A A.V. DO SAVIÑAO INSISTE NA NECESIDADE DUN PUNTO LIMPO NO MUNICIPIO.

A Asociación Veciñal do Saviñao, inscrita co nº 13651 no Rexistro Provincial de Asociacións e co nº 14 no Rexistro Municipal, a través da súa Presidenta Celia Ferreiro Riazor, diríxese á Alcaldía e partidos da Corporación Municipal coa finalidade de solicitar a ubicación dun punto limpo no municipìo.

O longo destes dous últimos meses comprobamos como na área adicada a recría, entre o vello campo da Lama e o novo campo de futbol, ía medrando unha extensa área de escombreira, composta de material de obra, mobiliario vello, rodas e outros restos. Como queira que o territorio é de titularidade municipal, consideramos que este novo e amplo punto de verquidos conta co permiso do Concello.

Recentemente víuse como a maigrande parte daqueles materiais foi retirada pero volve a medrar día a día.

Dende a asociación veciñal preguntamos á Corporación municipal si esta escombreira vai ser permitida e si a dinámica vai ser a de continuar acumulando materiais  e periodicamente proceder a súa retirada.

Asemesmo SOLICITAMOS, como xa o fixéramos no ano 2016, a dotación dun Punto Limpo oficial e homologado de depósito de todo tipo de materiais de escombros non orgánicos , xa que é unha das carencias básicas dun municipio do tamaño e características do Saviñao e o actual, coa apertura tan só os sábados pola mañán, é a todas luces escaso e ineficaz. Dito punto limpo debería estar aberto dunha maneira continuada para a súa eficacia e servizo, ben coa presenza dun operario ou cunha previa chamada á un responsable do Concello.

Dende a asociación solicitamos da Corporación Municipal un debate sobre esta carencia e  solución a unha problemática que está ocasionando múltiples pequenos verquidos de escombro en distintos puntos do municipio.

Coa finalidade de ser escoitada esta proposta, despédese atentamente de Vde. A presidenta da asociación. Escairón a 9 de decembro do 2021.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail