Petroglifos no dolmen ou refuxio da Leira Rapada
Na data do 25 de febreiro do 2014 na sección de Lemos da Voz de Galicia publicábase a sorprendente nova da aparición dun dolmen próximo ó castro da Leira Rapada, moi próximo a Vilatán. Ademais afirmába a existencia dun petroglifo na súa tapa consistente nunha cazoleta e dous circulos concéntricos. Quen puxo en coñecemento este achado foi o arqueólogo monfortino Iván Álvarez Meraio, tamén presentou a ficha en Patrimonio para a súa catalogación.
Parece que a natureza e o azar querían compensar a recente malanova sofrida coa caída da Nogueira de Licín coa boa nova deste entusiasta achádego.
Así nas datas do 27 e 28 do mesmo mes, membros da asociación acoden a observar e valorar o monumento. A apariencia é a de un dolmen que en lugar de ortostatos usa dúas grandes penas naturais para servir de base da tapa, que sí parece colocada polo home. Ben é certo que podería tratarse dun refuxio humano, sen o sentido funerario, o que terán que dirimir os arqueólogos logo das catas pertinentes.
Pero as sorpresas aínda estaban por chegar, e cando concentraron a atención no petroglifo da tapa, viron que non era un só, senón dous grandes círculos con seis e cinco voltas respectivamente e cruzados por unha liña que parte da cazoleta central. Cando coas mans apartaron cuidadosamente o manto de musgo que cobría boa parte da tapa, a ledicia foi aínda mayor: son catro os petroglifos da tapa. Unha doada peza.
A ubicación é idónea, pois está na ladeira que dende o castro da Leira Rapada descende ata o río que discorre fondo e a separa das abas do castro de Felón. Hai que dicir que a pedra está moi gastada e os sulcos son pouco fondos, polo que a incidencia da luz ideal para velos é pola tardiña.
Esta é unha nova de gran repercusión, pois ata agora só se descubriran moi recentemente petroglifos de cazoleta nas proximidades de Escairón pero non se publicou nada pois aínda se está na fase de confirmación. Recordamos que so se coñecia a existencia de petroglifos en Sober e algún moi escaso en Pantón. Agora cabe esperar o traballo dos arqueólogos antes de sinalizalo e poñelo en valor como patrimonio da nosa colectividade.
En datas posteriores descóbrese un quinto círculo, o que dá unha idea da dificultde da súa visión. Tamen aparece moi próxima ó dolmen unha rocha coa cabeza esculpida dun animal ( serpe?, can?,.. ).