PROPOSTA PARA A COMPRA POR PARTE DO CONCELLO DO EDIFICIO DOS ANTIGOS SINDICATOS DE ESCAIRÓN.
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao e á Corporación Municipal coa intención de solicitar a adquisición da Casa Sindical da rúa Mendez Nuñez.
A Consellería de Medio Rural é a titular do edificio actualmente valorado nuns 60.000 €, moi lonxe da cifra que pedía hai uns anos ( 240.000 €), é pois un bó momento para prantexarse a compra xa que o Concello presenta na actualidade un superavit económico, polo que esta cifra é perfectamente asumible para as arcas municipais.
O edificio dos antigos sindicatos, actualmente propiedade da Consellería de Medio Rural, é unha construción de cantería de principios do século XX, ubicado nas proximidades da Devesa de Escairón, co que a súa adquisición por parte do Concello garantiría que nese solar non se constrúa en altura, aportando consenso urbanístico a esa zona de ocio.
Dita construción está catalogada como patrimonio civil no PXOUM coa ficha AC-212 e a súa adquisición incrementaría o patrimonio municipal.
SOLICÍTASE Ó CONCELLO A REPOSICIÓN DE TRES CARBALLOS NA DEVESA DE ESCAIRÓN
Como vimos facendo todos os anos dende a data de formación da asociación, no 2009, propoñemos que cada ano se repoñan no espacio natural da Devesa aquelas pezas que causan baixa ou estén ameazadas de desaparición. Consideramos que esta é a mellor maneira de garantir a supervivencia e perdurabilidade deste recoñecido e querido patrimonio natural. Ata agora esta petición sempre foi atendida con bó criterio pola Alcaldía, excepto no ano pasado no que non se levou a cabo plantación algunha.
No presente ano consideramos que deben ser plantadas 3 pezas de carballo, ubicadas, tal e como adxuntamos no plano, nos lugares que de seguido xustificamos:
– Na zona baixa da Devesa, próxima a un deteriorado salgueiro que quizais non teña moito futuro, polo que se busca a sustitución. Neste mesmo punto foran plantados dous carballos hai dous anos, que por desgraza fracasaron. Cremos que coa plantación dun só sería suficiente para garantir a liña da plantación.
– Na zona alta da Devesa, detrás do xulgado de paz e ó carón dun carballo que leva anos amosando sinais de morte lenta, polo que conven ir anticipando a reposición. Alí tamén se plantara hai tres anos unha peza que fracasara. Consideramos que hai unha boa claridade e insolación para garantir o desenvolvemento.
– Nas proximidades do carballo fracturado polo tronco este pasado ano, coa finalidade de repoñelo. Hai que buscar o punto idóneo de iluminación que permitan as copas dos carballos veciños.
Por estas razóns
SOLICÍTASE :
Se leve a cabo no presente mes de febreiro a plantación destes tres carballos que virán a repoñer outras tantas pezas, buscando o obxetivo de conservar e manter a Devesa nas mellores condicións posibles.
Asemesmo vemos necesaria unha poda de saneamento das polas mortas do conxunto da Devesa, en especial das pezas máis lonxevas que, debido a súa antiguidade, debería ser feita por persoal especializado, e cun adecuado selado das feridas.
Na procura de retomar esta atención anual e de trasmitir ás xeneracións vindeiras este patrimonio natural no mellor estado posible, tal e como fixeran os nosos antepasados, e por ser A Devesa un símbolo da nosa sociedade, esperamos da Alcaldía esta actuación.
En Escairón, a 3 de febreiro de 2020
OS FRECUENTES CORTES DE LUZ ESTAN A PROVOCAR IMPORTANTES PERDAS ECONÓMICAS EN ESCAIRÓN.
Na pasada semana iniciábase a campaña de vacunación antigripal, pero en Escairón tivo que aprazarse, o motivo: as vacunas perderon a cadea do frío debido a un corte de luz e derramáronse.
Pero este feito non é puntual, é case que diario e cotiá, e xa leva tempo provocando que no centro de saúde se perdan vacunas, algunhas de mais de 100 € por unidade que supuxeron miles de euros, xa que cando se vai a luz non hai ninguén do Concello ( que é o responsable do ambulatorio ) que acuda a levantar o diferencial.
Pero a orixe do problema radica nos frecuentes cortes de luz que sofre Escairón, e que hai tres anos xa foran denunciados e demandada solución pola Asociación de Comerciantes de Escairón, e hai dous anos pola asociación veciñal. Reclamábase que a Alcaldía se dirixira diante da empresa eléctrina Energy para acelerar a solución a esta problemática. Parece que non houbo iniciativa algunha por parte do governo municipal, e a día de hoxe continúanse ocasionado importantes perdas económicas, non só nos comercios e particulares , senón tamén nos servizos públicos.
Dende a asociación demándase iniciativa por parte do equipo de governo para que o servizo de electricidade cumpra as mínimas garantías e deixe de provocar custos engadidos. É unha gran paradoxa que se exporte enerxía eléctrica xenerada no territorio e no mesmo haxa graves carencias na calidade da mesma.
COMENZAN AS OBRAS DO CENTRO DE SAÚDE: NACE AUGA. AS ADVERTENCIAS FORON DESOIDAS.
Neste mes deu inicio a construcción do novo centro de saúde de Escairón e ó pouco de profundizar para a cimentación tiveron que parar a obra por aparición de auga, feito do que xa advertíramos en multiples ocasións ás distintas administracións. É mais que probable que este feito encareza o custo da obra, e quizais esixa a reconsideración técnica da mesma. Porén a Asociación Veciñal do Saviñao denuncia a incompetencia e os despropositos nas actuacións das distintas administracións implicadas nesta obra.
ANTECEDENTES :
Con data do 21 de abril do 2016 o Pleno municipal toma o acordo de iniciar os trámites para facilitar a construcción do edificio sanitario na zona verde e dotacional deportiva da Lama de Escairón. Daquela a asociación dirixira queixa razonada ó Concello para o rexeitamento desta decision. Como non houbo rectificación procedeuse a recollida de firmas dos veciños contra a ubicación elexida, entregadas no Concello e enviadas á Consellería de Sanidade un total de 578 no 5 de setembro.
Con data 18 de maio diriximos escrito á Consellería de Sanidade, e no 16 de xullo remitímosnos ao propio presidente da Xunta, acompanando unha petición razonada e argumentada da reconsideración desta obra. Entre os argumentos esgrimidos, ademais da agresión urbanística, alertábamos do inapropiado do lugar elexido por canto alí nace auga continuamente e de feito está no leito do río Pesqueiras.
A resposta veu da Directora de Recursos económicos da Xunta o 19 de setembro e, nun alarde de técnica professional, afirmase que existen medios técnicos máis que suficientes para solventar ese obstáculo. Hoxe compróbase como o advertido cúmprese xa que ó pouco de perforar e tras unha tempada na que non houbo precipitacións, mana auga en grandes cantidades, co que o problema vai ser grave e crónico.
Tamen o 17 de xuño solicitamos acreditación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil de si os terreos onde se proxectaba a obra estaban nos límites de protección das augas. Como concecuencia abríuse un expediente, pero ignoramos cal foi a súa resolución ou si hai unha resolución expresa para a realización de ditas obras.
SOLICÍTASE Á DEPUTACIÓN TAREFAS INMEDIATAS DE CONSERVACIÓN DAS ESTRADAS DA SÚA TITULARIDADE NO SAVIÑAO.
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Delegación de Vías e Obras Públicas da Área de Xestión Territorial da Deputación de Lugo , para solicitar labouras de mantemento en certas estradas do territorio do Saviñao da rede viaria da Deputación.
O deterioro das estradas de calesquera responsabilidade ( municipal, autonómica ou provincial ) no territorio do Concello do Saviñao é xeneralizado, pero no caso das estradas que a continuación relacionamos trátase dunha situación de urxente emerxencia, xa que estan impracticables e con alto risco de siniestrabilidade debido as profundas fochancas e a perda da capa de rodadura.
As vías de comunicación son o elemento indispensable para manter poboación, pois evitan o aillamento das xentes, que é o que leva á emigración e ó éxodo, ó abandono dos lugares e aldeas, en definitiva á desaparición da vida rural.
SOLICÍTASE A REPOSICIÓN DAS SINAIS IDENTIFICATIVAS DAS POBOACIÓNS
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía do Saviñao co fin de trasmitir unha queixa veciñal polo mal estado da sinalización dos lugares.
No seno da asociación recibíronse queixas polo mal estado da sinalización vertical que nomina aos lugares e aldeas nas estradas de todo o territorio municipal. Despois da última sinalización conseguida a través dun plan Leader hai mais de 12 anos, compróbase como moitas sinais foron tiradas polos tractores de limpeza das cunetas ou mesmo polo gando, e fican no chan, inclinadas ou apoiadas nunha parede. Adxúntanse fotos dalgunhas a modo de exemplo.
Consideramos esta sinalización como imprescindible para dar localización e ubicación a todas as poboacións do municipio, como tamen recoñecemos que no seo momento foi amplia e exaustiva, e aportou uniformidade e nomeou ó conxunto do territorio. Por elo rexistramos no Concello solicitude de reposición e fixación das sinais que foron movidas e nos mesmos puntos onde se atopan, así como a súa limpeza, e cos mesmos elementos orixinais que, debido a súa solidez e consistencia, permiten ser reutilizadas sin que elo supoña unha gran inversión nin custo, só vontade para facelo
O que se fai en Escairón a 11 de marzo do 2019.
O FUTURO DO RIO PESQUEIRAS, RESPONSABILIDADE DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA. PREGUNTÁMOSLLE POLO PLAN DE REXENERACIÓN.
Unha vez tracorridos mais de oito meses dende a posta en funcionamento da nova depuradora da empresa CELEGA, é o momento de evaluar a eficacia da mesma e de comezar a ver sinais de resurximento da vida biolóxica no cauce deste río tan maltratado.
Correspondelle a responsabilidade da rexeneración das augas á Confederación Hidrográfica Miño-Sil ( CHMS ), tal é como fora aprobado na Proposición Non de Lei ( PNL ) no Congreso dos Deputados no 15 de decembro do 2017. É pois o momento de coñecer o estado analítico das augas e o plan de rexeneración previsto pola CHMS, polo que a asociación na data do 8 de febreiro do 2019 rexistra pregunta dirixida ó Presidente da CHMS, e ó mesmo tempo veciño do Saviñao, Jose Antonio Quiroga Díaz. Esperemos unha pronta e resolutiva resposta para confirmar dunha vez por todas a rexeneración da vida no Pesqueiras.
Pregunta á CHMS polo presente-futuro do rio Pesqueiras
PETICIÓN AOS PARTIDOS POLÍTICOS DA CREACIÓN DUNHA ORDENANZA MUNICIPAL QUE PROHIBA A PLANTACIÓN DO EUCALIPTO.
A Asociación Veciñal do Saviñao diríxese á Alcaldía e aos tres partidos políticos que configuran a Corporación Municipal, coa intención de solicitar a creación dunha ordenanza municipal que prohiba a plantación do eucalipto no territorio municipal.
Dado que se están observando pequenas plantacións recentes de eucaliptos en distintos lugares do municipio, pese á existencia dun decreto da Xunta de Galicia de decembro do 2016, no que se prohibe a plantación desta especie na área forestal VIII, á que pertencemos, dende a nosa Asociación consideramos que o Concello debe esixir o cumprimento do decreto e velar polos intereses do conxunto da veciñanza fronte aos intereses económicos individuais.
O rexeitamento da plantación de eucalipto no noso municipio obedece ás seguintes razóns:
A Asociacion Veciñal solicita a integración na Plataforma polo ferrocarril de Lemos.
Con data do 7 de decembro do presente ano, acordouse na asamblea da asociación solicitar a incorporación á Plataforma.
Considerando a ubicación estratéxica de Monforte de Lemos na rede de ferrocarril da comunidade, non entendemos como non se potencia o tren de cercanías de viaxeiros, moito máis económico, seguro e ecolóxico que o trasporte por estrada. Asemesmo débese aproveitar o trazado do Eixe Atlántico para mercadorías, dándolle sentido e proveito ó inutilizado Porto Seco de Monforte.
Dende a asociación solidarizámonos coa Plataforma por canto, como veciños da comarca, precisamos dunha rede de trens fluída e práctica para garantir a comunicación co resto da provincia e da comunidade, e para facilitar a distribución de todo canto se produze na nos aterra.
En Escairón, ( O Saviñao ) a 28 de decembro do 2018.
DE NOVO AMEAZAN CON DERIVAR A AUTOVÍA DE MONFORTE A OURENSE POLO SAVIÑAO E CHANTADA.
De novo planea a ameaza de derivar esta autovía polo noso concello, o que nos obriga a responder cos argumentos que xa emitíramos no 2014. Hai interese mostrado polos alcaldes de O Barco e de Monforte en derivala pola estrada entre Monforte e Chantada, ou o que é o mesmo, derivar a A-76 polo traxecto da proxectada A-72, despois de acodir unilateralmente ó Ministerio de Fomento. A esa proposta xa se opuxeron os concellos de Pantón e Sober, así como algunhas das asociacións veciñais de Monforte., como tamén se posicionaron a favor o alcalde de Chantada e o presidente dos empresarios chantadinos.Esta é a nosa postura e parecer:
A Asociación Veciñal do Saviñao, despois de analizar o publicado nestes días referente ao trazado da autovía A-76, diríxese aos medios de comunicación comarcais para trasmitir o sentir veciñal de rexeite frontal á incoerente proposta do Alcalde de Monforte ante o Ministerio de Fomento de derivar o recorrido entre Monforte e Ourense polos municipios do Saviñao e Chantada, tal e como recollía o descartado proxecto da A-72.
En setembro do 2014 a nosa asociación xa trasmitira ó Ministerio de Fomento os argumentos polos que nos opoñíamos a esa innecesaria e cara obra pública.
Coa presente nota de prensa queremos manifestar os motivos do rexeite a esta improvisada e non consensuada proposta: