A ASOCIACIÓN VECIÑAL ALERTA DA AMEAZA DOS PARQUES EÓLICOS NO TERRITORIO DA RIBEIRA SACRA.
A asemblea da Asociación analizou as consecuencias que derivarán do paso dunha nova liña de alta, procedente do parque Chao do Marco ( Becerreá ), así como da previsión doutro parque eólico que se instalará na parroquia da Broza do noso municipio. A reunión concluíu co rexeitamento destas operacións, que supoñen entregar o territorio a intereses empresariais.
Nos últimos anos estamos vendo unha alarmante proliferación de parques eólicos no conxunto da comunidade e no territorio no que nacemos e habitamos.
Dende esta asociacion desexamos advertir das consecuencias nefastas que traerán estas instalacións:
- AFONDARÁN NO ABANDONO DO RURAL
A presencia dos muíños, o ruído, as torretas de derivación e o seu cableado, os desmontes e accesos farán difícil e incómoda a vida en varios quilómetros ó redor, o que nun curto prazo provocará un éxodo dos habitantes.
Agora que se está a observar un moderado e optimista repunte poboacional e unha crecente restauración de vivendas e aldeas, a perda de atractivo das zonas afectadas polos eólicos freará a demanda de vivienda.
- INCIDENCIA NEGATIVA NA ECONOMÍA
A Ribeira Sacra está despertando un grande interese turístico, e a proba é o crecente número de proxectos empresariais relacionados con esta actividade. Non obstante, co maltrato da paisaxe que supón a presencia dos parques eólicos, a hostalaría, as casas e os pazos de turismo rural e as iniciativas de ocio verán mermada a súa actividade. As labouras de apicultura veránse seriamente afectadas, as inmobiliarias terán neste territorio pouca escasa ou nula demanda: para eles suporía o sacrificio da galiña dos ovos de ouro.
Así mesmo, a construcción das instalacions e das vias de aceso limitará e fragmentará as plantacións e a utilidade dos numerosos montes comúns que atravesa.
- DESTROZO DA PAISAXE
Todos os elementos constructivos destes parques, así como os desmontes de aceso e derivación supoñen unha agresión contra o paisaxe e a natureza, o elemento patrimonial máis valioso que posuímos e que nos levou á candidatura a Patrimonio da Humanidade.
- INCIDENCIA NO MEDIO
A presenza destes parques teñen demostrado o grave prexuízo sobre a biodiversidade da fauna. Aves e mamíferos verán suprimidos os seus nichos ecolóxicos e as vías de tránsito.
- A QUEN BENEFICIARÁN?
A compra ou a expropiación forzosa aos propietarios dos terreos supón uns exiguos beneficios fronte á economía crecente que desenvolven outros sectores produtivos. Os únicos beneficiarios serán as empresas enerxéticas, que se aproveitarán do territorio.
Entendemos que a enerxía eólica é limpa pero non pode ser imposta desta maneira. Para ser sostible a primeira premisa é non molestar nin causarlles prexuizos a quen naceu e habita no territorio. Non podemos permitir que se repita o que aconteceu nun pasado recente coa construción dos embalses e presas, que provocaron a migración da poboación, para beneficio únicamente da empresa.
Por todos estes argumentos consideramos que os parques eólicos supoñen unha ocupación imposta e ilexítima do territorio; que comprometerán o futuro da nosa comarca, ao seren incompatibles co obxectivo de que se recoñeza a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade; e que atentan contra o proxecto dun futuro baseado na economía sostible no noso territorio, afondando no abandono e despoboación.
Escairón a 4 de xuño do 2024.
No mes de setembro crease unha plataforma aberta a todos os veciños para facer oposición á instalación do parque eólico Neboreiro na Broza denominada Pacto Frente aos Eólicos. Difúndese entre os asociados e no facebook da asociación dous modelos de alegacións a presentar.