Paixon polo cemento

O Concello do Saviñao ten intención de gastar 33.000 euros nunha obra que terá como resultado encerrar con cemento outra vez os espazos verdes de Escairón. Neste caso, trátase dunha berarrúa arredor do Campo da Lama. Ademais de innecesario, este aro de cemento contribúe a reducir aínda máis o espazo verde no que se atopa o antigo campo de fútbol.

O máis preocupante é que este proxecto está na liña das actuacións do Concello desde hai anos con respecto ás zonas verdes da vila. En vez de valoralas e potencialas para o lecer das veciñas e os veciños, estánse a estreitar, rodeándoas de antiestéticos, inútiles e caros elementos “duros”. Podemos poñer os seguintes exemplos:

A Devesa, que é sen dúbida a maior riqueza patrimonial de Escairón, leva anos reducindo o seu perímetro. A última actuación foi a colocación dunha balaustrada incomprensible, cara e fea, que mesmo dificulta o acceso. Mentres tanto, os magníficos carballos centenarios precisan con urxencia unha poda que a Asociación veciñal do Saviñao leva anos pedindo e que nunca se levou a cabo. A necesidade da poda non é só cuestión de saneamento das árbores, neste momento constitúen un perigo para as persoas, porque caen constantemente anacos de pólas que poden mancar gravemente a alguén. Hai poucos días, a un veciño caeulle unha rama no coche que tiña aparcado debaixo dun carballo situado na parte superior do arboredo. Desta vez, só lle rompeu o vidro do coche, outro día pode haber un accidente grave.

As obras no cemiterio provocaron unha forte polémica cando se derrubou o enorme plataneiro que protexía do sol e da calor á veciñanza. Hoxe só hai unha tórrida esplanada de cemento e catro arboriñas que parecen, en comparación coa outra, plantas nun testo.

A Praza Maior é outro exemplo. Hai poucos meses pechouse ao tráfico unha das rúas que rodeaban a praza e, en vez de aproveitar para introducir algun elemento natural, alguna árbore, algo verde que humanizase a praza e a fixese atractiva para a poboación, limitáronse a enlousar radicalmente o novo espazo.

No Campo da Lama tamén se colocou unha balaustrada igual cá da Devesa e agora queren pechar máis o espazo verde cunha beirarrúa. Tendo en conta que no PXOUM o campo de fútbol non aparece como zona verde, senón como Equipamental , dá medo pensar cal será o seguinte proxecto.

Estas actuacións transparentan unha filosofía por parte do Concello que se resume no desprezo polo verde e a paixón polo cemento. O noso maior capital é a Devesa e a súa área circundante. É unha zona de lecer imprescindible para a calidade de vida das veciñas e, en lugar de deixala deteriorarse, o Concello debería comprometerse a coidar esta riqueza natural e a deixarlla ás próximas xeracións como unha valiosísima herdanza que tamén nós recibimos, non hai que esquecelo, coa condición de que o seu uso fose o disfrute do pobo.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail