SOLICITUDE DE INCLUSIÓN DA DEVESA NO CATALOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS
Unha das primeiras actividades da asociación , nos seus inicios no outono do 2009 , foi a de dirixir á Dirección Xeral de Conservación da Natureza , dependente da Consellería de Medio Rural, unha solicitude para incluir A Devesa de Escairón no catálogo de Arbores Senlleiras , para conseguir algunha forma de protección institucional para este emblemático espazo verde.
Ante estas perspectivas o único que esta asociación pretende é garantir o futuro ecolóxico e social de este espazo querido por todos , por formar parte da identidade dun pobo e por considerar que ben merece un agasallo por parte do home ó que tanto aporta . Destacar que esta solicitude non é competitiva nin excluínte coa búsqueda doutras formas de amparo e protección, que xa deberan estar solicitadas hai dous anos por un acordo plenário que así foi recollido nas súas actas , precisamente esta deixadez institucional espoleou ós veciños a tomar esta iniciativa . Todo seña por manter e mellorar este monumento da natureza.Baseándose no porte e na relevancia sociocultural de este espazo arbóreo así como na procura de cuidados fitosanitarios ( necesidade de protección radicular , podas terapeúticas e selado de polas mortas ) a asociación veciñal elaborou un dossier composto dunha memoria onde se explican as características ecolóxicas da carballeira , destacando a súa idade ( tres séculos ), a altura ( moitos sobrepasan os 25 m. ) e o grosor ( máis dun metro de diámetro e tres de perímetro ), ademais da importancia social e cultural que tivo e continua a ter na sociedade do Saviñao ( referencias literarias , actos multitudinario, uso actual, etc.), que fan deste conxunto un reclamo engadido ós paraxes atractivos da Ribeira Sacra. Acompanando esta memoria cunha mostra fotográfica de todos os aspectos comentados.
Esta solicitude pretende buscar algunha forma de protección institucional para evitar o deterioro e mellorala se cabe , pois nos últimos 40 anos ven a sufrir continuas agresións que mermaron a súa extensión e frondosidade. A saber : construcción dos vellos grupos escolares e centro de saúde na súa veira, un parque infantil e unha pista deportiva ( hoxe retirados ), a limitación do perímetro norte e oeste por sendas estradas , a destrucción e arrancamento de pezas sofrido no ciclón Hortensia , e as últimas : o soterramento dun sistema de iluminación interior da Devesa ( absurdo e hoxe inutilizado ) e a ampliación dun dos edificios limítrofes ata os mesmos troncos dalgúns destes vetustos carballos .
Expoñemos a argumentación presentada e o dossier fotográfico adxuntado .
No mes de novembro do 2014 repetimos solicitude oficial díante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza , adxuntando memoria xustificativa e dous estudos feitos nos anos 90 , un deles da Sociedade Galega de Historia Natural . En xullo do 2015 recibimos unha resposta negativa , o que pecha a posibilidade de conseguir unha figura de protección para a Devesa . Quédanos a dúbida e desconfianza de que o noso concello apoiara esta negativa , xa que como propietario do espazo público , tivo que recibir algunha pregunta acerca da iniciativa .
MEMORIA XUSTIFICATIVA DA DEVESA DE ESCAIRÓN PARA A INCLUSIÓN NO CATÁLOGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS DE GALICIA , GRUPO FORMACIÓNS SENLLEIRAS .
1. INTERESE ECOLÓXICO .
O conxunto da masa arbórea está ubicado no centro de Escairón , capital do municipio de O Saviñao . Ocupa e define unha amplia zona verde do urbanismo da localidade .
O conxunto proposto ocupa unha hectárea , e fai úns 18 anos foi ampliado noutra hectárea proximada na que se procedeu a prantar arredor de 30 carballos para que serviran de cinturón protector das pezas centenarias e para paliar os devastadores efectos do ciclón “ Hortensia “ que provocou a perda duns 15 exemplares
O núcleo primitivo e de interese da Devesa está formado por cerca de un centenar de carballos de gran porte e escasos castiñeiros . A idade aproximada é duns 350 anos . Moitas de estas pezas superan os 25 metros de altura e os 3 metros de perímetro .
Cabe engadir a presenza do moucho e a curuxa no seu interior .
