PÍDESE A CREACIÓN DUNHA ORDENANZA MUNICIPAL QUE PROHIBA A PRANTACIÓN DE ÁRBORES PIRÓFITAS NO MUNICIPIO.

Neste 10 de decembro rexistramos no Concello e entregamos ao partido da oposición esta petición para que a valore nunha sesión plenaria como unha medida preventiva básica para evitar incendios como o que afectou aos municipios de Pantón e Sober neste pasado verán, onde estas especies tiveron moito que ver na orixe e na rápida extensión dos incendios que chegaron a queimar vivendas.
A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no rexistro provincial de asociacións, e co nº 14 no rexistro municipal, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor diríxese á Alcaldía do Saviñao co fin de solicitar a adopción dunha ORDENANZA que prohíba a plantación de árbores pirófitas no territorio municipal.
Despois de que este verán quedara patente o poder devastador dos lumes na nosa xeografía, e vistas as dificultades para frealo nun territorio plagado de piñeirais, e tendo en conta que estos fenómenos vanse repetir cada vez con máis frecuencia, debido á emerxencia climática que estamos a vivir, son horas de que dende todas as institucións se adopten urxentemente medidas preventivas para mitigar esta ameaza real que acaba arruinando á poboación e afondando no despoboamento da nosa área.
Por estes motivos, SOLICITAMOS ao noso goberno municipal a creación dunha ORDENANZA na que se prohíba a plantación de árbores pirófitas, as cales imposibilitan a extinción dos incendios e aceleran a extensión dos mesmos. Referímonos, concretamente, ao eucalipto, árbore extremadamente inflamable, e ao piñeiro, que coa metralla expansora das súas piñas convértese nun perigosísimo combustible.
Na procura de que se aborde este tema coa seriedade e responsabilidade que merece, e coa intención de previr outra catástrofe incendiaria na nosa poboación, despídese atentamente de Vde. a presidenta da asociación.
Escairón, a 10 de decembro do 2025.
facebooktwittergoogle_pluspinterestmail