando con medidas sancionadoras. Por dito motivo elaboramos unha nota de prensa :

         Aínda recoñecendo a parte de responsabilidade que cada veciño ten no cumprimento dunha normativa vixente xa hai anos, consideramos que a aplicación de tales medidas non vai ser posible só coa imposición institucional. En moitos solares e lexítimas será imposible identificar ao propietario dada a imprecisión e desactualización do catastro e, dada a fragmentación das herdanzas, moitos propietarios atópanse lonxe de Galicia e en moitos casos os descendentes dos herdeiros descoñecen as propiedades.

Por outra parte o Bando amosa a inacción da administración en todo este tempo, tanto pola permisividade nas plantacións realizadas recentemente, como pola falta de dotación de medios humanos e presupostarios para afrontar a prevención a longo prazo, para minimizar a ameaza dos lumes no xa debilitado mundo rural.

Neste senso recordamos que no mes de novembro pasado a Asociación propúxolles a todos os partidos da corporación a adopción de catro medidas a nivel municipal, básicas e tecnicamente recoñecidas como necesarias. Daquela o Pleno non adoptou ningunha medida a executar no municipio.

    Agora descárgase dunha maneira ameazante toda a responsabilidade nos propios veciños, pero ¿ onde están as obrigadas actuacións das administracións municipal, provincial e autonómica ? Unha vez máis evidénciase unha grave e repetida carencia de iniciativas por parte do Concello, da Deputación e da Xunta, así como una desatención total cara aos problemas que afectan aos veciños.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail