RELACIÓN DE TEMPLOS E MOSTEIROS MEDIEVAIS NO MUNICIPIO DO SAVIÑAO .
A Asociación Veciñal do Saviñao , en base aos traballos de investigación de Enrique Pérez Losada , presenta unha recompilación dos antigos asentamentos relixiosos nas terras do Saviñao anteriores á Idade Moderna .
O que pretende a asociación é poñer en coñecemento a gran cantidade de templos cristiáns que poboaban estas terras na Idade Media . Este traballo divídese en dúas partes, na primeira faise mención dos templos e mosteiros situados no territorio da Ribeira Sacra deste municipio , deixando para unha segunda parte os ubicados fora das zonas de ribeira , localizados máis ó interior . Procúrase detallar os máis descoñecidos ou omitidos noutros estudos .
A intención é dirixir este traballo á Comisión de Seguemento da candidatura da Ribeira Sacra á Patrimonio da Humanidade , para que poida servir de aportación argumental na consecución desa desexada figura de interese cultural .
PARTE PRIMEIRA. TERRITORIO DO SAVIÑAO DE RIBEIRA E BOCARIBEIRA ( BIC RIBEIRA SACRA )
I . PARROQUIA DA COVA .
1. IGREXA DE SAN MARTIÑO DA COVA .
Fundada probablemente no século VI por San Martiño Dumiense e refundada en torno ó ano 760 polo abade Sénior da Orde de San Bieito .
A edificación actual , do máis clásico estilo románico rural , data de principios do século XIII , aínda que máis adiante experimentou algunhas reformas .
Crese que a parede norte da nave sufríu un derrubamento no século XVII e a súa reconstrución aproveitouse para a instalación da espadana .
Desa mesma data é unha coroa real e outros gravados de granito colocados debaixo do campanario , segundo a tradición procedentes do antigo mosteiro .
- MOSTEIRO AGOSTIÑO DE SAN MARTIÑO .
Antiquísimo mosteiro e templo , denominado San Martiño de Ripa , situado no lugar de Riocobo e asentado nunha balconada da ribeira da Cova.
Dalgúns documentos dedúcese que dende o ano 760 existía alí un mosteiro benedictino , aínda que en tempos anteriores ó século VIII debeu ser un eremitorio .
No século XIII estaba rexentado por monxes regulares agostiños e o seu prior era de designación real . No soar do mosteiro encontráronse recentemente pedras de granito decoradas da época medieval, e tamén algún utensilios, probablemente, de tempos prehistóricos.
No século XVII o mosteiro foi trasladado a unhas dependencias construídas no lateral sur da igrexa románica , onde se domiciliou o máis recente priorado da Cova . No ano 1728 foi nomeado Dignidad da catedral de Lugo co beneplácito do rei Felipe V .
O mosteiro iniciou o seu estado ruínoso no século XIX , aínda que se recordan en pé os arcos do claustro a principios do século XX .
Cabe suliñar que ó longo da historia do convento agostiño desempeñaron o cargo de priores afamadas personalidades da Igrexa e da Cultura .
- IGREXA DE SAN XOÁN .
Atopábase no lugar de Seoane , desta parroquia , segundo consta nun documento do ano 1262 . Na actualidade non se conservan restos da súa fábrica .
II . PARROQUIA DE FIÓN .
- IGREXA DE SAN LOURENZO DE FIÓN .
Igrexa románica que sufríu profundas reformas na súa nave . Só conserva a ábsida orixinaria .
Próxima á de San Martiño da Cova , estaba ligada ó mosteiro agostiño , como se deduce dunha bula de Urbano II do ano 1262 : …. Confirmo la unión de Fión a la mesa del monasterio agostino de San Martín de Ripa , tal como lo venía gozando desde tiempo inmemorial … . Da bula papal dedúcese que nos séculos anteriores existía naquel lugar un templo prerrománico .
Na igrexa actual destacan as pinturas murais do século XVI .
- IGREXA DE SAN MAMEDE DE FIÓN .
Asentada no lugar do mesmo nome , da parroquia de Fión .
Menciónase nun Inventario da Igrexa de Lugo e a súa orixe parece remontarse á Alta Idade Media .
Pervive nun outeiro o soar do seu emprazamento e algúns restos seus .
III . PARROQUIA DE SANTA MARIÑA DE ROSENDE .
- IGREXA DE SANTA MARIÑA DE ROSENDE .
A existencia desta igrexa remóntase ós primeiros tempos do cristianismo .
Menciónase no testamento maior do bispo Odoario do ano 747 e na doazón do rei Alfonso II ( ano 841) , así como en numerosas citas posteriores .
Conserva na actualidade algúns elementos constructivos prerrománicos .
Adxacente á igrexa parece que existíu un mosteiro altomedieval, xa que na documentación do bispado de Lugo figura como de orixe monacal.
- IGREXA DE SAN PEDRO DE CORVASIA .
Igrexa antiquísima fundada , ó parecer , por unha dama de orixe grega. Estaba no lateral esquerdo do camiño real Monforte – Chantada , á entrada do lugar de Corveixe ( parroquia de Santa Mariña de Rosende ) .
Menciónase no testamento maior do bispo Odoario , ano 747 , así como en varias doazóns reais de séculos posteriores.
Debeu quedar derruída a finais da Idade Media , e recentemente apareceron no terreo do seu asentamento numerosos vestixos , incluso un capitel pertencente á esta igrexa .
- SAN CRISTOVO DE CANIZOS .
No ano 916 o presbítero Leodefredo doaba ó bispo Rosendo o mosteiro e igrexa de San Cristovo de Canizos .
Segundo as nosas averiguacións , estaba situado nos límites das parroquias de Santa Mariña de Rosende e San Martiño da Cova , na veira occidental do regato Canedo , tamen chamado Romiña , nas cercanías de Pena Fión .
Non hai noticia deste mosteiro de datas posteriores, pero sabemos que entre as súas posesións había moitos viñedos no paraxe dos Canedos , da parroquia de Santa Mariña de Rosende .
- IGREXA DE SAN VITORIO DE ROSENDE .
Documentada entre os séculos XIV e XVIII nos arquivos do mosteiro de Pombeiro .
Achávase no mesmo lugar dos Canedos de Rosende , a escasa distancia do mosteiro de San Cristovo de Canizos e servía á veciñanza daquel lugar entón habitado .
As súas ruinas aparecen á carón dunha pena , úns cincoenta metros máis arriba do regato Canedo e entre os seus restos é chamativa unha peza da oxiva pertecente á fachada da igrexa .
IV . PARROQUIA DE MOURELOS .
- SAN XIAO DE MOURELOS .
Igrexa parroquial construída en parte con materiais reaproveitados da prerrománica derruída en 1925 .
No séu interior hai una pía para auga benditae una pía bautismal gravada con decorados propios do altomedievo. Ambalas dúas procedentes da igrexa prerrománica.
- IGREXA PRERROMÁNICA DE SAN XULIÁN .
Situada a uns cen metros da actual . Derrubada , como xa se dixo , en abril do 1925 . Atribúeselle unha antigüidade que podería datarse nos primeiros séculos da Idade Media .
Segundo as nosas información o séu arco triunfal era de estilo mozárabe e sustentado en impostas fincadas nos muros laterais .
Posiblemente se levantou no mesmo lugar das ruínas dun templo máis antigo , da época cristiá-romana . Consta que ó retirarse a pedra dos seus cimentos se descubríu unha lápida de granito con inscricións funerarias propias daquela época .
No soar que ocupaba hai hoxe unha adega e o cemiterio antigo .
- NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS .
Capela situada no cumio dunha lomba , a 300 metros da igrexa parroquial . Tamén foi derruída en 1925 para aproveitala na construción do templo actual .
Cítase en varios documentos eclesiásticos da Idade Moderna , aínda que a súa antigüidade poderíase remontar ó alto medioevo .
- SAN SALVADOR DE MOURELOS .
Igrexa e vila asentada nos límites das parroquias de Mourelos e Santa Mariña de Rosende . Menciónanse na escritura de doazón efectuada polo presbítero Leodefredo no 916 a favor do bispo Rosendo .
No ano 976 era titular das mesmas a semiconfesa dona Sénior , quen as doaba naquela data a favor do mosteiro de San Miguel de Diomondi .
Na actualidade poden apreciarse indícios do seu asentamento nas beiras do chamado regato da Ermida, subalfluente do Miño en terras de Mourelos .
- MOSTEIRO DE SAN PAIO .
Achábase na parroquia de Mourelos , á beira do regato San Paio , xunto ó río Miño . A súa existencia baséase na toponimia do lugar, no coñecemento dos veciños e a presenciana de algunas pegadas sobre o terreo.
Parece referirse a este mosteiro o xa citado testamento de dona Sénior polo que a súa fundación hai que situala a mediados do século X , é dicir poucos anos despois do martírio de San Pelayo, que era primo carnal da mesma dona Sénior.
- SAN MIGUEL DE PORTOTIDE .
Igrexa situada no lugar de Portotide ( parroquia de Mourelos ) , hoxe anegado polas augas do encoro dos Peares . Menciónase na doazón de dona Sénior , do ano 976 , a favor do mosteiro de San Miguel de Diomondi .
Aberta ó culto ata a construción do encoro , as súas reliquias trasladáronse á capela do lugar do Mato , habilitada para os oficios relixiosos .
V . PARROQUIA DE DIOMONDI .
- SAN PAIO DE DIOMONDI .
Igrexa románica de tipo mosteiral construída na segunda metade do século XII , baixo a advocación de san Paio en homenaxe ó niño Pelayo , martirizado no ano 925 . Desde o ano 1931 está declarada Monumento Nacional .
Antes daquela data existía no mesmo lugar a igrexa de Santo Estevo de Diomondi , documentada na doazón do bispo Hermenexildo do ano 954 . Nela faise alusión ó seu fundador , o bispo Odoario , así como á súa estancia e falecemento en Diomondi a finais do século VIII .
A igrexa románica actual destaca pola maxestade da súa traza , aínda que o seu remate non se corresponde co proxecto inicial . Neste senso é
significativa a ausencia de canzorros nos abeiros da nave e a sobriedade do alzado superior da fachada .
Cara ó século XVII rebaixouse o alzado do lateral sur da nave e , en consecuencia , mutiláronse os arcos que unían os contrafortes e o xadrezado do paramento exterior .
Crese que esta desafortunada actuación pretendía liberar o vertido das augas do tellado . Pola contra , o lateral norte oculto polo edificio civil , mantén na actualidade a altura e paramento orixinais . Probablemente estas obras , e a construción da espadana , se realizaron ó mesmo tempo . A elevación do solado da igrexa parece feito de cando se construíu a sancristía actual.
- O PAZO BISPAL .
Edificación de orixe medieval adosada ó lateral norte da igrexa románica de San Paio de Diomondi .
As súas primitivas dependencias acolleron a vida conventual do mosteiro de Domini Gemondi no alto medievo , e dende Odoario serviron de residencia temporal e administrativa dos bispos de Lugo .
Nas dúas torres que conforman o pazo bispal son chamativas dúas grosas columnas de granito , unha delas conserva un curioso capitel adornado con arquiños de ferradura de aspecto mozárabe . As súas basas son de tipo ático , probablementel da época do románico .
De datas anteriores , quizais dos primeiros tempos do mosteiro , son unhas rústicas escaleiras que daban acceso ó mesmo dende o patio do claustro . Na actualidade están ocultos baixo doutras escaleiras construídas en datas moi posteriores .
Ademais , é significativa a presenza do escudo dos Aguiares na fachada traseira da torre principal , posta en homenaxe do bispo de Lugo Pedro López de Aguiar , o que sitúa a antigüidade do actual pazo cara ó ano 1370 .
Anteriormente a esa data , un documento de Oseira do ano 1247 referido a Diomondi , fala da “…. vice sedis – bispal – in Savinhao “ .
- MOSTEIRO E ORATORIO DE SAN MIGUEL DE DIOMONDI .
Mosteiro de monxas fundado antes do ano 950 pola semiconfesa dona Sénior . Parece confirmar esta data un documento do Tumbo de Celanova suscrito o 21 de xuño do ano 955. Suponse asentado no contorno da igrexa e do pazo bispal de Diomondi , posiblemente no lugar das Cortes .
No ano 976 dona Sénior fixo testamento de todos os seus bens para o sustento e perpetuación do mosteiro de San Miguel , no que incluía unha relación das súas posesións : igrexas , mosteiros e vilas , así como as doazóns da súa familia para a fundación do mosteiro . Inclusive as recibidas do seu irmán Vimarani e do seu tío Hermoxio, ambos bispos de Tui .
Da lectura do testamento dedúcese que era un mosteiro promovido polas familias de dona Sénior e de san Rosendo e vinculado ó bispado de Tui .
Segundo parece , desapareceu a principios do século XI e os seus bens recaeron no mosteiro de Celanova e máis tarde na Igrexa de Lugo. As reliquias de San Miguel pasaron á igrexa parroquial de Diomondi .
- CAPELA DE SANTA CATALINA .
Menciónase nun documento eclesiástico do ano 1543 . Situada cerca do lugar de Ver , de Diomondi . Os restos aproveitounos a veciñanza para a construción dun alpendre , e as súas reliquias trasladáronse á parroquial de San Paio hai moitos anos .
- CAPELA DE SAN COSMEDE .
Situada no lugar de Piñeiro ( parroquia de Diomondi ) , menciónase en varios documentos dos séculos XV e XVI , aínda que a súa orixe parece moi anterior .
Na actualidade consérvanse algúns vestixios da capela , como unha pía de pedra para a auga bendita e un fragmento de granito dun sartego antropoide , probablemente do seu fundador .
- MOSTEIRO E HOSPITAL DE SAN PEDRO .
Nos últimos séculos da Baixa Idade Media existía a carón da ponte de Belesar un mosteiro-hospital fundado , ó parecer , en tempos de Alfonso VII .
Un documento do foro do ano 1602 menciona naquel lugar a Orde de Belesar , sen dúbida a comunidade de relixiosos de dito mosteiro . Noutro documento do ano 1690 , obrante no Arquivo Nacional , dise que naquela data estaba en estado ruinoso .
Segundo as nosas averiguacións , estaba emprazado na beira da ponte de Belesar , no concello do Saviñao . Algúns veciños aínda recordan en pé a parede máis próxima á ponte , derrubada ó construirse o encoro dos Peares . Tamén se destruíron varias sepulturas do cemiterio do mosteiro , e algunhas das súas laudas con gravados da época xacen alí afondadas .
Nas ribeiras do Belesar da marxe esquerda do Miño aínda permanecen os topónimos a viña dos Frades e a adega da Orde .
- CAPELA DE SANTA LUCÍA .
Nun documento do foro do ano 1695 faise alusión á capela de Santa Lucía .
Os veciños coñecen o lugar do seu emprazamento , ó carón duns viñedos situados ó nacente de Belesar . Tan só perdurou o topónimo , presúmese a súa fundación na Alta Idade Media .
- SAN PEDRO DE BESTEIROS .
Parroquial limítrofe e vinculada á de San Paio de Diomondi , que a partir do ano 1890 quedou plenamente integrada na parroquia de Diomondi .
Parece referirse a ambas igrexas a escritura de doazón do bispo Hermenexildo do ano 954 , cando afirma que en el lugar de Diomondi estaban fundadas dos basílicas con los nombres de San Pedro y de San Esteban .
Posteriormente faise mención da igrexa e do lugar de Besteiros no ano 1247 e noutros documentos eclesiásticos . No século XVIII quedou en estado ruinoso e actualmente tan só permanece a planta ó descuberto e algunha das sepulturas do cemiterio .
- NOSA SEÑORA DE MONTECELO .
Dende tempos da Idade Media , existía no lugar de Montecelo unha capela na marxe do camiño real Monforte – Chantada , que en antigos documentos figura coa advocación de Nosa Señora da Virxe do Camiño .
Na primeira metade do século XVIII foi derruída ó construírse no seu lugar unha igrexa , pertencente naquelas datas á parroquia de San Pedro de Besteiros . Nela oficíabanse as misas parroquiais debido o estado ruínoso da igrexa matríz .
Hoxe pertence a San Paio de Diomondi , e dela só permanecen en pé os arcos da nave e parte das súas paredes .
Consérvase aínda un cruceiro con peto das ánimas incorporado e os restos do seu cemiterio .
- CAPELA DE SAN ANTÓN DE BEXÁN .
Situada no lugar de Bexán , pertencente noutro tempo á parroquia de San Pedro de Besteiros e na actualidade á de San Paio de Diomondi , considérase construída no século XVII , pero probablemente as súas orixes sexan moi anteriores . Levantábase ó bordo dun camiño secundario que daba acceso ós chamados Codos de Diomondi , e a úns metros da capela consérvase o topónimo do Hospital de Bexán .
- IGREXA DE SAN MAMEDE DE BUXÁN .
Os restos da igrexa de San Mamede atópanse na ribeira do Miño , concretamente debaixo do lugar de Galegos , hoxe pertencente á parroquia de Diomondi .
A finais da Idade Media era a igrexa matriz do chamado Couto de Buxán , naquel tempo propiedade do mosteiro cisterciense de Castro de Rei de Lemos , dependente de Oseira .
É probable que con anterioridade fose un eremitorio construído nun paraxe habitado dende a prehistoria , como pode acreditarse polos numerosos vestixios achados no seu contorno .
No século XVIII a igrexa era unha ruína e o bispo de Lugo Sáez de Buruaga ordenou no ano 1764 o seu derrubamento . Na actualidade quedan sobre o terreo os cimentos da igrexa e das casas do lugar .
- PARROQUIA DE SANTIAGO DE LOUREDO .
- “ SANCTI IACOBI IN LAURETO “ .
Igrexa e mosteiro fundados no ano 760 polo abade Sénior , repoboador da mais tarde denominada Ribeira Sacra . Corresponde ó actual Santiago de Louredo , que estende o seu límite parroquial ata o río Miño . Recibíu ó longo da súa dilatada historia numerosas reformas , mais conserva na actualidade notables vestixios .
Afírmase a existencia no seu interior de sepulturas antropoides . Sobre unha delas parece repousar unha lauda de granito na que figura labrada unha aguia despregada e picoteando un acio de uvas.
Destaca a parte exterior da ábsida , que parece levantada sobre a estrutura do muro primixenio .
- SAN PEDRO DE CELA , IGREXA E MOSTEIRO .
Os restos da igrexa románica de San Pedro de Cela localízanse entre o lugar de Buxán e o río Miño , nos términos da actual parroquia de Louredo . Na actualidade consérvase unha boa parte da ábsida e do presbiterio , pero a nave e a cuberta foron reconstruídas como adega hai úns anos .
Na Alta Idade Media debeu existir nese lugar unha capela ou un eremitorio e tense noticia dalgúns sepulcros antropoides , ún deles adornado coa lauda de estola , permanece no adro da igrexa .
A mediados do século XV figura documentalmente como mosteiro de sete monxes e granxa de seis vasalos , pertencentes ó Couto de Buxán , que dependía naquela época do mosteiro cisterciense de Castro de Rei de Lemos .
No século XVIII debeu quedar abandonado o templo e o mosteiro xa que as súas reliquias quedaron depositadas na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño .
VII. PARROQUIA DE SANTO ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO .
29. SANTO ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO .
Igrexa románica de tipo mosteiral construída a comezos do século XIII e asentada na ribeira baixa do Miño , en terras do Saviñao . Desde 1931 ostenta a categoría de Monumento Nacional .
De data moi anterior é a igrexa de Sancto Stephano , que a semiconfesa dona Senior doa no ano 976 ó mosteiro de San Miguel de Diomondi . Pouco tempo despois pasou ó mosteiro de Celanova e desde o século XI a súa titularidade é da Igrexa de Lugo , xa que nesta data aparece inventariada como Sancto Stephano in ripa Minei …. in Savinianos .
A mediados do século XVIII o abade Agustín Montenegro realizou importantes melloras na igrexa románica que afectaron ó adro e ós arcos do templo , envidrado do rosetón , sancristía e arbotantes da ábsida .
- O MOSTEIRO DE RIBAS DE MIÑO .
Por tradición popular sábese que xunto á igrexa de Santo Estevo existía en tempos antigos o chamado Mosteiro de Ronfiz , probablemente fundado por monxes da Orde de San Bieito . Máis tarde , en séculos anteriores á costrución da igrexa románica , menciónase documentalmente o mosteiro e a igrexa de Sancti Stephani como pertencentes á Igrexa de Lugo . Aínda que o templo románico foi concibido para mosteiro , non chegaron a construírse as dependencias para a vida conventual .
A partir do século XIII os titulares do mosteiro eran os membros dun padroado laical instituído mediante privilexio real . Aqueles copartícipes gozaban do dereito de presentación de abades do mosteiro de Santo Estevo .
Durante a Baixa Idade Media os abades residían nunha casa rural situada fronte ó lateral sur da igrexa románica e posteriormente trasladáronse á chamada Casa da Abadía .
- A CASA DA ABADÍA .
Nun promontorio da ribeira do Miño , a úns seiscentos metros do templo románico , atópase un complexo edificativo coñecido como A Casa da Abadía . Na actualidade as súas dependencias foron remodeladas para unha mansión privada , aínda que mantén a estrutura arquitectónica doutrora .
Entre as súas instalacións destacan unha vetusta solaina , á que se accede dende o patio do claustro , así como a capela , que ostenta o escudo dos Montenegro .
Existen indícios de que o asento abacial foi nas súas orixes un castro e , máis tarde , un eremitorio .
Un inventario da Igrexa de Lugo do século XI parece referirse a un mosteiro , cando inclúe nos seus bens a Vila de Touram , actual lugar de Toural , situado ó lado do recinto . De esta época puidera datar un habitáculo do claustro , cicais un antigo oratorio .
Nos primeiros séculos da Idade Moderna eran titulares da Casa da Abadía o bispado de Lugo e o padroado laical do mosteiro de Santo Estevo. De esta época era unha capela derruida a comezos do século XVIII . Na actualidade tan só quedan en pé os muros do peche , os accesos ó adro e vestixios do cemiterio .
A finais do século XVII vivían na Casa da Abadía , dunha forma máis ou menos continuada , algúns abades do mosteiro de Santo Estevo , ata que en 1720 o bispado lucense autorizou a residencia oficial dos seus abades naquelas dependencias . De esta data é a actual capela da Ascensión .
Ó suprimirse o mosteiro no 1850 , a Casa da Abadía permaneceu como reitoral do curato de Santo Estevo de Ribas de Miño , ata que en 1940 quedou vacante e en estado ruinoso .
VIII . PARROQUIA DE REBORDAOS .
- SANTA EULALIA DE REBORDAOS .
Parroquia situada nas proximidades da ribeira do Miño , ó leste da presa de Belesar .
Menciónase á freguesía de Santa Eulalia en tempos antigos , cando no ano 916 o rei Ordoño II fixo doazón da metade das súas familias e bens a favor da Igrexa Mindoniense ( San Martiño de Mondoñedo ) . No século X o mosteiro de Samos era tamén titular de importantes posesións nesta parroquia , quizá a outra metade dos bens doados por Ordoño II .
Na actualidade a igrexa mostra na súa edificación as notorias reformas practicadas no século XVIII .
A úns 600 metros ó leste de Santa Eulalia áchase o lugar e a torre medieval da Candaira , probablemente asentada no contorno dun primitivo eremitorio e dunha capela adicada á Virxe da Candelaria .
IX . PARROQUIA DE SAN VITOIRO DE RIBAS DE MIÑO .
- SAN VITOIRO DE RIBAS DE MIÑO .
Parroquia limítrofe coa de Santo Estevo de Ribas de Miño, extendéndose ámbalas dúas por unha longa franxa da ribeira do Miño.
A igrexa de San Viotoiro é románica de orixe cenobial, e os seus antecedentes remóntanse ó ano 969, cando o abade Veremundo Páez fundou o mosteiro primixenio . Crese que nos primeiros tempos albergou un convento de monxas.
Menciónase tamén a abadía e a súa igrexa en varios documentos anteriores á construción do templo románico no século XII, e sábese que despois desa data a abadía posuía importantes béns que eran administrados por un padroado laical .
A uns centos de metros, e nun lugar máis próximo á ribeira do Miño, atópase o santuario de Guadalupe , capela de estilo indiano construída no século XVIII .
- SAN XOÁN DE PORTO .
Capela situada na beira do Miño , xunto á desembocadura do río Sardiñeira . Na actualidade anegada polas augas do encoro de Belesar .
A súa antigüidade remóntase , polo menos , ó século X , xa que no ano 916 o rei Ordoño II doaba á Sede Dumiense de Mondoñedo as familias e lugares pertecentes á San Xoán de Ribas de Miño .
35 . CAPELA DE LAGARES .
Situada no lugar do mesmo nome , a pouco máis de un quilómetro ó sur da capela de San Xoán de Porto . Na actualidade están deshabitadas e derruídas a igrexa e as casas de Lagares e as do lugar de A Videira , preto da mesma .
Hai uns anos atopáronse entre aquelas ruínas unha imaxe de santo Antón tallada en madeira e datada no século XIV , polo tanto cabe pensar que estaba adicada a esta advocación .
Non se coñece documentación escrita acerca desta capela , aínda que parece referirse a ela o Catastro del Marqués de la Ensenada.
En Escairón , a 13 de xaneiro do 2016 .
mapa parroquias. mapa romanico A Cova , Fion e Santa Mariña. mapa romanico Mourelos.
mapa romanico Diomondi e Louredo. mapa romanico Santo Estevo Ribas de Minho. mapa romanico S. Vitorio-Rebordaos.