A ASOCIACIÓN RECLAMA Ó ALCALDE QUE FAGA AS XESTIÓNS NECESARIAS PARA QUE OS VECIÑOS POIDAN ACEDER Á TARXETA DO TRAPORTE GRATUITO SEN TER QUE DESPRAZARSE ATA MONFORTE OU CHANTADA.

A Asociación Veciñal do Saviñao a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía do Saviñao para solicitar que se xestione a tarxeta TMG do programa “TARIFA + 65” na oficina bancaria de Escairón.
Dende xaneiro do presente ano está dispoñible o programa da Xunta de gratuidade do trasporte público mara maiores de 65 anos, denominado “ TARIFA + 65 ” coa tarxeta de mobilidade de Galicia ( TMG ). No seno da asociación recibíronse queixas dos veciños polas dificultades que teñen de aceder a esta tarxeta dado que para conseguila deben desprazarse ata as oficinas de Abanca de Monforte ou Chantada ó non estar autorizada a de Escairón, o que parece un sinsentido e lles supón un obstáculo para ser beneficiarios deste servizo. Este servizo é de sumo interese para os que vivimos no rural dadas as dificultades de mobilidade e desprazamento que temos no territorio.
Por elo SOLICÍTASE da Alcaldía:
Que faga as xestións necesarias para facilitar aos veciños do Saviñao a posibilidade de que este trámite poida ser feito na oficina de Abanca de Escairón ou haberá moitos veciños que non poidan disfrutar deste servizo público por falta de interese ou de diplomacia.
O trasporte público é un elemento imprescindible para ter mobilidade e polo tanto para manter a vida no rural.
Na espera de que a Alcaldía faga as xestións necesarias para conseguir o aceso á tarxeta á maigrande parte da poboación, despídese de Vde. A presidenta da asociación.
Escairón a 27 de xuño do 2024.
facebooktwittergoogle_pluspinterestmail