A ASOCIACIÓN VECIÑAL COLABORA ECOMICAMENTE PARA QUE NURIA LÓPEZ COMPRE UNHA CADEIRA DE RODAS COMPETITIVA.

A atleta máis premiada do Saviñao corre nunha cadeira de rodas. Nuria López vive, traballa e entrena na casa familiar de Licín, sen axudas nin apoio da federación de atletismo, a pesar de ter gañado 30 campionatos de España e outros títulos en copas do mundo, como a de París, na que conseguiu tres podios hai uns meses. Nesta competición, segundo nos contou ela mesma, os medios de comunicación dicían: “Gañou a atleta española”, pero en realidade Nuria non representaba a España, senón que foi a título persoal porque non fora seleccionada pola federación. Isto significa que ademais ten que pagar ela os desprazamentos ás carreiras.

Nestas condicións, e contando só coas pequenas aportaciónsque recibe, fáiselle imposible asumir a compra dunha cadeira de rodas adaptada, que custa 6000€. Agora ten unha de terceira man, moito mellor que a outra que tivo, de quinta man.

Sabendo destas dificultades, a Asociación veciñal do Saviñao decidiu en asemblea facer unha doazón humilde de 500 € para axudala a conseguir os seus obxectivos. Cando a visitamos e coñecemos as súas circunstancias, quedamos impresionados pola valentía, a vontade e a forza que demostra, tendo en conta as dificultades que ten que afrontar. Malia todo, ela segue adiante á súa maneira, porque lle gusta correr e tomar decisións. Desexámoslle moita forza e moitos éxitos.

foto copia

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail