O DOLMEN DA LEIRA RAPADA DEBE SER POSTO EN VALOR.
O pasado 19 de xullo entregouse no Concello a solicitude da sinalización do acceso ó dolmen da Leira Rapada, tanto pola estrada como polo camiño de acceso. Solicítase asemesmo a limpeza do camiño e a colocación dun panel que mostre as gravuras petroglíficas existentes na tapa, para o que a asociación ofrece un calco das mesmas que nos fora doado. A finalidade é poner en valor o patrimonio arqueolóxico visible e contribuir a potenciar o turismo cultural.
A Asociación veciñal do Saviñao, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, con DNI 33.812.714 T, diríxese á Alcaldía do Saviñao coa intención de solicitar a posta en valor do dolmen da Leira Rapada.
O turismo cultural é respectuoso co medio ambiente, non é masivo nin agresivo co entorno e coa paisaxe da comarca onde vivimos. Debe ser o modelo a conseguir no territorio Ribeira Sacra, dadas as peculiaridades da nosa fráxil orografía que lle confiren o atractivo que está comezando a facerse notar.
Nestes últimos anos estamos vendo como todos os concellos do sur de Lugo están facendo esforzos por dar a coñecer os seus patrimonios culturais, científicos ou paisaxísticos para atraer ese cobizable turismo cultural ao territorio propio. Así o estan facendo en Quiroga, co percorrido e o museo xeolóxico, en Pantón coas xornadas do Románico ou en Sober cos seus miradoiros e petróglifos.
No noso concello posuimos un tesouro por descubrir, que é o Neolítico. Temos 56 mámoas catalogadas, que deberían ser estudiadas para poder escavar algunhas e crear un itinerario neolítico, pero ese é un tema para reflexionar con tranquilidade. Dese conxunto megalítico temos ao descuberto dous dolmens: o de Abuíme, obxecto de numerosas visitas, e o da Leira Rapada, que posúe o interese engadido dos grabados petroglíficos na súa tapa.
Precisamente esta solicitude pretende que se dea a coñecer e se destaque o valor deste monumento megalítico, o que reforzará a oferta de turismo cultural do noso municipio. Por estas razóns SOLICÍTASE do Concello:
- A sinalización metálica do dolmen polas estradas de acceso a Vilatán.
- O mantemento anual de limpeza e roza do camiño de acceso ao dolmen.
- A sinalización en madeira do camiño dende a estrada e nos dous cruzamentos existentes.
- A creación dun panel explicativo dos petróglifos da tapa, dado que non é fácil descubrilos a simple vista. Para este traballo a Asociación ofrece un calco dos gravados e dos círculos da tapa que se fixera cando se descubriu, no ano 2014.
Coa esperanza de que o Concello asuma estas sinxelas intervencións para poñer de relevo a importancia deste exclusivo patrimonio arqueolóxico, despídese atentamente a Presidenta da Asociación veciñal.
CALCO DOS PETROGLIFOS DA TAPA: