A Asociacion Veciñal solicita a integración na Plataforma polo ferrocarril de Lemos.

A Asociación Veciñal do Saviñao, diríxese á Plataforma na Defensa do Ferrocarril Público da comarca de Lemos, coa finalidade de integrarse en dita plataforma e colaborar na medida do posible na potenciación e mellora deste trasporte na comarca á que pertencemos.
Con data do 7 de decembro do presente ano, acordouse na asamblea da asociación solicitar a incorporación á Plataforma.
Considerando a ubicación estratéxica de Monforte de Lemos na rede de ferrocarril da comunidade, non entendemos como non se potencia o tren de cercanías de viaxeiros, moito máis económico, seguro e ecolóxico que o trasporte por estrada. Asemesmo débese aproveitar o trazado do Eixe Atlántico para mercadorías, dándolle sentido e proveito ó inutilizado Porto Seco de Monforte.
Dende a asociación solidarizámonos coa Plataforma por canto, como veciños da comarca, precisamos dunha rede de trens fluída e práctica para garantir a comunicación co resto da provincia e da comunidade, e para facilitar a distribución de todo canto se produze na nos aterra.
En Escairón, ( O Saviñao ) a 28 de decembro do 2018.
facebooktwittergoogle_pluspinterestmail