UN MIRADOIRO NA COSTA DE STº ANTÓN DINAMIZARÌA O NORTE DO MUNICIPIO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese á Alcaldía do Saviñao e á oposición coa intención de propoñer a creación dun miradoiro na cima do monte de Santo Antón na parroquia de Piñeiró.

A Costa de Stº Antón representa unha elevación considerable respecto do altiplano do Saviñao situándose a 680 metros de altitude, tan só superada  pola serra da Parrocha xa no concello de Paradela a 837 m..

No cumio da Costa, onde estan os depositos da auga da traída, está ubicado o punto xeodésico 15567 e ó seu carón hai construído un refuxo de cazadores, de planta baixa e cuberta plana.

Dende a parte superior da cuberta da caseta gózase dunha privelexada panorámica de 360º, obtendo con precision unha vista dos límites xeográficos da Ribeira Sacra: a nacente os montes de Samos e avistando detras a serra do Caurel, ó sur Cabeza da Meda e a serra de Manzaneda, a poñente a serra do Faro e ó norte os montes de Portomarín e Paradela.

Dende a asociación consideramos que este é un lugar idóneo para a ubicación dun miradoiro na cuberta do refuxo que é o punto onde se consigue esta panorámica de 360º.

Para a construción deste espectacular miradoiro non se precisa  mais infraestrutura que a ubicación dunha escaleira de madeira que suba ata un entarimado do mesmo material   que cubra a cuberta da caseta, así como unha baranda de proteción. Asemesmo poderíase colocar un plano xeográfico que informara os puntos de interese que dende alí se atisban.

Con esta infraestrutura conseguiríase ampliar a oferta turística e paisaxística do noso concello, creando o que sería o segundo miradoiro do municipio, descentralizando o turismo da zona da ribeira. Con esta iniciativa crearíase un interesante itinerario de visita á zona norte do municipio ( bastante desatendida ) que ofertaría o dolmen de Abuíme, o propio miradoiro, o río Sardiñeira, as mámoas da Broza, o núcleo de Currelos, a igrexa de Guadalupe, a románica de San Vitorio de Ribas de Miño e a ponte de Mourulle no rio Miño.

Coa intención de ampliar a oferta turística do noso concello e de potenciar a zona norte do municipio, solicitamos se teña en conta e se valore esta proposta da asociación.

Atentamente a Presidenta da asociación. Escairón 7 de decembro do 2020.

IMG_0876 copia IMG_0875 copia IMG_0874 copia IMG_0873 copia

 A secuencia destas fotos tan só representa 120 º de panorámica, dende o miradoiro abarcaríanse 360º.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail