Solicitude de eliminación das barreiras arquitectónicas nos espazos públicos
No seno da asociación recibíuse queixa dunha veciña pola falta de interese municipal na adecuación dos espazos públicos ó transito e mobilidade das persoas discapacitadas, tal e como recolle a lexislación. Adxunta unha serie de propostas para solventar estas carencias, así como os artigos que se están vulnerando co incuprimento municipal.
A asociación asume esta máis que xustificada petición, trasmitíndoa integramente á Alcaldía.
EXPOSICIÓN:
Recentemente o concello colocou carteis por todo Escairón nos que se solicita ós veciños que non aparquen os vehículos nos sitios prohibidos nin de maneira indebida para non obstaculizar o tránsito das persoas con minusvalía.
Recoñecendo que son didácticos e poden axudar a respetar ás persoas con discapacidades, nembargantes ponse de manifesto a carencia doutras medidas que o concello debería ter tomado nos espazos públicos e municipais para facilitar o acceso a minusválidos, e que o ser responsabilidade municipal estáse incumprindo a lexislación vixente respecto de esta temática: Decreto 35/2000 do 28 de xaneiro polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
Por todo elo, trasmítese a solicitude que nos achegan os afectados
SOLICÍTASE:
1.1. Rebaixes nas beirarrúas. A maioría das beirarrúas non contan con rebaixes para que unha persoa en cadeira de rodas poda circular autónomamente.
Incúmprese a obrigatoriedade de que o deseño e trazado dos percorridos de uso público ou comunitario destinados ó tránsito de peóns realizarase mediante itinerarios peonís adaptados consorte as condicións establecidas na base 1.1 do codigo de accesibilidade e na base 1.2 cando sexa necesario salvar desniveis: Adapatado practicable en pendentes: pendente máxima lonxitude será do 10-12 %, pendente máxima transversal do 2-3 %. Altura mínima de paso libre de obstáculos será como mínimo de 2´10-2´20 metros. Desniveis: cando un desnivel teña a altura equivalente a un só chanzo deberá resolverse mediante rampa adaptada. A altura máxima do chanzo: 15 cm.
1.2.Espazos de uso público. Os parques, xardíns e demais espazos libres de uso público deberán ser adaptados de acordo coas seguintes condicións: Dispoñer dun itinerario adaptado que permita un percorrido polo seu interior e o acceso ós elementos singulares do espazo, así como ós servizos hixiénicos. Así espazos como a zona de díante do concello, a próxima ós aparatos biosaludables da Lama, ou a Devesa, non contan con ningunha adaptación para que as persoas con discapacidade funcional poidan disfrutar deles. Pola contra, si se víu como recentemente foron pechados con balaustres.
Incúmprense os seguintes artigos: Artigo 13 º Adaptación dos espazos de uso público existentes. 1. As vías públicas, os parques e en xeral tódolos espazos de uso público existentes, así como as instalacións de servizos e mobiliario urbano, deberán ser adaptados gradualmente na forma que se determina neste regulamento. 2. Para iso as entidades locais deberán executar plans especiais de actuación co obxeto de adapta-las vías públicas, parques e outros espazos públicos ás normas de accesibilidade previstas neste regulamento de acordo coas seguintes regras e condicións. 3. As administracións públicas galegas establecerán anualmente unha porcentaxe das súas partidas orzamentarias e de investimento para a supresión das barreiras arquitectónicas urbanísticas existentes.
1.3. Reserva de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. En todo o noso Concello non hain unha sóa praza reservada á persoa con discapacidade. É alarmante que non se conte con unha ou dúas prazas no Centro de Saúde, nin no Concello, nin no Auditorio.
Incúmprese: Artigo 21º – Reserva de prazas adaptadas. Nas zonas destinadas ó estacionamento de vehiculos lixeiros que se situen en espazos de uso público ou dean servizo a equipamentos comunitarios, reservaranse con carácter permanente e tan próximo como sexa posible dos accesos de peóns, prazas debidamente sinaladas para vehiculos acreditados que transporten persoas en situación de movilidades reducida.
1.4. Accesibilidade en Edificios de Uso Público e edificios de titularidade pública ou privada destinados a un uso que implique concurrencia de público: establecementos comerciais, hostaleiros, bancarios, bibliotecas, garderías, museos, ..
Incúmprese: Artigo 27.3 A construcción, ampliación ou reforma de edificios de uso público efectuarase de maneira que se garanta que os mesmos resulten adaptados para persoas con limitacións. En Escairón só hai dous bares accesibles, e dous comercios, nin a Biblioteca pública nin o xulgado de paz contan con accesos.
Esperando que o Concello tome as medidas oportunas para poñerse ó día na lexislación vixente e se solucionen os problemas da falta de acceso e mobilidade para os discapacitados no noso municipio, despídese atentamente de Vde. a presidenta da asociación veciñal.
Escairón a 20 de agosto do 2013.
Na data do 18 de decembro acodimos díante do Alcalde para recordarlle a falta de compromiso e actuación, pese a que no verao manifestara estar moi sensibilizado con este tema. Recoñecemos que os rebaixes nas beirarrúas de Escairón estan ben solucionados.
Afirma que vai resultar case que imposible a colocación de elevadores no centro de saúde e biblioteca, por falta de presuposto (cando se fixeron outras obras “prescindibles” como a peatonalización da praza, algunha rotonda con rego automático, a funesta balaustrada que pecha a Devesa detrás do concello, etc…).
Insistimos en que hai medidas que non supoñen inversión, como a reserva de aparcamentos nos edificios e instalacións municipais, ou normativa municipal que obrigue a facilitar o acceso a oficinas e locais administrativos. Esperaremos un tempo prudente antes de volver a insistir.
En xaneiro do 2015 recordámoslle ó Alcalde a falta de execución de todas e cada unha destas necesidades. Como é habitual, recibimos nova declaración de boas intencións.
A mediados do mes de agosto píntase un aparcamento reservado para discapacitados na praza Maior. Esperamos sexa o inicio das sinalizacións solicitadas.