DE NOVO AMEAZAN CON DERIVAR A AUTOVÍA DE MONFORTE A OURENSE POLO SAVIÑAO E CHANTADA.

De novo planea a ameaza de derivar esta autovía polo noso concello, o que nos obriga a responder cos argumentos que xa emitíramos no 2014. Hai interese mostrado polos alcaldes de O Barco e de Monforte en derivala pola estrada entre Monforte e Chantada, ou o que é o mesmo, derivar a A-76 polo traxecto da proxectada A-72, despois de acodir unilateralmente ó Ministerio de Fomento. A esa proposta xa se opuxeron os concellos de Pantón e Sober, así como algunhas das asociacións veciñais de Monforte., como tamén se posicionaron a favor o alcalde de Chantada e o presidente dos empresarios chantadinos.Esta é a nosa postura e parecer:

A Asociación Veciñal do Saviñao, despois de analizar o publicado nestes días referente ao trazado da autovía A-76, diríxese aos medios de comunicación comarcais para trasmitir o sentir veciñal de rexeite frontal á incoerente proposta do Alcalde de Monforte ante o Ministerio de Fomento de derivar o recorrido entre Monforte e Ourense polos municipios do Saviñao e Chantada, tal e como recollía o descartado proxecto da A-72.
En setembro do 2014 a nosa asociación xa trasmitira ó Ministerio de Fomento os argumentos polos que nos opoñíamos a esa innecesaria e cara obra pública.
Coa presente nota de prensa queremos manifestar os motivos do rexeite a esta improvisada e non consensuada proposta:
1. Tal e como se está propoñendo, a hipotética autovía A-76 derivada pola A-72 pasaría pola ribeira do Miño na localidade de Pesqueiras no Saviñao, atravesando o río ata a ribeira de Chantada. Esta zona está incluída na proposta de territorio BIC previo á solicitude de Patrimonio da Humanidade.
Destacar o impacto sobre o patrimonio neste punto dada a proximidade da igrexa románica de Stº Estevo de Ribas de Miño, emblemático elemento da Ribeira Sacra, tal e como recoñeceu o informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Afectaríase directamente ó territorio proposto como Patrimonio da Humanidade, co que o argumento esgrimido polo Alcalde de Monforte, de protexer esta figura patrimonial, cae polo propio peso.
2. O recorrido proposto suporía un negativo e irreversible impacto sobre o medio ambiente e a paisaxe, dada a espectacularidade desta zona do cañón do Miño próxima á presa de Belesar , e a existencia de múltiples viñedos en terrazos que caracterizan á Ribeira Sacra. Ademais, o desdoblamento da actual estrada Monforte-Chantada, ampliada ata 30 metros de anchura, suporía a desaparición de decenas de hectáreas de bosque caducifolio e autóctono existentes a ambolos lados, nunha das zonas da comarca mais densas e pobladas destas árbores.
3. A funcionalidade e interese da autovía veríase seriamente comprometida xa que o traxecto proposto supón aos usuarios un rodeo dúns 30 quilómetros mais de estrada e media hora mais no tempo no tramo Monforte-Ourense. Suporía un serio retraso na comunicación viária.
4. A modificación suporía tamén un encarecemento da obra, xa que para cruzar o Miño sería necesaria a construcción dunha ponte de catro carrís de 750 metros de lonxitude e a tunelización dun quilómetro e medio no territorio chantadino.

Dende a asociación alertamos en que desagraviar ó territorio Sil agraviando ó do Miño, , ou enfrontar aos concellos do norte cos do sur, supón unha nefasta e insolidaria inxerencia política na busca de solucións aos problemas da totalidade do territorio da Ribeira Sacra.
Aconsellamos que antes de tomar decisións que van afectar ó conxunto dos concellos, se consensúen e analizen todos os pros e contras. Como afectados e ameazados por esta decisión unilateral, dende a asociación estamos dispostos a insistir na negativa a este proxecto, acodindo ás instancias administartivas responsables da decisión definitiva que fose necesario.
En Escairón, a 19 de decembro do 2018.

facebooktwittergoogle_pluspinterestmail