SOLICÍTASE DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL O ARRANXO URXENTE DE DÚAS ESTRADAS DO MUNICIPIO.

O estado de conservación das estradas do concello é lamentable ó longo de todo o territorio municipal. As distintas administración presumen nos medios de comunicación cando arranxan unha estrada da súa titularidade, pero as actuacións son puntuais e escasas, deixando a maigrande parte das vías de comunicación case inservibles e ocasionado averías nos vehículos dos veciños que a diario transitan por elas.

Na derradeira reunión da xunta directiva propúxose solicitar un arranxo de emerxencia en dúas de titularidade da Deputación Provincial, recoñecendo que hai outras moitas que tamén o precisan. Iremos ocupándonos das restantes sen olvidar ningunha, pero para non pecar de pedigueños e alarmistas imos pouco a pouco.

Na data do 4 de outubro do 2021 diriximonos á Deputación:

 

A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións, con NIF G 27401157, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Delegación de Vías e Obras Públicas da Área de Xestión Territorial da Deputación de Lugo , para solicitar traballos de rebacheo de mantemento en dúas estradas da rede viaria da Deputación no territorio do Saviñao.

Notifícase do lamentable estado que presentan na actualidade as estradas 4112 Rendal ( Fión, O Saviñao ) – O Reguengo ( Pantón ) e a 5811 Torno – O Gorgozo, presentando un alarmante deterioro en moitos puntos.

A estrada 4112 presenta importantes fochancas en tres tramos: entre Rendal e A Barxa, en Galegos e no Reguengo.

A estrada 5811 concentra gran número de profundas fochancas que fai totalmente imposible a evitación das mesmas. Trátase dunha situación de emerxencia, xa que afecta á comunicación coa zona norte do concello. A zona que precisa atención é un tramo entre o inicio desta estrada 5811 no lugar de Torno e o lugar de Santa Cruz da parroquia de Vilelos, entre os puntos quilométricos 0.400 e 0.800. A asociación veciñal trasmite as queixas veciñais e reclama unha intervención inmediata de rebacheo para facilitar o tránsito e a comunicación. Deberíase executar o afianzamento da base da calzada e a reposición da capa asfáltica xa que todos os anos vemos como se abren fondas fochancas no mesmo tramo.

Na espera dunha pronta actuación por parte dese Departamento de Xestión Territorial que satisfaga as lóxicas reclamacións dos veciños, despédese atentamente de Vde. a Presidenta da asociación. Escairón a 4 de outubro do 2021.

O 25 de decembro faise pública a contratación da obra de reparación da estrada entre Torno e O Gorgozo nos seus 4 primeiros quilómetros próximos á Santa Cruz, os mais deteriorados.

No mes de xuño do 2022 rebachean as fochancas dende Rendal ó Reguengo e no mes de agosto do mesmo ano aplican unha espesa capa de aglomerado en quente no deteriorado tramo dende Torno ata a igrexa de Vilelos. Os nosos agradecementos á Deputación pola execución desas necesarias reparacións.

 

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail