DENUNCIA DE MALAS PRACTICAS E IRREGULARIDADES DA EMPRESA DE TRASPORTE MONBÚS.

A Asociación Veciñal do Saviñao está recibindo numerosas queixas da veciñanza sobre o comportamento da empresa de transportes Monbus.

Para empezar, os horarios de paso polas paradas intermedias que figuran na web son incorrectos. Por exemplo, o autobús que sae de Monforte ás 18:30 ten previsto o paso por Escairón ás 18:55. Despois de perder o autobús, por ir á parada ás 18:45, na empresa contestáronlle a unha viaxeira que os horarios intermedios eran orientativos, e que había que estar na parada 15 minutos antes do que aparece na páxina da empresa. Aínda que esa viaxeira solicitou que cambiasen os horarios na web, non se molestaron en facelo.

Ademais, nos últimos meses as persoas usuarias do autobús vémonos obrigadas a viaxar de pé, pero non uns poucos quilómetros ou en situación excepcionais, senón de maneira frecuente e durante traxectos longos, de máis de media hora, ata chegar a unha estación de autobuses.

Nunha ocasión, incluso lle impediron subir a un viaxeiro por levar maleta. Despois dunha reclamación perante a empresa, a resposta foi que a maleta excedía dos 30 quilogramos que están permitidos. Non obstante, a persoa afectada afirma que non comprobaron o peso da equipaxe. Simplemente, o condutor fixo unha chamada telefónica e dixo que non podía subir se levaba maleta.

Recordamos que as liñas de autobuses interurbanos son concesións suxeitas a normas, como cumprir uns horarios, garantir a seguridade da pasaxe e ofrecer praza a todas as persoas que queren viaxar, aínda que haxa que habilitar outro vehículo. Pero, como se pode observar a partir destes exemplos, e das constantes queixas que están aparecendo nos medios de comunicación, Monbus non cumpre coas súas obrigas.

Unha vez máis, a poboación do rural é a vítima dunha política institucional que ignora as nosas necesidades léxitimas para favorecer as ganancias do sector privado. Desde a nosa Asociación esixímoslles ás autoridades que interveñan neste conflito, pois o transporte público é un dereito que está por riba dos intereses económicos dunha empresa.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail