URXE A CREACIÓN DE VIVENDA PÚBLICA PARA FREAR A SANGRÍA DEMOGRÁFICA DO NOSO CONCELLO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións, e co nº 14 no rexistro municipal, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor con DNI 33.812.714 T, diríxese á Alcaldía do Saviñao e aos partidos da corporación coa finalidade de que se valore a necesidade de VIVENDA PÚBLICA no noso Concello.

A vivenda convertiuse nun problema de ámbito nacional e, aínda que nun principio parecía afectar só ás grandes cidades, comprobamos como se extendeu e compromete ao mundo rural agravando a perigosa e progresiva perda poboacional.

Nestes últimos anos fíxose patente o incremento na demanda de vivenda no noso municipio. Por unha parte recibiuse un considerable número de inmigrantes que achegan familias enteiras coa intención de traballar e vivir no noso concello. Doutra parte, son moitas as parellas e xoves que buscan vivenda aquí e non a atopan, tendo que marcharse aos municipios veciños de Chantada e Monforte para conseguila. Este éxodo másivo está mermando aínda mais a poboación, que sufriu nos últimos catro anos a perda de máis de 500 habitantes.

No Saviñao non existe unha oferta de vivenda que dea cuberto as necesidades actuais. Esta carencia, que agrava aínda mais a caída poboacional e pon en risco a pervivencia do concello, fai urxente e imprescindible a inmediata actuación da administración local. Neste senso, a asociación veciñal SOLICITA e RECLAMA da Alcaldía e dos partidos da corporación:

Que se valore de xeito serio e consensuado a creación inmediata de VIVENDA PÚBLICA no noso municipio, tal e como están a facer outros concellos veciños, en resposta á demanda urxente da poboación, que non se subsana coa oferta existente de vivenda en aluguer ou propiedade, que é insignificante.

Co ánimo de frear o éxodo da veciñanza e de cubrir unha carencia que afonda na decadencia do noso concello, despídese atentamente a Presidenta da Asociación Veciñal.

Escairón a 2 de outubro do 2023.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail