RUTA DE SENDEIRISMO DA RIBEIRA SACRA DO MIÑO: DENDE SANTO ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO ATA CIMA DE ATÁN (PR – G 162).
MAPAS DA RUTA
etapa 1-1 | etapa 1-2 | etapa 2-1 | etapa 2-2 | etapa 3-1 | etapa 3-2 |
INTRODUCCIÓN
Esta é unha ruta de sendeirismo de ribeira de longo alcance (uns 36 km.) que discorre acompanando ó Miño polos concellos de O Saviñao e Pantón e avista enfronte os de Chantada e Carballedo. Pensada para facer en varias etapas pois merece ser tomada con calma e pararse a observar en detalle todo o que ofrece ó longo do seo percorrido. Esta ruta foi diseñada e limpada pola Asociación Veciñal do Saviñao, co apoio no seu territorio do Concello de Pantón e subvencionada pola Diputación de Lugo para a súa sinalización e homologación. Feita coa finalidade de contribuir ó enriquezemento da oferta turística da Ribeira Sacra na zona do Miño. Nós dividímola en 4 etapas, pero pódese facer en dúas ou en mais xornadas, ter en conta que a igrexa da Cova é o ecuador e punto medio da ruta .
Espectaculares son as vistas sobre o cauce do Miño, así como das distintas aldeas e lugares que parecen descolgarse pola ribeira e contribúen a manter a súa fisonomía coa arquitectura civil e os socalcos, pero ademais transcorre por unha zona de vexetación privilexiada onde se alternan os viñedos en terrazos, soutos e carballeiras centenarias, vexetacion mediterranea (herbedos, sobreiras, frutais…) e xestas, uces e carrascos; acompanados do arrullo constante dos numerosos regatos que a atravesan.
No seo percorrido únense varios mosteiros, egrexas románicas e restos dos primarios eremitorios que poboaron estas ribeiras e lle otorgaron a nome de Riboira Sacrata : Stº Estevo de Ribas de Miño, a capela de S. Pedro de Cela, S. Paio de Diomondi, S. Martiño de A Cova, S. Lourenzo de Fión, e a prerománica S. Estevo de Atán. Avistando na ribeira de enfronte as románicas de Nogueira, Chouzán e S. Xoán da Cova.
Tamén percorre zonas do património castrexo, romano e medieval: Codos de Belesar, castros da Portela, de Mourelos, de Ribeiras de Miño e de Marce, covas inéditas etc.
Esta ruta lineal une pobos onde a arquitectura popular ten o seo máximo expoñente como Belesar, Bexán, Mourelos, Cuñas, Ribeiras de Miño, Balboa, A Míllara, Marce e Seoane.
Perto da ruta hai áreas fluviais de esparcemento e recreativas , con alternativas hosteleiras: Belesar, A Cova e Maiorga; fervenzas como a de Augacaída en Marce, e puntos de enlace coas rutas que percorren a outra veira do Miño ata Pincelo, A Veiga, Soto, Nogueira, Chouzán e S. Xoán da Cova, así como á Líncora e Chantada.
É unha ruta lineal e bidireccional, e para facilitar a súa fraxmentación en etapas, esta ruta tén a facilidade de numerosos puntos de acceso e de rescate en coche, pois moi perto dela discorren estradas e camiños cementados que permiten iniciar ou rematar unha xornada de esparcimento en calesquera momento e volver a retomala noutra xornada. Disfrutadea.
- Stº. ESTEVO – BEXÁN (9 km)
Iníciase a ruta na egrexa románica de Stº Estevo de Ribas de Miño que ben merece unha parada e visita ó seo interior. Enfronte, no concello de Chantada, avístase o Castro de S. Fiz. Sáese baixo a súa espectacular fachada e pásase diante da casa de turismo rural por unha pista cementada no entorno dun vello souto.
No primeiro cruzamento (a 100 m.) ségese á esquerda pola pista de terra ancha, a 200 m. deixamos a primeira adega con viña á dereita. 150 m. máis adiante atopamos a nosa dereita a segunda adega e viñedo con boas vistas da ribeira chantadina. Seguemos en ascenso e 50 m. adiante (antes de chegar á terceira adega) viramos 180º pola pista da esquerda. Ó subir por esta pista xa bordeamos a nosa dereita o viñedo onde está a capela e restos do eremitorio de S. Pedro de Cela. Ascéndese e ós 200 m. sae un sendeiro estreito á dereita que baixa ata os restos da capela de S. Pedro de Cela e as dúas adegas que se supón son restos do eremitorio, con bós pasos de pedra e escanos polo resto da viña e unha boa vista da ribeira chantadina. A capela é románica con ún sartego ó seo pé.
Voltamos atrás ata retomar a ruta, seguindo á dereita ata desembocar nun camiño ancho (á esquerda atópase Buxán e unha estrada que serve de acceso-rescate). Descendese á dereita collendo este camiño fondo e amurado (600 m.) empatando coa pista ancha que ven de Stº Estevo e seguindo por esta á esquerda en lixeiro ascenso polo medio dún souto (masa arborea de Galegos e Buxán) acércanos ata Galegos onde hai de novo estrada (acceso-rescate). Continúa por ela á dereita e a úns 250 m. abandoase á esquerda e logo á dereita bordeando un antigo campo de futbol. Vese dende aquí o destino: Diomondi, ó que se podería acceder máis directo pola estrada (1 km.) máis a homologación esixe transitar por camiños. Tamén se avista o Pazo das Cortes.
Pásase o regato das Cortes por unha pontiña e sube ata cruzar a estrada ó lugar de Piñeiro. Nas primeiras casas segue á dereita, e na seguinte cruz, de novo á dereita. Abandoase o lugar polo camiño que ascende levemente ata abocar a un camiño máis ancho, fondo e amurado (foi un Camiño Real). Enlaza este cunha pista máis ancha, achegándose á Montecelo, onde hai un cruzeiro e os restos da egrexa de Nosa Sra. Do Camiño do s. XVII.
Descende ata a estrada. Colle á esquerda e a uns 150 m. achégase a egrexa románica de S. Paio de Diomondi e o pazo obispal que merecen unha parada. Case que enfronte e reandando un pouco pola estrada, segue á dereita no punto kilométrico 100 do Camiño de Inverno cara a Santiago.
Pasa cementada polo lugar da Portela onde hai un peto de ánimas e iníciase o ancho e cómodo camiño da baixada ata Belesar polos Codos, un camiño empedrado dende a época romana e usado posteriormente na idade media como Camiño de Inverno da ruta á Santiago, que se continúa pola ribeira chantadina a través da ponte. É un camiño amurado e fondo, pasa polos castros da Portela que merecen unha parada e unha ollada dá ribeira chantadina e do noso destino: Bexán.
Descende empedrado pronunciado e serpeante ata Belesar, un dos pobos de río máis bonitos do Miño.
Atravesa a pista asfaltada descendendo ata o núcleo de Belesar onde se pode facer unha parada, hai un clube naútico con bar, xantar e saída do catamarán turístico, e pódese empatar dende aqui coas rutas que dende a ponte parten cara á ribeira chantadina: a da dereita ascende pola continuación do camiño romano ata Chantada; a da esquerda parte baixo da egrexa e continua ata Santiago de Arriba, Pincelo, A Veiga e Nogueira. Tamén é punto de acceso-rescate.
Para retomar o camiño vóltase ó punto por onde baixamos e xusto á altura da fonte desviamonos polo sendeiro da esquerda. É un camiño que ascende amurado entre viñedos ata abordar de novo a pista cementada que atravesamos pouco antes. Seguir por ela á dereita ata unha adega nova e grande (Adega de Fortes). Alí mesmo desviase polo camiño amurado que ascende a esquerda, este vaise estreitando a medida que sobe entre viñedos e xa se avista Bexán no alto. Incorpórase a un camiño máis ancho seguindo á dereita, cruza un regato e ascende ata o cruzamento cunha pista de terra onde se colle á esquerda e ó pouco (uns 20 m.) desvíase á dereita por un camiño amurado de ribeira ascendendo entre viñedos ata Bexán. Pasa diante da pequena e rústica capela e tendo unha panorámica doada do val de Belesar. É o destino e punto de acceso-rescate.
GALERIA DE FOTOS ETAPA 1
- BEXÁN – A COBA ( 9 , 7 km. )
Bexán e outro lugar de encanto tanto pola súa arquitectura popular como pola vista que se ten de Belesar e da ribeira, encaramado a media ladeira.
Pártese dende a capela e xusto enfronte á súa entrada cóllese entre as dúas casas , á dereita e logo á esquerda, segue á dereita ascendendo entre as ruinosas vivendas deste lugar primariamente urbanizado ata pasar ó lado dunha fonte dende a que se atisva o castro de Mourelos. Continúa en ascenso e incorpórase a unha pista á dereita. A úns 50 m. abandoase esta e tamén a paisaxe de viñedos por un camiño amurado á esquerda introducíndose nunha zona arborada.
Sube o camiño amurado entre carballos acompanado do són do regato escorrendo e sáe a un camiño ancho que ven da Millarada onde está a adega Virxe dos Remedios onde saborear e comprar un caldo da zona. Tamén zona de acceso e rescate.
Coller á dereita ata cruzar ó regato e ascender úns 50 m. ata a primeira curva onde hai un cruz de camiños: Omitir o da esquerda e o da dereita que vai paralelo ó regato. Segue polo do medio, que case non se vé e é máis estreito. Introdúcese no denso e antigo souto de Torno e de Pena de Quil.
Incorporarse a un máis ancho que ven da esquerda, segue á dereita amurado ata cruzar un segundo regato e avanza por este camiño de carro entre os seos muros ata chegar a unha encrucillada formada polos muros divisorios. Si nos desviamos un mínimo momento da ruta, subindo á esquerda veremos os castiñeiros centenarios da Casa de Torno.
Retomando a ruta chégase ás ruínas da casa da Pena de Quil, noutrora rica e que conserva o primitivo encintado das paredes do patio con motivos avícolas. Bordea o camiño pola esquerda das paredes da casa e continua amurado ata dar coa estrada que vai a Mourelos e O Mato (zona de acceso-rescate).
Temos a opción de visitar por un momento o castro de Mourelos apartandonos da ruta á dereita, dende o que se disfuta dunhas vistas espectaculares de Nogueira, Soto e A Veiga na ribeira chantadina.
Despois de ver o castro retómase a ruta volvendo o punto onde se chegou denantes subindo brevemente pola estrada ata un doble desvio á dereita. Coller a pista cementada da esquerda descendendo ata a primeira curva, abandoándoa pola pista de terra da esquerda. Volta a paisaxe de viñedos e ribeira.
Descende o camiño ancho e despexado. Omítese o que ascende á esquerda e abandoase en descenso o viñedo, adentrándose de novo nun entorno arbolado. Nunha curva desvíase pola pista da esquerda e tras debuxar en ascenso unha curva da orografía chega a unha explanada onde parece rematar o camiño.
Xirando uns 120 º a esquerda hai que subir por un estreito sendeiro no que case hai que agatuñar no seu início. Curva este á dereita ata abocar a un camiño ancho. Segue polo da esquerda omitindo o que baixa á dereita. Sin desviarse segue en ascenso e arborado ata as primeiras casas de Barrio (Mourelos). Dende aquí avístase enfronte o castro de Nogueira, e por riba del (aínda que no lado da ruta) o de Vilar de Ortelle dominando o curso do Miño.
Covírtese en cemento e sube entre as casas á esquerda. Omitir o que sae á dereita e chégase ó cruz coa estrada (acceso-rescate).
Coller por ela en descenso á dereita. Chegase á Reguenga en nun cruz segue pola estrada da esquerda. Na primeira curva abandoa a estrada polo camiño que sae á esquerda. Pasa ó lado dunha fonte tradicional e no seguinte desvio colle polo camiño que sáe a dereita en descenso. Ó pouco bifúrcase, coller á dereita e case que deseguido vira nun zig-zag á esquerda e dereita. Cruza un regato e acompañandoo aboca á estrada que abandoamos nas últimas casas.
Baixando un pouco por ela, abandoase na primeira pista que sáe á esquerda, pasa ó lado dun viñedo e pasa unha zona de lama. Omitir os dous camiños que sáen á dereita e antes dunha curva abandoa a pista por un sendeiro que descende á dereita en zig-zag nun entorno de acacias. Na última curva, antes do cancelo de acceso a unha adega, vira á dereita subindo por úns penedos, segue uns 8 metros por un sendeiro e vira 90 º á esquerda, baixando pronunciadamente polos pasos de madeira entre acacias ata a pista asfaltada. Posibilidade de acceso-rescate.
Segue por ela á esquerda, é A Abeleda, tendo unha panorámica mixta dos socalcos do viñedo, arboreda e o bosque do Cabo do Mundo na outra veira do Miño. Úns 150 m. adíante abandoa a pista a dereita por uns escaños na parede e vira á dereita ata chegar a outra adega. Bordeala pola esquerda e baixar á dereita pegados ás cepas e descendendo en peldaños ata unha pista ancha de terra. De novo rógase máximo respeto polo viñedo.
Unha vez na pista ancha de terra seguir á esquerda e pasados os viñedos aboca a unha pista cementada. Zona de acceso-rescate.
- No caso de que o propietario do viñedo puxera pegas para pasar polo medio da plantación, a ruta habería que seguila pola pista asfaltada que deixamos antes. Curva á dereita e 150 m. adíante continuar pola primeira pista cementada que sáe en acusado descenso á dereita. Omitir o primeiro desvio á esquerda que é de servizo dunha viña e despois dunha pronunciada curva á dereita conflúe coa mesma pista de terra na que desemboca a ruta homologada.
Seguir descendendo pola pista cementada e abandoala na primeira pista de terra que sáe á esquerda. Ancha e atravesa o pequeno cauce dun regato de inverno ata abocar a outra pista cementada.
Descende por ela á dereita baixo unha densa arboreda e desvíase polo primeiro camiño de terra que sáe á dereita. Descende á sombra das árbores ata abrirse o camiño nunha zona de viñedo. Agora estreitase, pasa ó lado dunha vivenda abandoada e descende polo estreito sendeiro do viñedo da dereita ata a estrada. Zona de acceso-rescate.
É a praia fluvial da Cova, con posibilidade de baño, deportes acuaticos e un bar-restaurante onde facer un descanso ou refrixerio.
Continúa a ruta pola estrada en ascenso e despois de dúas curvas abandoase por unha pista de terra á esquerda pasando baixo as invasoras acacias. Xusto ó rematar estas abandoase á dereita por unha pronunciada subida e ó pouco vira entre penedos á esquerda. Sube agora por un estreito sendeiro das viñas. Pasa por riba dunha adega e chega a unha pista cementada. Cruza a pista polo camiño de enfronte e ascende en zig-zag ata sair a estrada de Cuñas. Acceso-rescate.
Aquí hai a opción de ver as antigas adegas denominadas «A Calle» onde se mostraba o viño ós compradores que viñan maioritariamente dende Lugo. Estan dispostas ó longo de esta pronunciada costa.
A ruta continúa pola estrada á dereita en ascenso, pasando por Adegas Moure, onde se pode degustar calesquera dos viños que elaboran, ou ben esperar a rematar a etapa, que xa está próxima o seu fin, e despois acercarse á adega. Pasada a adega, dende a que temos unha vista excepcional do mais marcado meandro do Miño denominado «O Cabo do Mundo», vira a estrada á dereita e xusto antes da seguinte curva á esquerda, abandoase esta por un camiño de terra á esquerda. Na seguinte curva desvíase á dereita por un camiño máis estreito que pasa entre unhas acacias. Continúa por un sendeiro estreito de viñedo, deixando unha adega á dereita. Ascende levemente e pegado a un muro que acompaña á esquerda, achégase ó lugar de Seoane. Nas primeiras casas bordeanse estas por un camiño cementado que sáe a dereita, descende estreito entre as hortas ata desembocar na estrada da Cova. Unha vez aquí segue á dereita ata a egrexa románica de S. Martiño da Cova, sinxela e rural con pinturas murais do XVI no seu interior. A Cova é a metade do total da ruta.
Dende este punto abrense varias opcións que tamen poden ser tidas en conta antes do inicio da seguinte etapa: 1- visita guiada da Adega Moure (Abadía da Cova). 2- Restaurante con excepcional vista (a 1 km. seguindo a estrada en ascenso). 3- visita a egrexa de Fión a úns 2 km., tamén románica con pinturas murais, e despois a 1 km. visita ó Ecomuseo de Arxeriz con exposición etnográfica da ribeira e paseo pola extensa propiedade onde está o castro de Fión. Para acceder a esta última opción pódese continuar a estrada en ascenso ata o primeiro cruze. 4- baixada pola estrada ata á area recretiva e fluvial da Cova, por onde pasou a ruta.
GALERIA DE FOTOS ETAPA 2
- A COVA – MAIORGA – MARCE (10,3 km).
Partindo da egrexa da Cova iníciase a ruta pola estrada en ascenso. A úns 50 m., despois dun grande ciprés, descende un sendeiro á dereita. Cruza un regato e continúa baixo unha arboreda de caducifólias ata abocar á estrada asfaltada. Seguese por esta á dereita en descenso ata o lugar de Arxuá. No cruz omitir a que baixa á dereita. Seguir á esquerda ata as derradeiras casas onde o asfalto se fai ancho e remata. Colle un carreiro que sobe pola esquerda da derradeira casa, ascende por un camiño amurado de ribeira e cruza o 1º regato. Segue en ascenso deixando á esquerda unha casa ruinosa ata dar cunha pista de terra máis ancha que se incorpora pola esquerda. Segue á dereita, despois hai un pequeño cruz de camiños, segue á dereita e o pouco cruza o 2º regato adentrándose no concello de Pantón.
Abandóase a paisaxe de viñedo e introdúcese agora o camiño nun extenso e pecho bosque mixto (castiñeiros, piñeiro, queixigo, piorno, toxo, madreselva, fentos) facéndose máis estreito. Despois faise chán discorrendo por riba dunha mura, chegando a unha zona de piñeiros onde chega case que perderse. Guíanos o dato de que a nosa dereita queda o profundo desnivel que marca aquí o seguinte regato. Cruza este retomando o camiño que volve ir elevado por riba dunha mura.
Sáe a unha pista forestal xunto a ún grande piñeiro de dúas cabezas. Coller á esquerda e úns 20 m. más arriba e ó pé de 3 ou catro piñeiros abandoa a pista polo camiño da dereita. Faise máis ancho e discorre, como denantes, por riba dunha mura. Agora vai chán polo medio dún pechado souto. Cruza o 4º regato, escaso en caudal, e sáe a outro camiño máis ancho que se incorpora pola esquerda, seguir de fronte. Pouco despois incorpórase a outro camiño ancho que ven pola esquerda, seguir de fronte.
Ábrese aquí a paisaxe, avistando o cauce ancho do Miño cos lugares máis baixos de Nogueira no outro lado do Cabo do Mundo da ribeira chantadina. Empezan a verse de novo viñedos. Sáe á estrada que baixa dende Ribeiras de Miño ata ó Carballo. Posibilidade de acceso-rescate.
Segue á dereita pola estrada en descenso, pásase ó lado da egrexa parroquial omitindo o primeiro camiño que sáe á dereita. Desviáse polo segundo camiño máis ancho á dereita. Baixa entre altas muras que discorren ente viñedos e pequenos soutiños ata enlazar de novo coa estrada nunha curva da mesma: estamos no lugar do Carballo.
Baixa entre as casas ata chegar a un pequeño cruze á altura da casa nº 52. Coller pola que segue á dereita. Aínda que tamen se podería coller pola da esquerda que pasa baixo un hórreo de madeira. Vira á esquerda e introcúcese nun estreito sendeiro de acceso ás hortas máis baixas do Carballo. Avístase na outra veira Nogueira descolgándose pola ladeira ata ó Miño.
Avanza o estreito sendeiro arrimado ó alto muro de pedra. Cruza un regato, váise baixo, perto do río. Pásase por dous diminutos viñedos e accedese a unha pista de terra máis ancha, seguíndoa en ascenso á esquerda baixo unhas acacias. Este ancho camiño faise de ribeira e sobe lentamente ata un cruzamento: coller á dereita. Aquí o camiño agora cementado, estaba empedrado como nos trazados medievais. No seguinte cruz coller á esquerda e ós 15 m. coller o da dereita. Outros 15 m. máis adiante seguir polo da dereita, un paso estreito entre os dous niveis do castro de Ribeiras de Miño. Queda o camiño empedrado (agora cementado) máis baixo e á dereita.
Descende o camiño por peldanos labrados na roca entre as paredes dos viñedos ata chegar á veira do río. Vira á esquerda, pasa baixo as acacias e deixa á dereita as ruinas dún muiño. Cruza a desembocadura dun regato pola ancha pista recien feita añorando o primario paso pola pontiña de pedra que quedou inutilizada (vese á nosa dereita).
Sobe por esta ancha pista paralela a desembocadura do regato acompañado dunha vexetación exuberante de hébedos e deixando ás nosas costas a beleza do lugar de Ribeiras de Miño.
Chega á estrada dende a que se vé a pequena illa. Aquí a ribeira ábrese nun cálido e amplio val.
Continúar nela descendendo pola dereita, e o pouco métese á esquerda por unha pista de terra que nos leva o local da área recreativa de Maiorga, nunha zona privilexiada de hérbedos e sobreiras, onde teremos a opción de xantar, baño e acceso o catamarán. Acceso-rescate.
Pasa por riba do local de Maiorga (Porcís) ata un pequeno aparcadoiro, a ruta segue pola pista dá dereita en lixeiro ascenso, cruza un regato e incorpórase a outra máis ancha. Colle á esquerda pola pista ancha de terra, ascende entre un bosque de hérbedos , sobreiras e carballos. Omitir a que sáe á dereita. No segundo cruz coller á dereita. Omitir as dúas próximas pistas que van á dereita. Ó rematar a subida omitir a que sáe á esquerda, agora o camiño é de ribeira entre viñedos.
Chega ó lugar de Balboa (acceso-rescate) e segue á dereita en descenso polo medio do pobo, omitindo o primeiro camiño que sáe á esquerda e, achegandose a última casa, coller á esquerda. Descende zigzageante entre as muras do viñedo facéndose estreito, cruza un regatiño e segue descendendo ata cruzar un regato máis grande. Ascende ata confluir cunha pista cementada, segue á dereita ata dar coa estrada que baixa á Míllara (acceso-rescate), pobo moi coidadosamente rehabilitado e adega con posibilidade de degustar o viño da zona.
Dende aquí, en opción, pódese visitar o lugar e á Cociña da Moura, penedo aburatado de uso antropomorfo, para elo hai que descender entre as casas do lugar ata á beira do Miño, cruzar un regato e no segundo, ascender polo seo cauce uns 50 m. ata a peneda.
Dende a estrada á Míllara (onde chegamos antes) segue por ela á dereita en descenso e ós 100 m. coller o camiño que sube á esquerda. Pasa por riba das casas e pasado un viñedo ascende pola loma das tres curvaturas que describe aquí a orografía. Vai alto o camiño o que permite hermosas vistas.
Agora a vexetación faise máis salvaxe, abrupta e mixta que lle confire certo misterio. Estamos na zona onde se situa o mito das Xacias. No medio do percorrido atópase, desviándose á dereita, o miradoiro das Maravillas, unha esplanada natural sobre unha roca que permite unha vista panorámica de 180 º na que se abarca dende a esquerda á dereita: o castro de Marce, enfronte Pacios e a egrexa románica de Chouzán, o penedo do Garabullo mesmo enfronte, o Erbedoiro, e Nogueira, Ribeiras de Miño e Maiorga á dereita.
Continúa o camiño por riba dunha mura en ascenso entre un bosque mediterraneo ata acceder a outro camiño de terra máis ancho. Colle en ascenso á esquerda ata ás primeiras casas de Marce.
Marce ben merece unha parada, é un pobo grande de ribeira que aínda manten algunhas mostras da tradicional construcción civil con lousa. Está en franca despoboación (chegou a ter 500 habitantes e dúas escolas). Como opción, na parte alta pódese visitar a pequena capela rural de S. Marcos, os restos da torre dos Lemos, unha aira enlousada para mallas comunitárias, a torre do Reloxo, e avistar a egrexa románica de Chouzán na ribeira oposta de Carballedo. Tamén se pode acceder a visitar o Castro de Marce que está nun promontorio rochoso á veira do Miño e perto del a fervenza de Marce, cunha cola duns 12 m. de altura. Para acceder a estes dous puntos hai que seguir polo percorrido da seguinte etapa da ruta, baixando entre as primeiras casas por onde chegamos e descende ata empatar con un camiño ancho, cóllese á dereita ata as sinais.
GALERIA DE FOTOS ETAPA 3
- MARCE – Stº. ESTEVO DE ATÁN – CIMA DE ATÁN 6 km.
Parte dende as primeiras casas de Marce onde se achegou a etapa anterior e descende entre o entramado de tipicas vivendas agora en estado de abandono. Vira á dereita aínda entre as casas e descende agora en escaños, segue á esquerda empedrada ata meterse nun camiño de altos muros que acompaña ún viñedo á esquerda e cerdeiras novas á dereita.
Nunha encrucillada colle á esquerda e cruza un pequeno regato que cae en pequena fervenza. Descende amurada ata confluir nún camiño ancho que nos levará tamén ó castro e á fervenza, seguir por él á dereita.
Vaise baixo a sombra dos carballos e sobreiras, cruza un regato e segue ancho ata o lado dunha cabana onde pode seguirse á dereita ata o castro ou a esquerda ata a fervenza e continuación da ruta.
Segue a ruta á esquerda en descenso cunha visión da egrexa románica de Chouzán na beira de enfronte. Descende estreita e pronunciada, e nunha encrucillada pódese optar por ver a fervenza de Augacaida dende abaixo, pola ruta da dereita, a úns 200 m. en marcadísimo descenso. Continuando a ruta e pasado un penedo oradado, sobe á dereita uns penedos entre acacias para descender por uns escanos ata a beira do río Aguianza (antes dos escanos, evitar o sendeiro da dereita). Crúzase por uns penedos ou pola futura pontiña de madeira.
Na outra beira vira á esquerda e ascende polo prao pegada a ún muriño ata o alto deste, dende onde hai que virar 90º a dereita e inicia un pronunciado ascenso. Segue de fronte e xa no alto vira o camiño a esquerda outros 90 º dándolle a volta a montaña pegado a un muro, é unha zona espida de árbores, achégase así ó cúmio da montaña. Téñense espectaculares vistas do lugar de Pacios e da trasladada egrexa románica de Chouzán na outra veira do río e de Marce ás nosas costas.
Segue o camiño elevado incorporándoselle pola esquerda outro. Seguir de fronte baixo a arboreda ata chegar ó lugar de Seoane, que conserva a construcción tradicional da ribeira. Pásase o lado dunha grande aira comunitaria enlousada de pedra, e despois outra máis pequena. Máis adiante hai un pilón á esquerda, e por riba del unha mina de auga excavada na terra. Sáe á pista cementada, avístase na beira oposta unha zona densa en sobreiras cunha pequena fervenza que cae directamente ó Miño.
Deixando o lugar de Seoane zona de acceso-rescate) segue pola estrada e na primeira curva colle de fronte (á dereita) ata a abandoada aldea de Reiriz, cunha arquitectura conservada. Discorre o camiño pola parte alta da aldea e o abandoála, omitir o que colle á esquerda, seguindo polo da dereita, e á volta da montaña descende en tramos enlousados ata o pequeño val de Atán. É Stº. Estevo de Atán unha xoia románica restaurada conservando as celosías visigóticas (románico astur), os singulares canzorros e un pórtico con Adán e Eva nún dos capiteis.
Na ribeira oposta do concello de Carballedo vese a egrexa románica de S. Xoán da Cova trasladada cando a inundacion do embalse dos Peares.
Dende aquí segue deixando a igrexa ás costas e iniciando o tramo asfaltado (posibilidade de acceso-rescate) colle no primeiro desvio á esquerda aínda por asfalto. Despois de ascender úns 100 m. e deixando unha casa restaurada á dereita, coller a esquerda por un camiño. No primeiro cruzamento colle á dereita. No seguinte colle á esquerda. Ascende e chega ata outro cruzamento, coller á esquerda.
Ascende empinada, obviar un camiño que sae a esquerda. Tras unha volta pronunciada vese unha mina de auga cavada na terra. Ascende baixo a sombra ata as primeiras casas de Cima de Atán. Entre elas colle a dereita e pouco despois abandóase a aldea á esquerda.
Dende aquí o camiño ascende perfectamente empedrado pasando por unha curiosa mina de auga da altura dunha persoa. Pouco máis arriba achégase á estrada (Segade) onde remata esta bella e apaixoante ruta.
GALERIA DE FOTOS ETAPA 4
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA .
Trátase dunha ruta lonxitudinal e bidireccional, que pode facerse nos dous sentidos, e mesmo dende A Cova podería facerse a ún e outro lado. Permite incorporarse a ela ou abandoala en múltiples puntos pola gran cantidade de accesos que se atopan no seu recorrido.
O método para non ter que voltar sobre os pasos andados é o habitual nas rutas lineais: Acodir o grupo completo ó punto de partida. Levar, só os conductores, todos os coches ó punto de destino. Voltar todos os conductores nun só vehículo ó punto de partida, co que no seu remate só haberá que rescatar este vehículo. Tamén se pode acodir ó servizo dun taxi ou ben cunha empresa de servizos turísticos que se concerte para o acceso e o rescate.
O trazado da ruta non é perigoso en ningún punto. Sí é esixente fisicamente polas constantes subidas e baixadas, pero tamén ofrece múltiples puntos de descanso e esparcemento para quen a abandone. Débese levar calzado forte que agarre ben o pé, e roupa transpirable e non demasiado abrigosa, pois hai un microclima de ribeira e o recorrido fai entrar en calor deseguido.
Os núcleos urbáns máis próximos son Escairón no Saviñao e Ferreira en Pantón, onde existen todos os servizos. Tamén moi próximo está o núcleo comarcal de Monforte de Lemos (a uns 20 km.) e o de Chantada (a 13).
O track da ruta pode baixarse de wikiloc, onde diversos grupos ó subiron (Acivro, Carreiros.es, Galicia Sendeirismo, gandaia, etc.)
EMPRESA DE SERVIZO TURÍSTICO :
– De Marcha. Furgoneta para 8 persoas. Escairón. Tfono: Lorena 615 470124. Correo electr : info@demarcha.com
– Taxis Escairón: Antonio Rodriguez (Malvís). 667 393138. Iván: 657 103 502. Luis: 689 500808. Esteban: 637 030822.
– Buses e microbuses: Tito y Gil: 659 988343. Vila: 666 483663.
HOSPEDÁXE E HOSTELERÍA máis próximos:
-Turismo Rural :
– Casa Stº Estevo. No inicio mesmo da ruta en Stº. Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao). Comida-cea por encarga. 982 452734 / 655 751735.
– Torre Vilariño (O Saviñao). Moi próxima á metade do recorrido na Cova. Tamén comida-cea 982 452260.
– Casa Vilamor (O Saviñao). Próxima. Comida-cea por encarga. 982 171942 / 661530257.
– Apartamentos Quo Vadis ( tres casas independientes). Próxima, en Corveixe. info@casasquovadis.com. 661701042.
– Casa Benaxo (Currelos, O Saviñao). 982 450290.
– Casa Carreixas (O Saviñao). Próxima. Aluguer íntegro. 607 957578 / 950 206950.
– Rectoral de Castillón (Pantón). Moi próxima. Comidas-ceas. 982 455415.
– Casa da Vila (Pantón). Próxima. Comida-cea por encarga. 676 335565.
– Casa dos Muros (Pantón). Próximo. 982 456045 / 982 456118.
– Casa de Maside (Pantón). Próximo. 627 398483.
– Casa Dulcinea (Pantón). Próxima. 982 411240 / 606 114063.
– La Torre de Tanquián (Pantón). Próxima. Aluguer integro.982 162584.
– Aira Sacra (Pantón). 982 456118 / 610 456046.
– O Canto da Terra ( Pantón ) . Comida por encarga . 982 456466 e 678 .
– Casa Campaciñas. ( O Carballo, Pantón ). Aluguer de vivenda, ubicada mesmo na ruta. 697 354938.
– Casa Dario ( Buxán, O Saviñao ). Aluguer de vivenda, 3 dormitorios. Próximo ó inicio da ruta. 619223592.
– Casa Mica ( Cabo da Vila, Seoane, Pantón ). Aluguer de vivenda, 4 dormitorios. No traxecto da ruta, próximo a Atán.
– Outras hospedaxes :
– Avenida ( Escairón ). 5 habitacións ( 9 plazas ). Restaurante e almorzos. 982 452141-
– Hotel O Ruso 2* (Escairón). Tamén aluguer de habitacións e vivenda completa para grupos. Comidas-ceas. 982 452134 / 982 455115.
– Apartamentos Maruxa 2 ⃰ ( Escairón ). Tamén restaurante. 982 422250.
– Pensión-Residencia Mayte (Pantón). 982 456494.
– Balneario Augas Santas (Pantón). Comidas-ceas, golf. 902 279999 e 982 292800.
Nos concellos próximos da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, Chantada, Sober, Bóveda ou A Pobra de Brollón hai numerosas alternativas de hospedaxe-hostelería.