- INTERESE HISTÓRICO E SOCIOCULTURAL .
A Devesa foi adquirida polo concello no ano 1910 , grazas o interese e mediación de Don Juán López Suarez ( Xán de Forcados ) , para completar unha extensa zona verde pública o conformar unha unidade xunto coa Lama de Mondavide , o antigo campo de futbol , o vello campo da feira , e o lavadoiro da vila . A extensión do conxunto é dunhas 6 hectáreas .
Dende a súa compra a Devesa convertíuse nun lugar de ocio , recreo e importantes reunións . Baixo as súas altas polas medraron , xogaron e namoraron moitas xeneracións . Tamén foi lugar de encontro anual das familias de todas as parroquias do municipio , que se xuntaban nun xantar solidario , o domingo das festas patronais . Unha tradición perdida que se está intentando recuperar .
Na posguerra civil acodian enfermos de tuberculose de toda Galicia a pasar unha tempada na vila para respirar os aires puros da Devesa .
A beleza da Devesa foi cantada polo poeta Manuel María , o ilustre Don Luis Moure Mariño , ou os autóctonos Armando Losada e Antonio Rodriguez López .
Nos últimos anos foi escenario de grandes concentracións de xente que acodiu para celebrar a autonómica Festa do Emigrante ou a Festa das Amas de Casa .
Nun estudo recente ( 1990 ) a Directora de Ciencias Biolóxicas da Sociedade Galega de Historia Natural , Luisa Castro Cerceda , elabora os argumentos para solicitar algunha forma de protección institucional para este emblemático espazo .
Actualmente é un lugar de lecer para todas as idades , vellos , mozos e nenos . Asemesmo é un escenario ideal para comer o polbo os días de feira , o 8 e 19 de cada mes .
- INTERESE PROMOCIONAL .
A Devesa recibe innumerables visitas de xentes de Galicia e de fora da autonomía para apreciar a súa magnificiencia , e en todas as estacións do ano , tanto para protexerse da calor como para gozar da beleza nos días de nevada . É , sen dúbidas , un dos lugares máis visitados do concello e unha autentica promoción turística para este municipio e para o conxunto da Ribeira Sacra , en vías de ser declarada Patrimonio da Humanidade .
MOTIVACIÓN DA SOLICITUDE .
A Devesa sufríu diversas agresións nos derradeiros 65 anos : a construcción dunha pista polideportiva no seu interior ( hoxe felizmente eliminada ) , a apertura dun parque infantil , a construcción de tres edificios institucionais ( xulgado de paz , vello grupo escolar e ambulatorio ) que a pechan polo sur , a limitación que supuxo a apertura de sendas estradas polo poniente e o norte , a instalación dun inutilizado alumeado interior con caixóns de cemento aínda presentes , e o mencionado ciclón Hortensia . Estas agresións supuxeron a perda dúns 50 carballos e media dúcia de vídalos .
Pero na actualidade non recibe mellor trato e novas ameazas poñen en perigo a súa viabilidade . Así fai úns catro anos ampliouse ilegalmente o edificio da actual gardería hacia o inerior da Devesa , abríuse un espazo asfaltado como aparcadoiro do centro de saúde invadindo un trozo da arboleda , cementouse o espazo perimetral do edificio do concello rompendo a continuidade co antigo espazo do campo da feira , colocouse unha innecesaria balaustrada de pedra que encorseta o conxunto , e cernáronse brutalmente as cabezas guías de sete vetustos carballos para que as polas non tocaran as cubertas dos edificios institucionais antes citados .
Na actualidade o estado de conservación da Devesa non é o desexable , por elo a asociación veciñal demanda da autoridade municipal unha atención rápida e especializada orientada á poda terapeutica das zonas mortas dos centenarios carballos , así como a protección do sistema radicular . Na procura dunha lonxevidade para este espazo tan representativo dende a asociación elaborouse un Plan de Protección e Conservación da Devesa .
Toda esta exposición xustifica , ó noso entender , a decisión de solicitar as medidas pertinentes para conservar esta masa arbórea e buscar ese recoñecemento institucional que garanta a súa pervivencia como patrimonio natural que é .
En Escairón a 28 de novembro do 2014 .
|