Rexeite veciñal a subestacion de Torno (Pesqueiras)

A Asociación veciñal do Saviñao manifesta o seu apoio aos veciños e veciñas do lugar de Torno, pertencente á parroquia de Pesqueiras, no Saviñao, os cales rexeitan a instalación dunha subestación eléctrica vinculada coa empresa de enerxía Solidaridad Solar.

Esta empresa caracterizouse dende o principio por incumprir os procedementos legais: informes de impacto ambiental, de patrimonio, etc, sempre por razón de urxencia temporal e alegando o interés xeral que a corporación lle otorgou.

Nin a empresa nin o Concello se puxeron en contacto cos veciños, que se enteraron das intencións da empresa ao ter noticia da venda do terreo en que se pretende asentar a subestación e, posteriormente, ao ver publicado no Diario Oficial de Galicia do 1 de decembro un anuncio da Consellería de Economía e Industria polo que se somete a exposición pública a petición de autorización da antedita instalación eléctrica.

Os afectados fixeron unha reclamación dirixida á Consellería de Economía e Industria na que se recollían os seguintes argumentos en contra da subestación:

Primeiramente, o perigo que supón para a saúde das persoas que viven nas proximidades, a menos de 50 m., xa que o proxecto non garda as distancias de seguridade coas vivendas. Como consecuencia indirecta deste incumprimento, alegouse que as propiedades colindantes se verán devaluadas.

Segundo: A distancia de esta instalación ás dúas estradas que a bordean non é a legalmente establecida.

En terceiro lugar, a lexislación non admite ese tipo de uso industrial en solo rústico, que é como está catalogado o terreo en cuestión.

A resposta foi que esa instalación non era nociva, xa que o nivel de emisión de radiacións electromagnéticas é o mesmo que se da en calquera casa que teña electrificación e os electrodomésticos de uso común.

Con relación ás consideracións legais, a Consellería contesta que o Concello dera o seu informe positivo e que polo tanto non había máis que dicir. A este respecto, chama a atención a denegación dun permiso para a instalación dun taller artesanal de restauración a cen metros dese solar, alegando a mesma razón que agora rexeitan, é dicir, que en solo rústico non se permiten instalacións industriais.

A asociación non admite nin as respostas da Consellería, que xustifican irregularidades e minimizan os riscos para a saúde; nin as formas con que a empresa Solidaridade Solar e o Concello do Saviñao acometeron a construcción da subestación, quenes antes de iniciar as obras deberan tratar cos veciños máis próximos ou buscar outra ubicación menos conflictiva. Manifesta, polo tanto, o seu apoio aos habitantes do lugar, que da noite á mañá ven como lles constrúen ao pé da casa unha instalación nociva, molesta e contraria á lexislación.

Maio do 2012.

A día de hoxe, esa obra non se iniciou, o que demostra que non contaban cos permisos obrigatorios. Pero ten que ser o veciño quen se impoña ás ilegalidades cometidas e amparadas.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail